Rabia, cabreo, pesimismo, derrotismo e, sobre todo, moita inquedanza. A militancia socialista galega está vivindo estes días un parto doloroso, quizais, o parto máis difícil que experimentou este partido en toda a súa historia. O 18F foi como un caldeiro de auga fría, aínda que o pesimismo sobre o que podía pasar xa se apalpaba no ambiente desde semanas antes.
Desde a marcha de Emilio Pérez Touriño, o PSdeG non acaba de atopar o seu sitio na política galega, e non por mor da súa militancia, senón por deméritos propios dos seus dirixentes. O ex presidente da Xunta no bipartito xa alertara dos problemas sistémicos que ten esta formación cando asumiu a Secretaría Xeral en 1998 substituíndo a un Francisco Vázquez que fixera do PSdeG un reino de taifas e un partido sen proxecto propio renunciando ao seu galeguismo histórico.
Un proxecto e un programa, tamén con identidade galega, que deixara antes Fernando Fernández-Laxe, o primeiro presidente socialista galego que acadou o resultado histórico de 28 deputados nos comicios de 1989. Escanos que pouco lle serviron contra a chegada de Manuel Fraga que iniciaría ese ano o seu primeiro mandato de 16 que estivo gobernando Galicia.
Laxe non tivo o tempo e a tenacidade de Touriño para armar un novo PSdeG. En once anos que estivo ao fronte dos socialistas galegos, Touriño foille dando forma a ese novo socialismo galego con ideas, proxectos e xente nova, atraída polo dinamismo dunha formación que xeraba ilusión e que, ademais, tivo un pulo moi forte coa chegada de José Luis Rodríguez Zapatero, á Presidencia do Goberno de España, outro currante do partido con ideas frescas e máis socialistas que a vella garda felipista e guerrista,
Foron os anos dourados do PSdeG que desde a súa marcha comezou a afundirse, novamente, en guerras internas, reinos de taifas e egos personais que trituraron, lexislatura tras lexislatura, candidatos; o propio Touriño, Pachi Vázquez, Xaquín Fernández Leicega, Gonzalo Caballero e Jose Ramón Besteiro que acaba de deixar a este partido nos peores resultados da súa historia.
REXENERACIÓN E REFUNDACIÓN
Os militantes e alcaldes están fartos xa dunha situación que cada vez ven máis difícil e que, din, pode aínda ser peor se non se lle pon xa remedio. Reclaman unha rexeneración e unha refundación do partido para acabar xa coas eivas e malas prácticas que o están viciando desde hai moitos anos.
E cales son as eivas?. Tres fontes do PSdeG diferentes consultadas por GC son contundentes e coincidentes en apuntalas: falta de ideas e programa propio, falta dun liderado con peso no partido e excesiva dependencia de Madrid. Tamén apuntan vicios e malas prácticas detectados desde sempre e que non son erradicados. Entre eles, usar o partido como "unha axencia de colocación", ter a deputados e deputadas "que non traballan e non patean o país" e ignorar case por completo o mandato da militancia, como xa aconteceu na composición das listas á Xunta.
"O PSdeG non convence ao electorado galeguista e non se ve como alternativa", denuncia un militante de peso no sur de Pontevedra. "O PSdeG é como unha casca baleira; non ten programa, non ten ideas, sen renovación, sen xente nova e co mal vicio de triturar a cada candidato despois dunhas eleccións", indica.
De feito, o de "triturar candidatos" é unha idea que repepiten distintas fontes consultados que tamén suliñan as graves diferencias existentes na dirección actual. "Netes comicios houbo dous equipos diferentes, o de Besteiro e o de Lage --secretario de Organización-- e, logo Valentín --secretario xeral do PSdeG-- tentando non molestar", apunta o dirixente de Pontevedra. "Elixiron a un trileiro de secretario de Organización e a un secretario xeral que foi un 'bluf' e pasou o que pasou", engade un alcalde. "E logo unhas listas malas nas que ía a muller de, a filla de e a enchufada de...", engade un dirixente ourensán.
CAMPAÑA EQUIVOCADA
As fontes consultadas tamén critican a campaña, ou campaña inexistente, que fixo o candidato Besteiro. "Ou porque non lle deixaron ou non tivo tempo", di un dirixente. "Foi erro traer a ministros e, sobre todo, Pedro Sánchez porque opacou ao candidato, como pasou con Gabilondo en Madrid. Completamente apagado. Para que traer a Pedro sánchez, para encher mítines, cos nosos?... e claro, fomos vítimas desa imaxe de sucursais de Madrid", engade o dirixente de Ourense.
"Entendese que o PSdeG é unha oficina de emprego e non pode selo. A política está para servir e non servido", engade este dirixente. "Os deputados en Galicia e no Congreso teñen que traballar. Están apoltronados", di. Algo que corrobora o alcalde consultado. "Ao final ti chamas ao secretario xeral, e non colle, os provincias, andan ao seu, e o de Organización xa nin che conto", sinala. De feito, asegura que hai moito malestar entre os alcaldes tras a mala campaña e os malos resultados.
"E por iso é a gran queixa dos alcaldes. Hai que falar con eles, presentar iniciativas, ver cales son os seus problemas. Estamos facendo política de despacho e hai que facer política a pé de obra porque perdemos contacto coa realidade, coa rúa. Hai unha desconexión absoluta co terreo e coa xente. E os deputados teñen que espabilar. Están na poltrona, no cargo", queixase o dirixente ourensán. Por iso, todos piden cambios importantes.
CAMBIOS
Este mesmo mércores, o secretario xeral do PSdeG,
Valentín González Formoso, recoñecía os "malos resultados" cultivados polo partido nas eleccións,
pero asegurou que o futuro da formación pasa polo que foi candidato á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. Con todo, si avanzou "cambios orgánicos".
Todos están expectantes sobre que cambios se farán e se só son de persoas e non de estratexa, de proxectos, de ideas e de filosofía. "Acabamos con nove e, grazas. E, agora?. Besteiro é o home de aquí a catro anos e ver cando enfríe en que disposición está", engade o alcalde. "Non estamos para máis candidatos pero 5 secretarios xerais e 5 candidatos en 15 anos non podemos permitirnos máis. Besteiro non é mal candidato pero non tivo tempo, e, sobre todo, empatía. Pero ten que poñerse as pilas, poñer a xente a traballar e reunirse con todos e facer un equipo de futuro", indica o dirixente ourensán.
Estas voces socialistas tamén ven necesario que "unir e coser" o partido. Unhas reclamacións que van máis alá só de "cambios orgánicos". Iso pasa por "falar coa xente de Gonzalo" e outra xente que está afastada ou "sinalada" pola dirección. E, sobre todo, inciden en traer xente nova, fresca, que conecte coa mocidade e co electorado de esquerdas. "Ou facemos unha refundación interna ou imos camiño da extinción", advirten. Besteiro deberá tomar boa nota se quere ilusionar e volver as esencias do seu partido; "socialista" e "de galicia".