Ourense, onde o PP arrasa nos pequenos concellos pero o BNG loita con PSdeG e DO nas zonas máis poboadas

O PSdeG desplómase na provincia de Ourense, con 31 concellos dos 92 totais (un de cada tres) nos que nin sequera chegou ao 10 % dos votos. Democracia Ourensana alzouse como terceira forza en seis concellos: Xunqueira de Ambia, Vilamarín, San Cibrao das Viñas, Ourense cidade, Pereiro de Aguiar e Barbadás, algús deles importantes núcleos poboacionais.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 20/02/2024

Galicia é diversa. A nosa terra é un territorio onde nada ten que ver a mentalidade nin a cultura das zonas da costa coas zonas do interior, a daqueles pobos máis do rural coa dos máis próximos á cidade ou a dos concellos con máis poboación moza que a de aqueles nos que os maiores de 65 son os que seguen a darlle vida. E toda esta diversidade tamén se reflexa nas urnas. Á hora de votar, hai tendencias que se poden observar claramente en cada provincia e que dende Galicia Confidencial tratamos de detectar facendo unha análise exhaustiva dos datos das últimas eleccións autonómicas deste 18F concello a concello, para contarvos as curiosidades de cada provincia e explicarvos máis polo miúdo que é o que aconteceu nestes comicios nos que se agardaba un cambio que finalmente non chegou. 

En concreto, a provincia de Ourense segue a ser a raíña do voto popular, o lugar onde o PP se asegura gran parte dos seus votos ano tras ano e onde os concellos pequenos do rural galego, moitos deles de menos de 1.000 habitantes, apostaron nestes comicios do 18F pola forza de Alfonso Rueda. De feito, na frioleira de 37 dos 92 concellos da provincia (algo menos da metade), o PP sacou máis do 60 % dos votos, chegando nalgúns casos a superar o 80 e o 90 %. Mentres, o BNG segue a loitar co PSdeG e, aínda que os nacionalistas son a segunda forza en practicamente todo o territorio, Ourense é a provincia onde aínda se vén superados polos socialistas en 14 concellos, onde os nacionalistas se vén relegados á terceira posición. Ademais, en 35 municipios a formación de Ana Pontón colleitou menos do 20 % dos votos. Tamén os socialistas levaron un pau en 31 concellos, onde se quedaron por debaixo do 10 % dos votos. Todo iso en detrimento da esquerda e a favor da dereita.

O PP SUPERA O 60 % DOS VOTOS EN 37 DOS 92 CONCELLOS DA PROVINCIA, A MAIORÍA DE MENOS DE 2.000 HABITANTES

Así, o PP alzouse como a forza máis votada en todos os concellos da provincia de Ourense agás nos tres nos que gañou o BNG (Allariz, onde o BNG sacou o 52,59 % dos votos fronte ao 34,11 % do PP; Verea, onde obtivo o 53,62 % fronte ao 37,19 % do PP; e Vilar de Santos, onde o BNG sacou o 59,58 % dos votos fronte ao 31,95 % do PP) e nos dous nos que o fixo o PSdeG (Calvos de Randín, onde o PSdeG obtivo o 45,43 % dos votos fronte ao 37,23 % do PP; e Entrimo, onde sacou o 47,52 % fronte ao 31,15 % dos populares). Con todo, pode verse que o PP se mantimo por enriba do 30 % dos votos mesmo naqueles concellos nos que non foi a primeira forza. Pola contra, o PP de Alfonso Rueda acadou o seu máximo apoio a nivel provincial e tamén a nivel galego no concello de Quintela de Leirado (un pequeno pobo de tan só 630 habitantes), onde se levou o 90,02 % dos votos, fronte ao 3,98 % do PSdeG e ao 3,70 % do BNG. Pódese observar que se trata dun municipio conservador no seu voto, pois a segunda forza, ademais, non foi o BNG, senón o PSdeG.

