Cada vez chega máis droga a Galicia: "Se antes eramos un porto de paso, agora a heroína ten aquí o seu destino final"

Fernando J. Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, conta a Galicia Confidencial cal é a realidade do narcotráfico en Galicia a día de hoxe, nunha terra na de Oubiña ou Charlín se fixeron ricos a conta de moitas vítimas dun turbio negocio que se recrudece. As planeadoras volven ás rías galegas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 27/11/2023

Lonxe quedaron os tempos dos Charlín ou dos Oubiña en Galicia, cando toneladas de droga entraban case cada día polas nosas rías, como zona de paso cara Europa... Ou non tan lonxe? Semella que nos últimos tempos estamos a vivir un rexurdimento do narcotráfico na nosa terra e que, a diferenza no que sucedía no pasado, onde a principal porta de entrada era a ría de Arousa, agora as organizacións criminais son cada vez máis pequenas e vanse diversificando, servíndolles calquera ría para colar as substancias ilegais. Así, as planeadoras volven ás nosas rías e xa hai moitos galegos que volveron presenciar persecucións marítimas dignas de vellos tempos. Fernando J. Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, desvélanos a realidade actual desta lacra tan enraizada na nosa comunidade.

"Estamos nun momento complicado, porque estamos vendo que non deixan de aumentar os envíos de droga con destino a Galicia e, paradoxicamente, temos cada vez máis droga entrando e menos medios para combatila, o que supón un problema moi importante", asegura a Galicia Confidencial. J. Alonso ve tamén na actualidade "un momento decisivo para sentar precedentes", pero "hai que tomar decisións xa se realmente queremos reverter esta situación e non ir parándoa a duras penas". "Se realmente queremos cambiar as cousas hai que tomar decisións importantes, porque atopámonos nun intre que pode marcar o futuro da loita contra o narcotráfico nos vindeiros anos", asegura, incidindo en que, "ou se fan máis cousas ou co que facemos non chega, non está mal, pero non é suficiente".

Proba de que este negocio segue a ser moi lucrativo é a detección este mesmo ano dun novo narcosubmarino no interior da ría de Arousa. Semanas antes de atopalo, apareceron dúas planeadoras varadas en Ribeira que terían que ter recollido o alixo que transportaba o semisumerxible, de 15 metros de eslora e localizado a unha milla do porto de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa. Sospeitase que cargaba máis de 5.000 quilos de cocaína. Con el, xa son tres os narcosubmarinos que apareceron en Galicia tras o que se afundiu na ría de Aldán en novembro de 2019, con tres toneladas de cocaína a bordo, e o localizado no 2006 nas augas da ría de Vigo, construído de forma caseira. Tamén cabe recordar fai ben pouco a detección en Vigo do barco pesqueiro que portaba no seu interior máis de 2.000 quilos de cocaína, e que foi abordado a unhas 40 millas da costa. A operación vinculouse ao Clan dos Balcáns.

E é que no pasado pode que resultase máis sinxelo combatir esta lacra. A porta de entrada estaba clara para a maioría dos envíos: a ría de Arousa. Agora, as cousas xa non son así. O xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico asegura que "fai un tempo a Galicia viña o 80 % da cocaína con destino a Europa, e agora as cousas xa non son así, nin moito menos: Galicia é destino da droga, pero como todo o arco mediterráneo español, de Cataluña a Valencia e especialmente Alxeciras, ademais de todo o norte de Europa, onde os portos de Rotterdam e Amberes son un auténtico coadeiro de cocaína". Deste xeito, "hai máis rutas, diversifícanse os lugares de entrada". En Galicia, de feito, a ría de Arousa perdeu forza, pois "cando hai moita presión policial nun determinado lugar tenden a irse a outros", explica J. Alonso, que asegura que hoxe en día "para estes criminais calquera ría é boa para meter a droga, a unha planeadora cústalle o mesmo meterse na ría de Arousa que na de Muros, na de Fisterra ou nas Rías Altas".

Do mesmo xeito, tamén cambiaron os métodos de entrada. "Antes viña sempre o típico barco pesqueiro cargado con toneladas de droga e, agora, pode vir dende un pesqueiro ata un veleiro ou calquera barco, mesmo en contedores, aínda que o medio marítimo adoita ser o favorito dos narcotraficantes, pero non é exclusivo", asegura. Así as cousas, nos últimos tempos vólvense a ver planeadoras surcando as rías a toda velocidade, perseguidas (ou non) por patrullas de axentes. "Estamos volvendo a ver cousas que semellaba que xa eran historia, como as planeadoras nas rías, o que non é máis que outro exemplo de que co que estamos a facer nesta loita non é suficiente", advirte J. Alonso. E é que os narcotraficantes déronse conta de que houbo un tempo no que, como xa non viña droga nelas, se deixou de perseguir ás planeadoras, polo que volveron a usalas.

Pero, que tipo de substancias están a entrar agora en Galicia? Se no pasado foi o tabaco e de aí se deu o salto á cocaína, agora comeza a gañar prestixio a heroína. O xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico apunta que "a Galicia chega preferentemente cocaína, pero tamén somos punto de chegada de partidas importantes de heroína, como se deixou notar nas últimas operacións, algunhas delas este mesmo ano (fai tan só un mes incautouse un tráiler de heroína con 30 quilos a bordo con destino á comarca do Salnés)". "Esta tendencia non é nova, Galicia sempre foi un punto de paso, pero o que si é máis novo é que agora se está a converter tamén nun punto de destino, pois a cocaína chega aquí como un lugar transitorio para distribuírse por Europa, pero a heroína ten o seu destino máis finalista aquí en Galicia, pois vaise a distribuír pola nosa terra e o norte de Portugal", indica. E, advirte de que, "aínda que a heroína se move menos que a cocaína, xa se deron intervencións moi notables con decomisos de heroína importantes que amosan que Galicia tamén ten un protagonismo especial para a distribución desta substancia".

