Fecha, a paisaxe secreta de Santiago que podería rematar baixo toneladas de lixo

Unha asociación de veciños mobilízase contra a ameaza dun vertedoiro que podería deixalos sen auga corrente e mesmo provocar vertidos no Tambre. O proxecto chega á Xunta de Galicia nun momento en que Sogama é incapaz de dar abasto aos residuos entrantes.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2021

Dous todoterreos soben un camiño de terra baixo a sombra dun miñato. Son as seis da tarde dun xoves e o sol cae morno sobre os horizontes infindos ao outro lado do Tambre. Estamos na montaña de Fecha, a dez quilómetros de Santiago, sobre os terreos dunha antiga mina. Pero a cicatriz da explotación apenas se percibe: por entre a vexetación corre un regato e, máis arriba, cantan as ras. “Eu viña xogar aquí cando era pequeno”, conta un veciño, baixando do coche.
 
A montaña de Fecha é un segredo tan ben gardado que nin sequera ten nome. 521 metros de sol e silencio coroados polo xacemento do Castro Maior, dende o cal a Catedral de Santiago se deixa albiscar ao mesmo tempo que a térmica de Meirama. En definitiva, unha xoia esquecida entre estradas comarcais que logo podería desaparecer sepultada baixo toneladas de lixo. 
 
A calma que manda nesta paraxe ao norte da cidade quedou rachada a finais do pasado mes de xullo. Comezaron a aparecer rumores dun novo vertedoiro, primeiro a raíz dunha denuncia do BNG e máis tarde tras o anuncio do Concello de Santiago, que recoñeceu movementos administrativos na área. Dende entón, os veciños veñen mobilizándose na asociación A Pedra que fala, creada expresamente para loitar contra o plan, e que o pasado 8 de setembro acolleu un primeiro acto reivindicativo. 
 
UNHA MINA INVISIBLE
 
Marisa, voceira da asociación explica que, polo momento, non hai unha solicitude formal para instalar alí o complexo. De feito, nin sequera está confirmado quen son os promotores. Con todo, os veciños de Fecha decidiron comezar a mobilizarse de antemán para evitar que os trámites os colleran por sorpresa. “A Xunta reduciu moito os prazos para presentar alegacións, así que temos que estar preparados”, explica a muller, ao volante dun dos coches.
 
A dilixencia dos veciños vén motivada polo exemplo de Miramontes, o gran vertedoiro da comarca de Santiago, situado a tan só 2’5km de onde podería chegar este segundo. A diferenza estaría nas dimensións: mentres que a explotación de Grixoa abarca apenas 5ha, segundo os veciños, a finca cobizada polos novos promotores roldaría as 50: é dicir, uns de 100 campos de fútbol agardando a ser enchidos de lixo. 
 
As medidas finais dependerían da Xunta, organismo que decide se autoriza ou non esta clase de recintos. Fecha xoga con malas cartas nesta batalla, xa que, ao igual que Miramontes, conta cunha orografía marcada pola actividade mineira. Nos últimos anos, as canteiras trocaron no lugar favorito para almacenar lixo, co gallo duns plans de ‘restauración’ que, para os veciños, rematan causando moitos máis problemas que os de ter unha explotación a ceo aberto na parroquia. Pero o caso de Fecha podería ser distinto, xa que as chamadas ‘minas da Barquiña’ levan décadas abandonadas. De aí que entre as pedras de cuarzo fora agromando unha flora e fauna que hoxe fai do lugar un espazo “restaurado de forma natural”, en palabras de María Miramontes, veciña da zona: “xa están repoboadas, non fai falla facerlles nada”, incide.
 
VERTEDOIRO AO CARÓN DO TAMBRE
 
A riqueza do ecosistema que habita en Fecha cristaliza nas pequenas e múltiples lagoas esparexidas pola montaña. Estas masas de auga non son, din os veciños, consecuencia da choiva, senón parte dos mananciais agochados na rocha e que saíron á luz coa actividade mineira. A auga, gran riqueza da zona, podería trocar nun serio problema, xa que a ampla maioría dos veciños se nutren destes xacementos, que estarían xusto debaixo da zona máis propicia para depositar os entullos. En Fecha non hai, ata o momento, unha rede pública da que abastecerse. 
 
O conflito podería ir máis alá das parroquias circundantes, porque a ladeira sobre a que se pretendería erixir o vertedoiro queda en pendente de cara ao río Tambre, recentemente afectado por un vertido de xurros. Os veciños temen o escorregamento de lixiviados --augas derivadas dos residuos-- montaña abaixo, un medo que atopa precedentes nas denuncias que rodean ao veciño vertedoiro de Miramontes. 
 
DA AREA AO AMIANTO
 
Aínda que polo momento non hai petición formal para deixar caer lixo orgánico ou perigoso en Fecha, os veciños dan por feito que, de arrincar o proxecto, rematará acollendo entullos de toda clase. Así aconteceu tamén en Miramontes: a empresa comezou falando dun depósito de inertes --area, barro, etc.-- pero logo conseguiu licenza para materia orgánica, lodos de depuradoras e amianto. As moreas deste último pódense albiscar dende a igrexa de Lamascal, onde os rapaces xogan nun pequeno parque, alleos ao que dorme na outra punta da ladeira. 
 
Os veciños planean opoñerse ao plan do vertedoiro valéndose de dúas frontes: destacar o patrimonio arqueolóxico da zona e, por outro lado, o dano que podería carrexar a explotación sobre a contorna e as súas propias vidas. Pero os informes, explican, son caros, polo que piden ao Concello de Santiago que mobilice os seus propios técnicos a avaliar o terreo.
No Pazo de Raxoi, pola súa banda, tampouco parecen entusiasmados coa perspectiva doutra montaña de lixo ao norte da cidade. Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, critica a regulación da Xunta, que os deixa “absolutamente atados de mans” de cara á loita contra a explotación. Para Rosón, o problema está na Lei do Solo de 2016, que --ao igual que o texto de 2002-- permite usar o chan rústico como depósito controlado de residuos. En definitiva, se o vertedoiro pasa os informes sectoriais da Xunta, o Concello veríase “obrigado” a conceder a licenza e cargar cun segundo Miramontes.
 
UNHA SAÍDA A SOGAMA
 
A Xunta, polo de agora, nin adianta movementos nin aclara se recibiu comunicación algunha por parte dos promotores. Con todo, a administración autonómica podería ser unha das principais interesadas en facer da montaña de Fecha unha gran bolsa de lixo, cando menos se atendemos ás declaracións do BNG e os veciños da localidade.
 
Dende o ano 2000, a Xunta está á fronte da xestión do lixo de Galicia a través de Sogama, compañía que comparte con Naturgy. Pero a planta non sempre dá abasto, chegando a derivar un 26% do seu lixo a vertedoiros externos, segundo os últimos datos publicados. A emerxencia de novos recintos facilitaría o labor da Xunta en Sogama, que podería pasar a pagar menos por exportar os seus entullos ante un aumento de competencia entre vertedoiros. Pero iso é algo que dirá o tempo. Polo de agora, as ras seguen croando na montaña de Fecha, ignorantes de que estes poderían ser os últimos días do verán derradeiro. 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Terreos de Fecha que poderían rematar convertidos nun vertedoiro/GC

Terreos de Fecha que poderían rematar convertidos nun vertedoiro/GC

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.