Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/07/2023
Alfonso I do PPdeG afianzase en Galicia. Os resultados deste 23X consolidan o seu poder en Galicia. Un poder que chega grazas, principalmente, ao "efecto Feijóo" en Madrid pero que administrará o seu sucesor que olla xa cara as eleccións galegas que tocan para dentro dun ano, se non se adiantan.
Os populares arrasan en Lugo e Ourense onde levan tres dos catro escanos en xogo e teñen catro na Coruña, os mesmo que PSdeG, Sumar e BNG. A única mancha dos populares está en Pontevedra, onde empatan en escanos cos socialistas, pero onde gaña contundentemente a esquerda xa que Sumar tamén obtivo outro escano. Uns resultados nos que ten que ver moito Vigo, a única gran cidade galega onde o PSOE obtén mellores resultados que o PP. No resto, os populares estiveron moi por riba do 40% dos votos.
A mobilización do voto en Galicia beneficiou aos populares que subiron case un 12% no conxunto do país. Transcorrido pouco máis dun ano desde a marcha de Alberto Núñez Feijóo de Galicia, os populares logran que nestas xerais haxa 219.000 votos máis da gaivota nas urnas respecto de 2019 e tamén 140.800 papeletas máis da gaivota respecto das municipais de fai tan só un par de meses.
LUGO
Os populares logran superar o limiar do 50% dos apoios na provincia de Lugo, antigo fortín de José Ramón Gómez Besteiro, exsecretario xeral do PSdeG rehabilitado tras pecharse diversas causas xudiciais nas que foi implicado e que é un dos nomes que soa como posible candidato socialista á Presidencia do Goberno galego.
Unha suba, a do PPdeG, que non se corresponde coa baixada do PSOE que só caíu un 1,4% dos votos, os mesmos que subiu un BNG. O BNG anótase unha subida de 1,39 puntos no nivel de voto, tras lograr 30.000 papeletas máis da estrela vermella nas urnas respecto das xerais de fai catro anos. Pero na cita coas urnas para as municipais de hai só dous meses, os nacionalistas conseguiran 98.000 votos máis e nestas xerais quedan como cuarta forza, lonxe das expectativas que se autoimpoxese a portavoz nacional nacionalista, Ana Pontón.
E AGORA QUE?
Tras os resultados deste domingo é moi probable que Rueda non adiante as eleccións que tocan para dentro dun ano, iso se non hai unha repetición electoral. É o tempo que ten o actual presidente da Xunta para consolidar o seu poder en Galicia e tentar o que xa fixo Feijóo nas últimas tres lexislaturas e antes Fraga durante catro, conseguir unha nova maioría absoluta para o PP.
Todo dependerá do que pase en Madrid e dos "pactómetros" do PSOE e nacionalistas. Uns pactómetros que poden servirlle a Rueda durante este ano como un revulsivo electoral para continuar cos argumentos que utilizaba antes Feijóo e que segue utilizando agora Rueda; que o PSOE marxina a Galicia. Tamén dependerá de se a esquerda en Galicia, PSdeG, BNG e Sumar son quen de artellar unha alternativa sólida de goberno que poida ilusionar como no seu día ilusionou o bipartito.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo (2d) e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d) na Romaría do PPdeG / César Argina - Europa Press