Sanmartín convida a Feijóo ás celebracións do 25 de xullo como "representante máxima" de Santiago

A alcaldesa de Santiago aclarou que a celebración 'Alba de Compostela', non coincidirá en horario co resto dos actos "existentes e previstos" e insistiu en que todas autoridades están convidadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2023

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, respondeu este luns ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, que ela ostenta a "representación máxima do Concello de Santiago de Compostela" e que será exercida pola súa persoa en todos os actos institucionais, salvo na "liturxia" que se celebra na Catedral o 25 de xullo con motivo da Ofrenda ao Apóstolo.

Así, no medio das críticas da oposición por non acudir á tradicional misa e tras anunciar outro acto máis propio do Concello de Santiago para o 25 xullo, Sanmartín respondeu así ao ser preguntada pola proclama feita polo líder dos populares este domingo na praza de touros de Pontevedra. Feijóo dixo que "ocorra o que ocorra" na cita coas urnas do 23 de xullo, el volverá o 25 para acudir aos actos e "substituír á alcaldesa de Santiago".

"As palabras ás veces enganan á xente, porque non creo que quixese dicir que será en substitución, porque como alcaldesa de Santiago son a máxima representación dela", manifestou, con certa ironía, a rexedora compostelá, quen incidiu en que unicamente non acudirá aos actos "litúrxicos".

É máis, deulle a benvida ao líder dos populares, e a todos os demais representantes políticos, para que "participen" en todos os actos institucionais do tamén Día de Galicia, aínda que recalcou que será ela quen ostente a representación "máxima" da corporación local.

"ALBA DE COMPOSTELA" EN HOMENAXE A CASTELAO

Ao fío diso, Sanmartín referiuse ao acto que propón institucionalizar como "propio do Concello", que se chamará 'Alba de Compostela', en alusión ao 75 aniversario da pronuncia do discurso 'Alba de Gloria' de Castelao.

A preguntas dos xornalistas, aclarou que esta celebración non coincidirá en horario co resto dos actos "existentes e previstos" e insistiu en que todas autoridades están convidadas.

"Todos os que participen no acto de ofrenda ao Apóstolo, e que veñan en calidade de autoridades, teñen as portas abertas do Pazo de Raxoi para participar no acto de 'Alba de Compostela', como non pode ser doutra maneira", sentenciou a alcaldesa.

A alcaldesa de Santiago de Compostela convidou á cidadanía a participar na 'Alba de Compostela', o acto institucional que o Concello ten previsto realizar o 25 de xullo no Pazo de Raxoi a pesar de critícalas do PP e do PSOE sobre a súa celebración.

"O acto chamarase 'Alba de Compostela' e ten como obxectivo impulsar un acto propio do Concello de Santiago para celebrar o día grande da festa mais importante do calendario anual, sen ningunha dúbida", proclamou a rexedora compostelá.

Ademais, Sanmartín expresou que o evento se realizará para "reafirmar o papel de Santiago como capital de Galicia" e para "homenaxear ás persoas ou institucións que constrúen Compostela todo o ano". Por ese motivo, a alcaldesa xustificou que esta celebración levará a cabo para "darlle lugar a unha representación da cidadanía nos actos oficiais".

Sanmartín explicou que o acto se celebrará no Pazo de Raxoi, o día 25 de xullo. Constará dunha homenaxe a persoas e institucións que "constrúen á cidade" durante todo o ano, baseándose na relevancia, o arraigamento e a proxección dos galardoados que, segundo a alcaldesa, serán do "gusto e agrado" da sociedade compostelá.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



A alcaldesa entrante da cidade, Goretti Sanmartín (BNG), na sesión de constitución do Concello de Santiago de Compostela, a 17 de xuño de 2023, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Os case 8.100 concellos españois en l. Álvaro Ballesteros - Europa Press / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.