Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2023
O presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, saíu en defensa do seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, nun escenario no que empezaron a transcender algunhas voces críticas dentro do partido cara ao seu liderado, e ante a plana maior do partido en Galicia pediu "serenidade" e "apoio sen fisuras" para quen "gañou" o 23J.
"Feijóo gañou o domingo e fíxoo cun apoio abafador de Galicia. E Galicia quere que tente ser o presidente do Goberno", sentenciou Rueda, quen analizou na xunta directiva autonómica os resultados do pasado 23J e arrefriou a posibilidade dun adianto das eleccións autonómicas que tocarían o ano que vén.
"Eu reivindico o seu dereito a exercer e facer o que ten que facer un gañador das eleccións. Reivindico o dereito de Feijóo a formar goberno", aseverou, nunha intervención na que destacou que os populares galegos "cumpriron", só por detrás da Rioxa, o "compromiso" de ser o territorio con mellor resultado o 23J.
Agora, incidiu en que "o reto é formar goberno" no Estado e, tras reflexionar sobre os escenarios que se abren --considerando o "peor" o do "bloqueo"-- e subliñar que en Galicia se preservará a "estabilidade" e seguirase "gobernando", lanzou unha mensaxe en clave interna: facer "o posible" e "animar" ao candidato "gañador" a que trate de ser investido presidente estatal.
Tras insistir en que hai que ter "serenidade" e darlle apoio "sen fisuras", reiterou que, se finalmente entra na Moncloa --unha opción que neste momento parece afastada ante a falta de apoios--, o PP galego será "esixente" con el. Iso si, tamén se mostrou convencido de que "cumprirá".
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Feijóo e Rueda no acto de peche de campaña na Coruña.. M. Dylan - Europa Press / Europa Press