A autora Luisa Villalta será a homenaxeada para o Día das Letras Galegas 2024

Así o decidiu a Real Academia Galega durante unha reunión este mesmo xoves 29 de xuño. Xunta, BNG, alcaldesa de Santiago e A Coruña ou o CCG destacan a elección.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/06/2023

A Real Academia Galega (RAG) dedicará o Día das Letras Galegas 2024 a Luisa Villalta (A Coruña, 1957-2004). Así o decidiu o pleno da institución reunido este xoves en sesión ordinaria. Segundo detallou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, en rolda de prensa, acordaron homenaxear a este poeta e ensaísta o próximo 17 de maio, coincidindo con "o 20 aniversario do seu falecemento".

Villalta, creadora dunha obra "singular e sólida", converteuse nunha das grandes figuras da literatura galega da segunda metade dos anos 80 e primeiros dos 90. Segundo detalla a RAG, trátase dunha escritora que "fai pensar ao mundo contemporáneo" a través dunha obra marcada polo "pensamento apaixonado, a procura de rigor e a exploración artística".

A mestura de poesía e música, engade, é outro dos trazos "definitorios" desta autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou o teatro, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e a tradución. "Unha muller dunha enorme empatía que construíu o discurso da literatura galega nos anos 90", resaltou Freixanes.

Pola súa banda, Ana Romaní, quen encabezou a proposta da candidatura de Villalta xunto coa académica Margarita Ledo, destacou a súa literatura "esixente, rigorosa e xenerosa". "Esta escritora vainos a permitir pensar no presente, algo que necesitamos con urxencia", puntualizou. Na mesma liña, Ledo incidiu en que é unha autora "plena" que convoca pensamento "conflitivo e contraditorio, absolutamente en presente e necesario".

OBRA

Desde a publicación da obra teatral 'Concerto para un home só' (1989) ata o seu falecemento no ano 2004, a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024 publicou máis de 15 volumes; desde outro catro obras teatrais e o ensaio sobre o 'Don Hamlet' de Cunqueiro (1992) ata 'As chaves do tempo (2001), a súa última novela, e numerosos artigos de carácter xornalístico.

Luisa Villalta naceu o 15 de xullo de 1957 na Coruña, segundo sinala a RAG, espazo "vital fundamental" que deixaría unha "profunda pegada" na súa obra. Titulada superior de violín, formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Nova Orquestra de Galicia. No entanto, decidiu dedicarse ao ensino tras licenciarse pola Universidade de Santiago de Compostela na Subsección de Galego-Portugués e en Hispánicas.

A poesía é o xénero que "maior proxección" lle achegou, engade a institución. O título do seu primeiro poemario 'Música reservada' (1991) visibiliza a mestura de dúas formas de expresión. Catro anos despois publica 'Ruído' e tamén en 1995, 'Rota ao interior do ollo".

'En concreto' é o último poemario que deixou escrito en vida, recoñecido en xaneiro de 2004 co XII Premio de Poesía Espiral Maior do que o xurado destacou o seu "carácter expresionista, o pensamento crítico maduro e o equilibrio estilístico entre o conceptual e o visionario".

A súa obra 'Papagaio' (2006), publicada dous anos despois do seu falecemento, é unha colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira. A súa poesía complétase con 'As palabras ingrávidas' (2020).

REACCIÓNS

Numerosas personalidades da política e a cultura galega mostraron este xoves o seu respaldo e alegría pola elección do poeta Luisa Villalta por parte da Real Academia Galega como homenaxeada polas Letras Galegas 2024. A través das redes sociais, moitos foron os galegos que celebraron o recoñecemento ao talento e sensibilidade do poeta coruñesa. Entre eles, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que compartía en Twitter a "alegría" coa que recibía a noticia.

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comentaba a "boa noticia", así como a tamén nacionalista alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para a que se trata dunha "magnífica noticia".

Outra alcaldesa, a da cidade de nacemento da homenaxeada, Inés Rey, facíase eco da elección. "Marabillosa noticia que nosa querida Luisa Villalta sexa a autora escollida nestas Letras Galegas 2024. Coruñesa orgullosa desa 'Cidade Alta' que describiu nos seus versos.  Marea Atlántica tamén apelaba ás orixes de Villalta nunha mensaxe compartida nas súas redes sociais. "Luisa Villalta terá o seu Día dás Letras en 2024 e desde a cidade tatuada na pétrea pel do mar só podemos celebralo".

O departamento de Cultura do Goberno autonómico tamén celebraba a noticia asegurando nas súas redes sociais que haberá "moito que celebrar en 2024 para recoñecer a figura de Luisa Villalta". Para o Consello da Cultura Galega (CCG), a escritora e violinista destacou "pola forza da súa voz e polo seu compromiso social", mentres que A Mesa pola Normalización Linguística, da que foi socia Villalta, definiuna como "unha muller comprometida co activismo lingüístico".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Luisa Villalta/culturagalega.gal

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.