Rueda sobre a condonación da débeda a Cataluña: "As débedas non se perdoan, o único que se fai é cambiar de pagadores"

O presidente da Xunta tacha de "mentira" que se condone a débeda tamén ás outras comunidades nas mesmas condicións. Desde Lugo, vincula ao "gran negociador" Gómez Besteiro co acordo entre PSOE e ERC.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 05/11/2023

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, cualificou de "mentira" que se vaia a condonar a débeda a todas as comunidades nas mesmas condicións que a Cataluña e pediu "o mesmo trato, como mínimo, para Galicia" que para os demais. Así se pronunciou este domingo durante a súa intervención en Lugo, durante a tradicional pulpada organizada polo PP provincial á que tamén asistiu a súa presidenta, Elena Candia.

No seu discurso, Rueda arremeteu contra o acordo do PSOE con ERC para a investidura de Pedro Sánchez ironizando co prezo que os asistentes tiveron que pagar pola comida deste domingo: "Os 40 euros que pagastes todos os que estades aquí é a décima parte do que tedes que pagar a Cataluña".

E iso foi "grazas a ese gran negociador que, ademais, é de Lugo", dixo, en referencia ao candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, que formou parte do equipo que liderou o diálogo para os acordos de investidura de Sánchez. Segundo cifras de Alfonso Rueda, na mesma liña que a declaración institucional que leu o venres como presidente da Xunta, os 16.300 millóns de euros que o Goberno condonará á Generalitat catalá "custarán 400 euros a cada galego".

Así mesmo, advertiu que isto é "tan só o primeiro asalto" dos 450.000 millóns que, segundo Junts, o Estado debe a Cataluña. Rueda explicou que as débedas "non se perdoan nin desaparecen. O único que se fai é cambiar de pagadores e, no canto de ter que pagar esa débeda quen pediu o diñeiro, vaise a distribuír entre todos".

"PÓDESE BAIXAR IMPOSTOS"

Non en balde, o presidente galego reivindicou o traballo da Xunta con medidas como rebaixas fiscais e refugou as críticas da oposición: "Por moito que diga a esquerda, pódese baixar impostos se fas unha boa xestión económica e non optas por endebedarte coa idea de que logo paguen outros".

Destacou a Galicia como "unha illa de estabilidade" fronte ás "incertezas" do Executivo estatal en cuestións como a xestión dos fondos europeos (referiuse a a planta de fibras téxtiles que Altri proxecta en Palas de Rei) e as infraestruturas na provincia de Lugo (polo estado da A-6 e o viaduto caído na fronteira con León).

"A xente quere que as administracións nos dediquemos a traballar e a facerlle as cousas máis fáciles cando todo se está pondo cada vez máis difícil. E a iso dedicámonos e seguirémonos dedicando en Galicia: a estar preparados, a ofrer estabilidade e a facerlle aos galegos a vida máis fácil", proclamou.

CANDIA PIDE UNHA MAIORÍA ABSOLUTA PARA RUEDA

Pola súa banda, a presidenta do PP de Lugo cualificou a Pedro Sánchez como un "dirixente sen ningún tipo de escrúpulos" que, ademais, ten "esquecidas" as infraestruturas da provincia. "Aos socialistas de agora, que non aos de antes, a provincia de Lugo non ten nada que agradecerlles", sinalou Elena Candia.

Neste contexto, lamentou que o candidato do PSdeG á Xunta senta "orgullo deses agravios e de dar a outros o que lles pertence aos galegos a cambio de nada". Fronte a Besteiro, Rueda é "un presidente que goberna para as persoas" e Candia prometeu traballar "para que obteña a súa primeira maioría absoluta", que será a quinta consecutiva para o PPdeG.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



O presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, na tradicional pulpada do PP de Lugo / PPDEG

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.