O BNG responde a Montero sobre o "voto prestado": "Non se pode atribuír mecanicamente o ascenso do BNG á perda do PSOE"

Na capital galega os socialistas baixaron 800 votos mentres que os nacionalistas sumaron máis de 6.000.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2024

A portavoz municipal do BNG en Santiago de Compostela, Míriam Louzao, considerou que é "unha falacia" falar de voto prestado nunhas eleccións, despois de que a vicepresidenta primeira do Goberno, María Jesús Montero, falase de que a formación nacionalista solicitou nas eleccións do pasado domingo sufraxios "prestados" dos socialistas.

Así mesmo, á vista dos datos, o responsable local do Consello do BNG de Santiago, Xan Fernández Bello, indicou que na capital galega os socialistas baixaron 800 votos mentres que os nacionalistas sumaron máis de 6.000. Tamén a nivel de Galicia, o PSdeG caeu 46.000 votos mentres que o Bloque subiu 155.000, polo que "non se pode atribuír mecanicamente o ascenso do BNG á perda do PSOE". "Nós cremos que tivemos novos votantes e cidadáns que se abstiveron en anteriores que agora exerceron o voto e tomaron a opción do BNG", observou o responsable local do BNG.

"VOTO PRESTADO" É UNHA "FALACIA"

Pola súa banda, Míriam Louzao observou que "o voto prestado é un pouco a falacia sempre", porque "en realidade cho prestan sempre: dancho e nas seguintes vólvencho a dar ou non". Ademais, observou que tamén "fai catro anos dicían que o BNG tiña o voto prestado" e o pasado domingo o BNG conseguiu seis deputados máis. "O que conseguimos foi ilusionar a moita xente, a novos votantes ou xente que non votaba, e nós agora traballaremos duramente para manter esa ilusión e mesmo para aglutinar a máis xente", comprometeu. Louzao incidiu en que "os datos son o que son e non é unha cuestión de prestarse votos". "Senón de aglutinar e de facer que o BNG sexa a alternativa real ao goberno do PP", sentenciou.

"INMENSO TRABALLO"

En ambos os casos, os dirixentes nacionalistas destacaron o "inmenso" traballo da militancia compostelá, coa repartición de máis de 33.500 dípticos, colocación de pancartas da candidatura do BNG e pola organización dos grandes actos do Castiñeiriño e Fontiñas, ademais do peche no Multiusos Fontes do Sar, onde se aglutinaron unhas 3.000 persoas.

Louzao, sen querer "extrapolar" os datos, si reivindicou que o respaldo en Santiago de Compostela foi un "impulso" á actuación do goberno local, posto que moitas persoas que xa colleran a papeleta do BNG volvérono a facer e ampliouse o respaldo. Así, agradeceron a todas as persoas que "creron no cambio liderado por Ana Pontón" e, en palabras da concelleira, subliñou que no BNG son "testarudas" e cren "firmemente no proxecto" e afirmou que "ese cambio vai chegar".

O BNG foi a primeira forza en 16 colexios electorais de Santiago de Compostela, entre eles, Concheiros, Belvís, Estila, Lamas de Abade, Fontiñas, Almáciga, Sar, Pontepedriña ou San Pedro, sumado ao Castiñeiriño, Vite ou Santa Marta, con resultados "moi elevados". Os nacionalistas subiron 8,38 puntos e máis de 6.000 votos na capital galega, onde o PP, en todo caso mantívose como a forza máis votada, aínda que experimentou un descenso porcentual (-1,91 %) cun incremento en sufraxios de algo máis de 2.000.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Rolda de prensa do responsable local do BNG en Santiago, Xan Fernández Bello, e da portavoz do BNG no Concello de Santiago, Mírima Louzao, para valorar os resultados electorais do 18 de febreiro / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.