Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 23/07/2023
A participación nas eleccións xerais ata as 18.00 horas sitúase en Galicia no 55,96 % co 100 % das mesas analizadas, case tres puntos máis que no 2019 (+ 2,70), segundo os datos ofrecidos na páxina web do Ministerio do Interior lanzada para estes comicios. A nivel nacional, a porcentaxe de participación baixou con respecto ás anteriores votacións: un 53,13 %, case catro puntos menos (- 3,72).
Nas pasadas eleccións do 10 de novembro de 2019 a participación á mesma hora era do 53,26 % en Galicia, polo que durante as primeiras horas da celebración destes comicios este valor aumentou en case tres puntos porcentuais. En España era do 56,85 %, case catro puntos máis que na actualidade.
Dos 2.077.415 galegos chamados a acudir ás urnas este domingo, 1.240.537 xa exerceron o seu dereito ao voto. Unha cifra moi superior respecto dos pasados comicios, cando a tal hora 1.191.250 cidadáns xa depositaran a súa papeleta. En España, foron xa 18.671.607 persoas as que meteron a súa papeleta nas urnas, dun total de 35.140.881 chamadas a votar. En 2019 a esta hora foran 19.823.843, un millón de persoas máis.
Por provincias galegas, todas presentan neste primeiro avance cifras de participación máis altas. En concreto, na Coruña 516.142 cidadáns xa acudiron ás mesas electorais para votar, o que supón o 55,96 % dos censados, sendo os veciños de Irixoa (64,31 % de participación), Paderne (64,11 %) e Dodro (63,89 %) os máis participativos da provincia.
Pola súa banda, o 57,45 % de pontevedreses con dereito a voto (443.924) xa visitaron as urnas, cos censados en Mondariz-Balneario (63,14 %), Agolada (62,68 %) e Baiona (61,92 %) en cabeza.
En Ourense, 135.210 galegos votaron desde a apertura das mesas electorais, o que significa un 53,46 % dos censados: as porcentaxes máis altas acadáronse en Beade (a máis alta de Galicia, cun 68,40 %), Baltar (65,77 %) e Vilardevós (64,92 %).
Por último, ata este momento, 145.261 censados en Lugo, un 54,03 %, depositaron o seu voto nas súas circunscricións da provincia: os tres municipios con máis participación na provincia son polo de agora Friol (66,49 %), Trabada (64,52 %) e As Nogais (64,46 %).
A esta hora, todas as mesas de Galicia permanecen abertas e a apertura das mesmas transcorreu sen incidentes. Ademais, todos os líderes políticos da esfera galega e nacional xa exerceron o seu dereito ao voto.
Cabe destacar que un total de 139.068 galegos do censo de residentes nas catro provincias xa exerceron o seu dereito a voto nestes comicios a través de sistema de correo, segundo informou este sábado Correos.
Con estes datos, o voto por este sistema case multiplica por tres ao emitido así nas últimas xerais de 2019, cando foron 44.301 votos os recibidos en custodia o último xoves de campaña electoral.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Unha persoa con indumentaria de praia exercen o seu dereito a voto durante as eleccións xerais, no Colexio Público Nº1, a 23 de xullo de 2023, en Foz / Carlos Castro