Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/02/2024
Nos comicios autonómicos deste 18F houbo 13 concellos galegos nos que cambiou a cor da primeira forza política elixida con respecto aos do ano 2020: Carballeda de Avia, Fornelos de Montes, Cangas, Moaña, Redondela, Vigo, Mugardos, Parada de Sil, A Mezquita, A Illa de Arousa, Catoira, Vilar de Santos e Fene. Na súa meirande parte os votantes (que subiron considerablemente con respecto a fai catro anos) apoiaron maioritariamente ao BNG, pero cabe resaltar que tamén houbo entre eles concellos tradicionalmente socialistas que deron o seu voto nesta ocasión ao PP. E hai que resaltar que mesmo nos concellos onde o BNG tivo un crecemento de votos tan importante como para impoñerse como primeira forza, o PP non perdeu votos, senón que tamén subiu (aínda que en moita menor medida que os nacionalistas), o que fai presupor que os votos gañados polo BNG procederían do descalabre socialista.
CANGAS, RENDONDELA, VIGO E CATOIRA: O BNG É PRIMEIRA FORZA E O PP SOBE EN VOTOS
Así, comezando por analizar aqueles concellos nos que a forza máis apoiada pasou de ser o PP a ser o BNG neste 2024, temos o caso de Cangas, unha poboación da provincia de Pontevedra de 26.832 habitantes. A abstención nel baixou considerablemente, dende o 41,4 % de fai catro anos ata o 33,6 % da actualidade. E todos eses votantes deron ao BNG un pulo de 11,8 puntos con respecto aos pasados comicios, chegando así ata o 46 % dos votos; mentres, o PP tamén subiu, aínda que menos, chegando ao 37 % dos votos (+2,7 puntos); fronte a un PSdeG que caeu ata o 9,7 % dos votos (-8,2 puntos). En Redondela, outro concello pontevedrés de 29.055 habitantes, o resultado foi semellante. A abstención caeu dende o 40,5 % do 2020 ata o 32,5 % deste 2024. O BNG foi quen de crecer en 11,7 puntos nestes catro anos e chegar ata o 39,9 % dos votos; mentres que o PP se quedou no 36,7%, tamén cunha lixeira subida (+1,9 puntos); e o PSdeG se desplomou ata o 16,8 % dos votos (-10,8 puntos).
Sen dúbida, o caso máis sorprendente de todos foi o da cidade de Vigo (292.374), onde o PP deu paso ao BNG como primeira forza neste 18F, cita na que a abstención caeu dende o 42,8 % do 2020 ata o 34,7 %. O crecemento do BNG foi moi notorio, ata chegar ao 37 % dos votos, tras conseguir 13,7 puntos máis que nas eleccións de fai catro anos; mentres que o PP tamén colleitou algúns votos máis que no 2020, pero non cunha suba tan alarmante, senón quedándose no 35,2 % dos votos (+2,7 puntos); e o PSdeG desvaeceuse co 20,1 % dos votos (-11,9 puntos). E tamén hai que sumar Catoira a estes concellos nos que, a pesares de que se impuxo o BNG, o PP tamén subiu. Neste concello pontevedrés de 3.331 habitantes, a abstención mellorou dende o 36,6 % do 2020 ata o 26,4 % do pasado domingo. O BNG tivo unha subida de 8,1 puntos, chegando ao 44 % dos votos; o PP, pola súa banda, subiu ata o 38,7 % dos votos (+0,1 puntos); e o PSdeG baixou ata o 12,1 % (-6,3 puntos).