Por riba do 80 % dos votos para os populares tamén estiveron outros dous concellos da provincia: Avión (1.736 habitantes), onde sacou o 84,41 % dos votos (fronte ao 6,38 % do BNG e ao 3,95 % do PSdeG); e Beariz (970 habitantes), onde sacou o 83,86 % (fronte ao 10,19 % do BNG e ao 2,76 % do PSdeG). Tamén por riba do 70 % estivo o PP noutros nove pequenos concellos que non superan os 2.000 habitantes, moitos deles mesmo por debaixo dos mil: Baltar (942 veciños), Boborás (2.223), Carballeda de Valdeorras (1.499), Chandrexa de Queixa (472), Cualedro (1.668), Muíños (1.466), Padrenda (1.671), Pontedeva (494) e Porqueira (823). A eles hai que sumar outros 25 nos que o PP de Alfonso Rueda superou o 60 % dos votos: A Arnoia, A Bola, A Merca, A Veiga, Bande, Cartelle, Cortegada, Esgos, Gomesende, Larouco, Leiro, Lobeira, Lobios, Monterrei, Nogueira de Ramuín, O Bolo, O Irixo, Oímbra, Os Blanco, Piñor, San Amaro, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sarreaus e Xunqueira de Espadanedo. En case todos eles o BNG non foi quen de superar o 20 % dos votos.

E sumándoos todos, houbo nunha provincia que conta con 92 concellos 37 nos que o PP superou o 60 % dos votos. Ademais, en todos os demais tamén quedou por enriba do 50 % agás en 16 (é dicir, nun total de 76 concellos da provincia máis da metade da poboación votou aos populares): A Mezquita, A Pobra de Trives, Amoeiro, Barbadás, Castrelo do Val, Carballeda de Avia, Calvos de Randín, Coles, Entrimo, Maceda, Ourense, Parada de Sil, Petín, Ribadavia, Taboadela e Vilar de Santos. De todos eles, onde menor porcetaxe de votos sacaron os populares foi en Entrimo, onde se quedaron cun 32,15 %. Entre estes concellos podemos ver que se atopan algúns xa con maior poboación, como é o caso da propia cidade de Ourense (onde cobrou forza nestes comicios Democracia Ourensana) e Barbadás (11.158 habitantes) ou Ribadavia (5.012 habitantes). 

O BNG NON CHEGOU AO 20 % DOS VOTOS EN 35 CONCELLOS E CAEU COMO SEGUNDA FORZA FRONTE AO PSDEG EN 14

No caso do BNG, semella que aos nacionalistas Ourense é unha provincia que se lles resiste. Foron a segunda forza en todos os concellos agás dos tres nos que se alzou como primeira (Allariz, Verea e Vilar de Santos) e nos 14 nos que o PSdeG lle adiantou como segunda forza e o deixou relegado á terceira posición: A Pobra de Trives (onde o BNG sacou o 20,84 % dos votos fronte ao 23,35 % do PSdeG), Calvos de Randín (cun 12,41 % fronte a un 37,23 %), Carballeda de Avia (cun 19,66 % fronte a un 28,12 %), Castrelo de Val (cun 24,05 % fronte a un 28,17 %), Castro Caldelas (cun 18,28 % fronte a un 19,30 %), Entrimo (cun 14,56 % fronte a un 32,15 %), Lobios (cun 14,46 % fronte a un 15,78 %), Maside (cun 17,95 % fronte a un 18,07 %), Padrenda (cun 10,20 % fronte a un 14,28 %), Parada de Sil (cun 21,62 % fronte a un 26,68 %), Quintela de Leirado (cun 3,70 % fronte a un 3,98 %), Rubiá (cun 17,02 % fronte a un 22,69 %), Vilamartín de Valdeorras (cun 18,61 % fronte a un 23,43 %) e Vilardevós (cun 16,82 % do BNG fronte a un 27,10 % do PSdeG). 

