Santiago espera unhas festas do Apóstolo con cheo total aínda que con "contención do gasto" na hostalería

Alfonso Rueda será o día 25 o delegado rexio na tradicional Ofrenda ao Apóstolo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2023

Santiago de Compostela celebrará o vindeiro martes, 25 de xullo, o día grande das festas do Apóstolo, unha celebración que tradicionalmente atrae aos visitantes á cidade e na que este ano, para non ser menos, tamén se espera un cheo total nos establecementos hoteleiros para os días centrais, aínda que cunha "contención do gasto" derivada da inflación.

O Camiño de Santiago e a afluencia de turistas na cidade mantívose desde o arranque de 2023 en niveis do último Ano Santo, con datos "moi positivos" para a hostalaría. Esta ponte, segundo apuntan desde o sector, as previsións serán similares ás do ano pasado, cunha media de ocupación por encima do 80 % para os días centrais.

Segundo explicou a Europa Press o presidente de Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, os hostaleiros confían en que as reservas de última hora permitan colgar o cartel de cheo para os días centrais, isto é, a noite dos Lumes. En todo caso, afirma, "non se está notando" afectación polas eleccións do domingo.

O presidente desta asociación apunta que, como xa ocorre desde hai algúns anos, "priman moito as reservas de última hora" e, a diferenza doutros anos, están a detectar que hai "reservas que se cancelan e a mesma persoa volve reservar", no que parece a "caza dun prezo máis alcanzable".

De feito, un dos elementos máis significativos é, para Thor Rodríguez, a "contención do gasto". Xa nos pasaba o verán pasado, pero este "nótase máis", destacou, apuntando que a xente "segue acudindo á hostalaría, pero modera o gasto", co cal os ingresos non soben ao nivel da ocupación.

En canto á orixe dos viaxeiros, Thor Rodríguez destaca unha alta presenza de turistas internacionais, algo que "adoita ser habitual" nos meses de xullo e agosto en Santiago, sobre todo pola influencia do Camiño. Segundo datos de Hostalaría Compostela, dos aloxados estes días en Compostela, un 75 % son de fóra de España (sobre todo de Alemaña, Inglaterra e Estados Unidos) e o 25 % nacional, especialmente de Galicia, Castela e León ou Madrid.

ESCAPADAS DOS GALEGOS

Na outra cara da moeda, os galegos optan esta ponte por visitar, en primeiro lugar, a súa propia comunidade e, a continuación, puntos como Cantabria ou Cataluña.

Así o reflicten os datos achegados a Europa Press polo portal de viaxes curtas Weekendesk, que estima en 200 euros o gasto medio dos galegos nestas escapadas. As experiencias preferidas son as de benestar (o 62 %), seguidas das de gastronomía (36 %).

DÍA DO APÓSTOLO

O 24 de xullo Santiago de Compostela volverá vivir os seus tradicionais 'Lumes', unha vez máis lanzados de maneira simultánea desde cinco puntos da cidade (Alameda, Parque de Eugenio Granell, Cidade da Cultura, Parque de Carlomagno e As Cancelas).

Con eles, darase inicio ao día grande de Galicia, o 25 de xullo, no que a Catedral de Santiago volverá acoller a tradicional Ofrenda ao Apóstolo. O delegado rexio será o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que xa desempeñou este papel o pasado 30 de decembro no acto de Translación.

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, presidirá a celebración, que arrincará ás 10.00 horas na Praza do Obradoiro cunha cerimonia civil e pase de revista ás tropas. A esa mesma hora iniciará a procesión do Padroado, que sairá pola porta de Pratarías para encamiñarse cara á Praza do Obradoiro.

Posteriormente, a procesión relixiosa e a civil uniranse para acceder á Catedral, onde se celebrará unha Eucaristía con Ofrenda ao Apóstolo Santiago, Para concluír os actos, haberá unha recepción no Pazo de Raxoi.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Vista de fogos artificiais durante os Lumes do Apóstolo nas Festas do Apóstolo Santiago, a 24 de xullo de 2022 / César Arxina

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.