Xunta e Concello barallan incluír a Cidade da Cultura como escenario das Festas do Apóstolo

Acordan convocar unha reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 para abordar a reactivación do Camiño de Santiago tras a crise sanitaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2020

A Xunta e o Concello de Santiago abordaron este mércores a posibilidade de incluír a Cidade da Cultura como espazo na celebración das Festas do Apóstolo, dado que a súa amplitude permitiría levar a cabo actividades adaptadas á nova situación provocada polo coronavirus.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantiveron un encontro a través de videoconferencia para coordinar diferentes accións en materia cultural e turística que as dúas administracións están a desenvolver na capital galega.

Entre os asuntos abordados atópase a reapertura das oficinas de turismo de titularidade municipal e autonómica, co fin promover a reactivación do turismo.

No marco do encontro, o alcalde de Santiago trasladoulle ao conselleiro tamén as iniciativas previstas por parte do consistorio compostelán en materia de mobilidade e control de fluxos na contorna da Catedral.

Do mesmo xeito, ambos abordaron aspectos centrados na celebración das Festas do Apóstolo, declarada de Interese Turístico Internacional, que este ano se verá afectada pola situación actual.

Neste sentido, estudaron a posibilidade de incorporar a Cidade da Cultura como un dos escenarios do circuíto desta festa, dado que o complexo é "un espazo diáfano e con zonas amplas que facilitaría a celebración dalgunhas actividades" coas necesarias medidas de seguridade.

COMISIÓN DO XACOBEO

Tamén no campo turístico, ambos os representantes coincidiron na necesidade de convocar unha reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 para abordar a reactivación do Camiño de Santiago tras a crise sanitaria e facer do próximo Ano Santo un "motor da recuperación económica e emocional de toda Galicia".

Nesta liña, a Xunta promoveu a creación dun grupo de traballo coa presenza de representantes do propio Concello de Santiago para impulsar a Ruta Xacobea.

Do mesmo xeito, o Goberno galego, en colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), está a elaborar un protocolo de medidas sanitarias específicas para o Camiño de Santiago que permita incrementar a confianza entre os peregrinos e os territorios polos que transcorren os distintos itinerarios.

Ademais, o Executivo autonómico e a Universidade de Santiago (USC) ultiman os traballos do estudo para analizar o impacto da crise do coronavirus na Ruta Xacobea e esperan presentar os seus resultados en xuño.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.