"HOXE OS MÍTICOS CLANS COEXISTEN CON GRUPOS MÁIS PEQUENOS QUE APRENDERON QUE CHAMAR A ATENCIÓN SÓ LLES LEVA AO CÁRCERE"

E como todo se diversifica, as organizacións non ían ser menos. Cada vez son máis os que se suman ao pastel. "O mundo globalizouse e o narcotráfico pode que sexa un dos primeiros negocios que se globalizaron, antes mesmo de que existise esa palabra", afirma J. Alonso, que o evidencia no feito de que "a droga é un tipo de envío que, polas súas características, parte dun país, pasa por outros como camiño cara un destino final e hai organizacións de orixe e destino que teñen moi distintas nacionalidades". Iso que significa? "Que nos tempos actuais hai multitude de organizacións na nosa terra, non só as galegas que traballan aquí en Galicia, senón que existe unha atomización maior, e atopámonos con grandes estruturas máis piramidais".

O tempo dos clans, como o dos Charlines, deron paso a unha nova realidade. "Os clans, desgraciadamente, seguen existindo e coexisten con novas organizacións que non seguen a súa estrutura", advirte o experto, apuntando que "antes os clans tiñan unha cabeza moi visible, un Charlín ou un Oubiña son claros exemplos, e todos os demais colgaban por abaixo, pero agora non, hai grupúsculos máis pequeniños, máis autónomos e menos coñecidos, moito máis anónimos, porque saben que se están a xogar a súa supervivencia". Ter grandes casos ou coches de luxo pode poñer sobre eles o punto de mira da policía ou despertar sospeitas entre os veciños. "Aprenderon que chamar a atención só lles leva ao cárcere", conclúe J. Alonso.

"NORMALIZAMOS O NARCOTRÁFICO COMO SE FOSE PARTE DA NOSA PAISAXE"

O narcotráfico é unha realidade intrínseca de Galicia. Todos coñecemos a alguén que pasa, compra ou vende droga. Mesmo pode que saibamos que o noso veciño é narcotraficante ou que está a gañar cartos metido no negocio da droga. Con todo, semella que o aceptamos como algo normal. "Hai unha cousa que para nós sempre foi motivo de satisfacción: a sociedade galega foi unha das primeiras en levantarse e rexeitar frontalmente ao narcotráfico no seu momento, e isto segue sucedendo, aínda que pensemos que non, a día de hoxe, e quizáis por iso non estamos como están noutros sitios onde o narcotráfico si que é un problema gravísimo de saúde e, por suposto, de seguridade", considera o experto, que exemplifica o feito de que "no sur de España, cando hai unha intervención policial, á patrulla tíranlle pedras, ou ao helicóptero, e iso xamáis sucedeu en Galicia e xamáis vai suceder, porque a sociedade galega ten moi claro que estes individuos son uns criminais".

Con todo, concede que "é verdade que semella que chegamos a normalizar o tráfico de drogas, ata o punto de que parece ser parte da paisaxe: de vez en cando hai un alixo, detense aos traficantes, se lles procesa, se lles encadea ou non e nada máis, nin nos asusta nin nos importa, e iso é un problema, porque non podemos dar normalidade a unha situación que é absolutamente anormal e que, ademais, é moi perigosa, non só dende o punto de vista da saúde, senón da seguridade de todos", evidencia J. Alonso.

"CUNHA LEI DE ENXUIZAMENTO CRIMINAL DO S.XIX COÁNSE MOITAS COUSAS"

En conclusión, dende a Fundación Galega contra o Narcotráfico demandan máis medios. "Non é que haxa poucos, pero aos resultados nos remitimos, temos cada vez máis droga e os resultados non están acompañando, porque fan falta máis axentes para traballar, máis pedios para eles, a policía só pode atender na actualidade parte das informacións que recibe", advirte J. Alonso, que cre que tamén se deberían reformar os xulgados, pois "temos unha organización xudicial do século XIX e estamos no XXI, cuns xulgados desbordadísimos nos que, se ao tema dos divorcios ou dos problemas con lindes de fincas e demais historias lle sumamos unha operación contra o narcotráfico tremendamente complexa, a saturación é total e os tempos de resposta xudicial son enormemente prolongados, polo que a xustiza remata chegando tarde".

Neste senso, reivindica a necesidade de contar con especialización xudicial. "Está claro que un xulgado que ten sobre a mesa centos de casos ao que lle cae un macroproceso de narcotráfico con todo un entramado detrás non pode facerse cargo", exemplifica J. Alonso, que vería unha solución na creación de xulgados especializados no narcotráfico ao igual que os hai en violencia de xénero, "debido ás particularidades deste delito e á súa complexidade". "O que está claro é que coa organización actual e cunha lei de enxuizamento criminal do século XIX, temos uns buracos legais impresionantes polos que se coan un montón de recursos e as defensas dos narcotraficantes conseguen ralentizar moito os procesos", afirma, pedindo tamén loitar para "que os patrimonios destes criminais volven a mans honradas o antes posible, sen ter que esperar 10 ou 15 anos desde que se decomisan as súas casas e fincas ata que saen a subasta".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Descarga no porto de Vigo da cocaína intervida no veleiro 'Goldwasser', interceptado ao norte das illas Azores. MARTA VÁZQUEZ- EUROPA PRESS

Planeadora envorcada na praia de Muxía / Europa Press - Arquivo

Narcosubmarino localizado a unha milla de Vilaxoán, no momento en que é izado por un guindastre nun varadero da Illa de Arousa / Europa Press - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.