As urxencias dos principais hospitais galegos comezan a colapsar polo aumento das gripes e Covid

O Sergas contabiliza no que vai de decembro unhas 2.700 asistencias diarias en urxencias. Profesionais e usuarios critican a situación que se viven en Urxencias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2023

As xerencias dos principais hospitais galegos --Vigo, A Coruña e Santiago-- recoñecen que en pleno Nadal está a producirse unha sobrecarga asistencial "maior do habitual", especialmente en urxencias e ingresos debido á onda de infeccións respiratorias propias destas datas. De feito, o pico da gripe desta tempada está previsto para a próxima semana.

Con todo, no global do Servizo Galego de Saúde (Sergas), os datos achegados a Europa Press para o que vai do mes de decembro apuntan a unha presión "similar" ao mesmo mes do ano pasado, ao redor dunhas 2.700 asistencias diarias de media en urxencias de adultos e 850 en pediátricas --sen desagregar o motivo--.

De feito, a porcentaxe de ingresos desde urxencias en decembro de 2023 está no 18,1%, máis dun punto inferior a decembro de 2022, cando foi dun 19,4%. Ocorre o mesmo coas hospitalizacións pediátricas: 4,1% de 2022 fronte ao 3,1% de 2023.

VIGO

A pesar da situación mellor deste ano, tal e como reflicten as cifras do Sergas, os principais hospitais galegos viviron unha semana de Nadal máis tensionada. En Vigo, por exemplo, viviuse un luns 25 de decembro "complicado" tendo en conta que era festivo.

Neste contexto, tamén está a haber "máis esperas das que debería haber", con pacientes que están en Urxencias durante varias horas á espera de ser atendidos polos sanitarios. De acordo con datos oficiais de asistencias nas urxencias hospitalarias de Vigo, as xornadas máis complicadas foron o luns 25 de decembro, día de Nadal, e o martes 26.

En canto ao festivo, houbo 552 entradas en urxencias de adultos --non se desagrega o motivo, pero incluiríanse tamén afeccións non respiratorias-- máis outras 266 en urxencias pediátricas, o cal produciu 63 ingresos. Pero é que estas cifras aínda se elevaron máis o martes, con 616 entradas nas urxencias de adultos --supuxo unha marca histórica-- e outras 219 nas pediátricas, con 99 hospitalizacións. En total, desde o venres 22 de decembro, houbo máis de 400 ingresos desde os servizos de urxencias en Vigo.

SANTIAGO E A CORUÑA

En Santiago, tamén a Xerencia da área Sanitaria recoñece que a cifra de urxencias do Clínico e doutros centros está a ser "superior á media", polo que se reforzou os servizos "dotando máis recursos humanos e habilitando máis camas".

De acordo con datos oficiais, recollidos por Europa Press, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) había 801 pacientes hospitalizados --sen especificar o motivo-- ás 8,00 da mañá deste mércores, que son 18 máis que os que había á mesma hora do martes.

Nas últimas 24 horas contabilizadas, houbo 83 novos ingresos desde os servizos de urxencias composteláns, que atenderon durante un día case 600 asistencias: 482 en adultos e 110 pediátricas.

Tamén se viven "xornadas complicadas" nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña  no que respecta aos casos de infeccións respiratorias e aos ingresos. Actualmente, o Chuac contabiliza 118 hospitalizados por gripe --seis deles na UCI-- e outros 49 por covid.

Os CRÍTICOS, "ATENDIDOS DE MANEIRA INMEDIATA"

Esta demanda asistencial máis alta do habitual vincúlase, principalmente, cunha subida da curva de contaxios da gripe A, co pico previsto para a semana que vén; aínda que tamén hai un aumento dos casos de covid-19 e doutras afeccións habituais do inverno.

As xerencias consultadas insisten en que, a pesar de que os tempos de espera en urxencias están a ser maiores do habitual na última semana, os pacientes clasificados en triaxe co nivel 1 de prioridade "son atendidos de maneira inmediata".

CRÍTICAS

Con todo, sindicatos e profesionais médicos, así como asociación de usuarios dos hospitais galegos, concretamente, o de Santiago, teñen criticado o "colapso" que están a sufrir os hospitais públicos galegos e critican a falta de persoal para atender o pico de casos rexistrados.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Captura do vídeo de saturación nas urxencias do CHUS / Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.