Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/12/2022
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da declaración de impacto ambiental de dous novos parques eólicos.
Situados entre os concellos de Agolada (Pontevedra) e Antes de Ulla (Lugo), o primeiro, e entre Mazaricos, Negreira e Outes (A Coruña), o segundo, suporán un investimento total de máis de 67 millóns de euros, con 17 aeroxeradores e 67 megawatts (MW) de potencia instalada.
En concreto, o parque eólico Estivada, promovido por Green Capital Power, estará situado en Agolada e Antas de Ulla e contará con oito muíños e un total de 36 MW de potencia instalada. Para iso, a empresa investirá máis de 28 millóns de euros.
A Xunta considerou "viable" desde un punto de vista ambiental o proxecto, sempre que cumpra cunha serie de condicións establecidas na resolución, que teñen que ver coa protección da atmosfera, das augas e os ríos, do chan ou da xestión de residuos, entre outras.
Na mesma situación atópase o parque eólico Banzas, promovido tamén por Green Capital Power entre Mazaricos, Negreira e Outes. Esta infraestrutura suporá un investimento de máis de 39,6 millóns de euros para instalar 9 aeroxeradores cunha potencia total de 31,1 MW. A Consellería tamén ve viable desde o punto de vista ambiental o proxecto, sempre que cumpra con certas características.
Precisamente, estas dúas novas aprobacións chegan despois de que o pasado luns tamén a Xunta dese o visto e prace ás declaracións de impacto ambiental doutro tres parques eólicos situados nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras (A Coruña), Irixo (Ourense) e Lalín (Pontevedra) e Laza e Vilar de Barrio (Ourense), respectivamente.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Parque eólico de Greenalia / Greenalia