Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2023
A xunta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a asociación Xornalistas Galegas expresaron a súa condena polo "ataque" verbal do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, á xornalista e delegada de La Voz de Galicia nesta localidade, Ruth Novoa.
Entre outras cuestións, o rexedor cuestionou na súa rede social a profesionalidade da xornalista e que ostente ese cargo e fíxoo cunha publicación acompañada dunha fotografía dela.
"Xa é hora de que o rexedor cese por completo a súa estratexia de desprezos reiterados cara aos e as profesionais do xornalismo, completamente intolerables nun cargo público", apuntou o colexio, que cualifica de "impertinencia e completa falta de respecto" o contido da mensaxe cun "compoñente sexista que fai máis aínda impropia e condenable" a actitude do alcalde.
O Colexio de Xornalistas advirte que as declaracións de Jácome son "moito máis que un ataque persoal", xa que se trata de "unha agresión a toda unha profesión e unha vulneración da liberdade de prensa". "Un atentado contra os dereitos máis básicos da cidadanía que se agudiza pola reiterada insistencia neste tipo de comportamentos por parte do alcalde de Ourense", ao que xa se dirixiron en varias ocasións e ao que lle piden "manter unha relación adecuada cos medios".
Pola súa banda, Xornalistas Galegas tamén saíu en defensa de Ruth Nóvoa, que conta "cunha recoñecida traxectoria de moitos anos". "Ningunha desavinza xustifica un comentario como o expresado polo alcalde de Ourense. Está totalmente fóra de lugar e o rexedor debería desculparse", apuntou na súa rede social X, nunha publicación na que advirte que "non todo vale".
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa / Agostime - Europa Press