Sen embargo, o concello onde obtivo máis votos o BNG de Ana Pontón foi en Vilar de Santos, onde chegou ao 59,58 % dos votos totais (alzándose así como a primeira forza nesta pequena poboación de 794 veciños, fronte ao 31,95 % que sacou o PP e ao 3,75 % do PSdeG). Tamén por enriba do 50 % dos votos (máis da metade da poboación) estivo en Allariz (52,59 %) e Verea (53,62 %), as outras dúas poboacións, neste caso xa de 6.245 e 912 habitantes. Así mesmo, por enriba do 30 % habería que sumar outros oito concellos: A Mezquita, A Teixeira, Maceda, Montederramo, Ribadavia, Trasmirás, Verín e Xunqueira de Ambía. Pola contra, hai que resaltar que en nada menos que 35 concellos da provincia os nacionalistas non chegaron ao 20 % dos votos: A Peroxa, Avión, Baltar, Bande, Beariz, Boborás, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cortegada, Cualedro, Entrimo, Leiro, Lobeira, Lobios, Maside, Muíños, Nogueira de Ramuín, O Bolo, O Irixo, Padrenda, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Toén, Vilamartín de Valdeorras, Vilardevós e Xunqueira de Espadanedo.

O PSDG NON CHEGA AO 10 % DOS VOTOS EN 31 CONCELLOS, E EN 5 NON CHEGA NIN AO 5 %: BEARIZ, MONTEDERRAMO, QUINTELA, VEREA E VILAR DE SANTOS

Mentres, o PSdeG desplómase na provincia de Ourense, con 31 concellos dos 92 totais (un de cada tres) nos que nin sequera chegou ao 10 % dos votos: A Bola, A Merca, A Teixeira, Allariz, Avión, Baltar, Baños de Molgas, Gomesende, Beariz, Boborás, Cartelle, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Esgos, Montederramo, Monterrei, Nogueira de Ramuín, O Carballiño, Oímbra, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Xunqueira de Espadanedo, Quintela de Leirado, San Cristovo de Cea, Sarreaus, Trasmirás, Verea, Vilar de Santos e Vilariño de Conso. De feito, en 5 destes non chegou nin sequera ao 5 %: Beariz, Montederramo, Quintela de Leirado, Verea e Vilar de Santos.

DO É A TERCEIRA FORZA EN 6 CONCELLOS, ALGÚNS DE CERTA RELEVANCIA: XUNQUEIRA, VILAMARÍN, SAN CIBRAO, OURENSE, PEREIRO DE AGUIAR E BARBADÁS

Pola súa banda, Democracia Ourensana alzouse como terceira forza en seis concellos, superando neles ao PSdeG: Xunqueira de Ambia (onde obtivo o 4,75 % dos votos); Vilamarín (onde chegou ao 7,38 %); San Cibrao das Viñas (onde se elevou ata o 9,20 %); Ourense cidade (coa maior porcentaxe: un 17,85 %); Pereiro de Aguiar (onde sacou un 11,28 % dos votos); e Barbadás (onde chegou ao 13,26 %). As maiores porcentaxes acadounas en poboacións de certa relevancia: Ourense cidade conta con 103.756 habitantes; Barbadás, con 11.158; Pereiro de Aguiar, con 6.350; e San Cibrao das Viñas, con 5.395.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

Gabe

Interesante artigo. A pregunta fundamental é: por que o BNG (e o PSOE) non conseguen entrar nesa mada de concellos pequenos? Que hai neles, socioloxicamente que impide a súa entrada? Que percepcións e convicións levan os veciños deses lugares a votar PP? E o que é máis importante: que faría cambia-la súa percepción? Por outra banda, por que neses poucos concellos entra o BNG e o PSOE? A que apelan? Cales son as claves da aceptación de forzas diferentes do PP cando así acontece?

1 resposta
1

Por Moine: Nom esqueças que Galiza também é conhecida polo nome de "Cacicato"


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda / Álvaro Ballesteros - Europa Press

O alcalde da cidade e presidente de DO, Gonzalo Pérez Jácome (1i), e o candidato á Xunta de Galicia, Armando Ojea (2i), celebran durante o seguimento da xornada electoral dos comicios autonómicos de Galicia / Rosa Veiga - Arquivo

Primeira, segunda e terceira forza nas eleccións do 18F / EP Data

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.