Así queda o mapa municipal en Galicia tras unha intensa xornada de investiduras

O PP suma máis de 145 alcaldías, o PSOE un centenar e o Bloque 32 tras a xornada que despexou a incógnita de Ourense. Trece municipios galegos deberán esperar aínda para ter unha nova corporación e en tres de Ourense haberá alcaldía rotatoria.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/06/2023

A principal incógnita desta xornada de investidura despexouse e, tras alcanzar un pacto co PPdeG, que ve garantido o goberno na Deputación provincial, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana) puido tomar de novo o bastón de mando municipal cos votos dos seu dez edís. Salvo sorpresa, os de Jácome votaranse a si mesmos cando se constitúa a institución provincial, o que permitirá que os populares gobernen.

Pero, ademais de Ourense, este sábado quedaron constituídas as corporacións de 300 concellos galegos. Os veciños que tiveron alcalde máis pronto foron os das Nogais, Láncara e Sober, cuxos plenos de investidura se celebraron a medianoite.

En fronte, un total de 13 corporacións quedaron pendentes de constituír en Galicia por diversos recursos e mesmo unha repetición electoral en Castro Caldelas. Ademais de Castro Caldelas, outros dous municipios ourensáns terán que esperar para ver ratificado o seu novo rexedor (Carballeda de Valdeorras e Celanova), así como nove da comarca do Barbanza e Corcubión, na Coruña.

En todo caso, transcorrido este sábado os partidos xa fixeron as súas contas e o PP dá por pechadas 146 alcaldías máis a de Ramirás (Ourense) --en rotación cos socialistas--. Isto outórgalle máis de 46% das alcaldías do país, mentres que os socialistas acumularían ao redor dun centenar (31%) e o BNG con 32 (un 10% do total).

Ademais, hai outros partidos que tamén lograron gobernos, algúns destacados, como o feudo de Narón de Terra Galega, ou Oleiros, onde revalidou Anxo García Seoane (Alternativa dos Veciños).

GUIÓN PREVISTO NO RESTO DE CIDADES

Á marxe do número de alcaldías e unha vez ratificado que Jácome é o novo alcalde de Ourense, este sábado fíxose 'oficial' que o PP segue en desvantaxe no ámbito urbano, aínda que mellorou en resultados con respecto a 2019. Pero o seu único alcalde nas cidades é o ferrolán José Manuel Rei Varela.

Mentres, o socialista Abel Caballero gobernará outro mandato cunha ampla maioría absoluta en Vigo, aínda que os socialistas terán que ceder a Deputación de Pontevedra, que pasará a dirixir o popular Luís López.

Nas outras catro cidades cumpriuse o guión previsto amparado baixo a máxima autonómica de PSdeG e BNG de favorecer gobernos progresistas, quedaron ratificadas como alcaldesas as socialistas Lara Méndez e Inés Rey en Lugo e A Coruña, e a nacionalista Goretti Sanmartín converteuse na primeira alcaldesa de Santiago.

Á súa vez, en Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) foi proclamado alcalde de Pontevedra, afrontando así o que será o sétimo mandato do BNG na capital da provincia "coa obrigación de facelo mellor".

EXCEPCIÓNS Á DIRECTRIZ DE GOBERNOS PROGRESISTAS

A pesar da directriz de socialistas e nacionalistas, houbo excepcións e mesmo un pacto de PP e PSOE en Ramirás (Ourense) que impediu ao Bloque acceder ao goberno nesa localidade, a pesar de ser o máis votado. A cambio, socialistas e populares acordaron repartirse o goberno con dous anos para cada un dos seus candidatos.

O Bloque remarcou nun comunicado que, ademais do sucedido en Ramirás, a pesar de ser a forza máis votada ou a primeira alternativa, en Viana do Bolo e A Guarda os socialistas "non facilitaron" un goberno liderado polos nacionalistas. En Mugardos, incide en que a falta de apoio de EU deu a Alcaldía ao PP.

Ademais, as localidades lucenses de Monterroso e A Pastoriza terán alcaldes do PP en minoría despois de que o resto de forzas políticas das súas respectivas corporacións non lograsen alcanzar acordos para gobernar.

En Monterroso, o popular Eloy Pérez será alcalde por primeira vez con tres concelleiros dos once que ten en total o consistorio ao ser a súa a lista máis votada nos comicios do pasado 28 de maio. E na Pastoriza o PSOE e o BNG, que sumaban maioría entre os dous, non se puxeron de acordo e o candidato do PP, Darío Cabaneiro, foi proclamado como novo rexedor en minoría con cinco edís.

SÓ QUEDA UN ALCALDE PRECONSTITUCIONAL

Quintela de Leirado (Ourense) conserva desde este sábado ao único alcalde preconstitucional que seguirá en Galicia: José Antonio Pérez Cortés (PP), que foi proclamado de novo rexedor, tras recibir un amplo apoio nas urnas o pasado 28 de maio. De feito, Pérez Cortes, que acumula 47 anos co bastón de mando municipal, dirixirá un goberno monocolor, integrado por sete edís populares.

No polo oposto, a provincia de Ourense despediu este sábado ao outro rexedor preconstitucional que quedaba: o autoproclamado "franquista" Senén Pousa, quen deixou a Alcaldía aínda que deu entender que seguirá como concelleiro na localidade na que gobernou medio século.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mostra o bastón de mando municipal.. Agostime - Europa Press / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.