MOAÑA, MUGARDOS, VILAR DE SANTOS E FENE: O BNG É PRIMEIRA FORZA E O PP PERDE VOTOS
Por outra banda, houbo outras catro localidades nas que o BNG se impuxo como primeira forza neste 2024 sen telo sido no 2020 e nas que o PP si perdeu votos. Foi o caso de Moaña, onde a abstención baixou do 38 % ao 31,6 %. Neste concello pontevedrés de 19.474 habitantes o BNG chegou ao 46,5 % dos votos (+10,7 puntos); mentres que o PP caeu ata o 36,6 % dos votos (-0,6 puntos) e o PSdeG se desplomou ata o 9,9 % (-7 puntos). A mesma tónica se viviu en Mugardos, o concello coruñés de 5.215 habitantes onde a abstención baixou en catro anos do 43,1 % ao 36,1 %. O BNG alzouse como primeira forza co 38,7 % dos votos (+11,6 puntos); mentres o PP caeu ao 37,6 % dos votos (-4 puntos) e o PSdeG caeu ata o 14,3 % (-4,4 puntos).
Igualmente, en Vilar de Santos, concello ourensán de 794 veciños, a abstención caeu dende o 40,2 % do 2020 ata o 23,5 % deste 2024, en gran medida. Nel o BNG acaparou o 59,6 % dos votos (+23,2 puntos); votos que roubou a un PP que baixou ata o 31,9 % dos apoios (-15 puntos) e a un PSdeG que caeu algo menos, ata o 3,8 % dos votos (-8,7 puntos). E en Fene, concello coruñés de 12.868 habitantes, onde a abstención tamén baixou dun 42,3 % dos comicios de fai catro anos ata un 35,4 % dos actuais, o BNG subiu ata o 42,1 % dos votos (+6,9 puntos); a costa dun PP que se quedou co 35,6 % dos votos (-1,3 puntos) e dun PSdeG que o fixo co 13,7 % (-3 puntos).
CARBALLEDA DE AVIA, FORNELOS DE MONTES, PARADA DE SIL E A MEZQUITA: O PSDEG DÁ PASO AO PP COMO PRIMEIRA FORZA
Con todo, quizáis o máis sorprendente sexa o feito de que en catro dos trece concellos que cambiaron de cor política a súa primeira forza, foi o PSdeG o que dou paso ao PP, proba palpable do descalabre socialista neste 18F. Isto aconteceu en varios municipios de tradición conservadora (nos que quizáis por iso o PSdeG foi substituído polos populares e non polos nacionalistas). Así, en Carballeda de Avia, municipio ourensán de 1.271 veciños, a abstención non baixou, senón que subiu do 24,2 % de 2020 ao 27 % deste 2024. Neste concello o PP alzouse como primeira forza co 47,7 % dos votos (+6,5 puntos); fronte ao 28,1 % dos votos colleitados polo PSdeG (-16,2 puntos) e o 18,7 % do BNG (+8,4 puntos).
En Fornelos de Montes, concello pontevedrés de 1.598 veciños, a abstención baixou do 43,8 % de fai catro anos ao 37,3 % deste comicios. Alí o PP logrou o 38,5 % dos votos (+3,4 puntos); mentres que o PSdeG perdeu moitos votos ata quedarse no 34,4 % (-9,5 puntos) e o BNG subiu ao 19,9 % (+5,4 puntos). En Parada de Sil, concello ourensán de 546 veciños, a abstención baixou lixeiramente do 40,9 % do 2020 ao 35,9 % deste 2024. O PP logrou facerse co 38,9 % dos votos, o que supuxo unha baixada de 1,5 puntos con respecto a fai catro anos e, aínda así, o PSdeG non foi quen de ser primeira forza, ao quedarse co 26,7 % dos votos (-17,1 puntos); fronte a un BNG en auxe que logrou o 21,6 % (+10,2 puntos). Finalmente, na Mezquita, concello ourensán de 1.013 veciños, a abstención caeu pouco, dende o 39,9 % de 2020 ata o 37,5 % de 2024. Así, o PP acadou o 42,6 % dos votos (+7 puntos); o BNG baixou ao 35,1 % (-1,5 puntos) e o PSdeG fíxoo ata o 18,4 % (-5,3 puntos).
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Mapa de primeiras forzas por concello este 18F / EPDATA