A Xunta quere que os maiores de 65 leven máscaras para votar o 12 de xullo e tamén "evitar" cortinas en cabinas

As medidas serán postas en coñecemento dos concellos este mesmo mércores como "colaboradores executores".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2020

O protocolo articulado pola Xunta para a xornada electoral do 12 de xullo en Galicia recolle un reforzo das medidas de seguridade sanitaria nos colexios, que inclúen dar prioridade no acceso aos maiores de 65 anos, gardar a distancia de seguridade de 2 metros, o uso obrigatorio de máscaras e colocar "en lugares de fácil acceso" as cabinas de votación "tratando de evitar" as cortinas nas mesmas para non ter que manipular este elemento.

Así o explicaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante a presentación dun protocolo no que colaboraron ambos os departamentos, e que incorpora as propostas do comité clínico que asesora ao Executivo galego no marco da crise sanitaria do coronavirus.

As medidas de seguridade sanitaria que incorpora --e algunhas peticións sobre o procedemento (como a simplificación do voto por correo) que terá que analizar a Xunta Electoral, xa que non é competencia da Administración autonómica-- serán este mesmo mércores postas en coñecemento dos municipios, como "colaboradores e executores" imprescindibles no proceso. Posteriormente, o protocolo será aprobado no Consello da Xunta deste venres e remitido á xunta electoral.

Rueda ratificou que todas estas medidas de seguridade --por exemplo, haberá máscaras nos colexios por se alguén non a leva ao desprazarse ata o colexio electoral-- terán un custo engadido, aínda que non precisou a canto ascenderá, pero si concretou que será "asumido" pola Xunta como Administración organizadora dos comicios.

Tanto Rueda como Almuiña incidiron en que a situación epidemiolóxica de Galicia vai por bo camiño, pero, en palabras do vicepresidente, a Xunta é consciente de que o 12X "non será unha xornada electoral máis", polo que é preciso dotarse de todas as medidas precisas para garantir a seguridade sanitaria de votantes e membros das mesas electorais.

Así, segundo recolle o protocolo, os electores que acudan a votar deberán levar de forma obrigatoria máscara: ben a que leven do seu domicilio ou unha das que estarán á súa disposición no local electoral. Teranlla que apartar no momento da identificación para emitir o voto.

Tamén deberán hixienizar as mans de forma obrigatoria co xel hidroalcohólico que haberá nos locais antes de facer entrega do seu sufraxio.

LEVAR O VOTO PREPARADO

A Xunta recomenda que, na medida do posible, se leve o voto preparado de casa para evitar ao máximo os contactos. Se houbese que ir a unha cabina de votación, Almuiña explicou que estarán en zonas accesibles e que se "tratarán de evitar" as cortinas que adoita haber, co fin de que non sexa preciso manipular este elemento.

As pautas para os membros das mesas tamén se basean "na hixiene" e no uso de material de protección. En concreto, facilitaránselles catro máscaras a cada un para cumprir "coa necesaria renovación cada catro horas", e tamén disporán dunha pantalla facial.

Así mesmo, contarán con produtos de hixiene para que poidan usalos ao longo da xornada e haberá un dispositivo, como unha bandexa, para que o votante deposite o seu DNI sen necesidade de que sexa manipulado polos membros da mesa.

DISTANCIA DE SEGURIDADE E PRIORIDADE A MAIORES

No plano organizativo, a directriz do protocolo é que se tente manter a distancia de seguridade de dous metros. De non ser posible, e ao levar equipos de protección, determínase que se deberá gardar en todo caso "un metro como distancia mínima".

Ademais, organizarase a entrada dos votantes, priorizando aos maiores de 65 anos e persoas con discapacidade. Co mesmo obxectivo, estableceranse fluxos e circulación, e circuítos separados de entrada e saída cando sexa posible; e instalaranse carteis informativos coas recomendacións sanitarias, así como as indicacións correspondentes no chan sobre distancias e sentido da circulación.

LIMPEZA "PERMANENTE" E MÁIS DUN CENTENAR DE COORDINADORES

Os locais deberán ser correctamente ventilados, antes e durante a xornada electoral, ademais de que se intensificarán as actuacións de limpeza e desinfección previamente e no propio día. De feito, os concellos poderán solicitar que se desinfecte antes da xornada.

E durante a mesma, os locais deberán limparse polo menos tres ou catro veces, cando o autoricen os presidentes das mesas, e incidindo nas superficies máis expostas. Rueda remarcou que estas accións de limpeza serán "permanentes" ao longo de todo o domingo electoral.

Como novidade, á marxe dos representantes da Administración que velan por que cada proceso discorra con normalidade, este 12X a Xunta prevé contratar a un equipo duns "130 ou 140" coordinadores con coñecemento en prevención de riscos que se encargarán de supervisar os locais electorais para que cumpran as medidas que recolle o protocolo.

Visitarán os centros previamente e tamén o propio día da xornada electoral, mediante roldas, para velar por que se cumpren as pautas fixadas.

CUSTO ENGADIDO QUE ASUMIRÁ A XUNTA

Rueda ratificou que todas estas medidas de seguridade --por exemplo, haberá máscaras nos colexios por se alguén non a leva ao desprazarse ata o colexio electoral-- terán un custo engadido, aínda que non precisou a canto ascenderá, pero si concretou que será "asumido" pola Xunta como Administración organizadora dos comicios.

De feito, indicou que o custo das máscaras non se poderá determinar ata ver cantas serán necesarias a propia xornada de votación e precisou que a situación sanitaria tamén esixiría un incremento se os comicios se celebrasen en setembro e non en xullo.

"Seremos os que pomos as pautas, ocuparémonos da súa implantación e tamén da solución dos seus custos", incidiu o vicepresidente, convencido de que Galicia "camiña a paso firme cara á normalidade". "A premisa fundamental é que se vote con total tranquilidade o 12 de xullo", afirmou

Pola súa banda, Almuiña esgrimiu que "todos os datos apuntan a que xullo será un momento tranquilo" para votar "en condicións adecuadas", pero engadiu que o protocolo quere ir "máis aló" para que a xornada electoral se desenvolva coas garantías sanitarias máximas.
 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Votacións.. Papeletas. EUROPA PRESS - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.