BNG e PSdeG, como aprender das "leucións" do pasado para chegar ao goberno da Xunta

Unha semana despois do 18F socialistas e nacionalistas comezaron unha guerra na esquerda. As vellas pantasmas do bipartito volven a asomar entre algúns dirixentes de ambos os dous partidos que prefiren non dar tregua a quen pode ser o aliado.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/02/2024

"Adeprender a vida é tan difícil
ou máis que resolver un crucigrama.
Tan difícil ou máis que unha pregunta
que houbera que facer na madrugada
cando tódolos arbres choran noite"

Celso Emilio Ferreiro xa apunta no seu poema "A leución" das dificultades que existen na vida, xa que "adeprender" dela "é moi difícil, i ademáis cansa". Precisamente, de lecións non aprendidas semella vivir a política galega, sobre todo, nun momento no que os nacionalistas semellan ser a forza "de futuro" e o "motor" do cambio e os socialistas, cando menos por agora, son unha forza secundaria nese cambio aínda que ferramenta necesaria para acadalo.

As eleccións do 18F en Galicia deixou un panorama político claro. Por unha banda hai unha forza de dereita consolidada que, a pesar do cambio de dirixente, acadou unha vitoria contundente e, polo outro, hai unha esquerda dividida en dous cun BNG en forte ascenso e un PSdeG en fondo decrecemento. E, ante esta realidade, agora hai que conformar un novo escenario político no que cada un deberá asumir os resultados e traballar por melloralos.

Por agora, o PPdeG saborea a súa vitoria que é a súa e a de todo o seu entramado social, económico e mediatico, e amosa xa a súa forma de facer as cousas, mentres que a esquerda, no canto de mirar xa para o futuro e comezar a facer país e asentar aos poucos os alicerces do cambio, anda enleada por ver de quen son os votos que uns gañan e que outros perden.

Unha guerra innecesaria que xa comezou o día despois dos comicios, na análise de resultados, especialmente desde Madrid e desde algúns medios de comunicación, pero que se intensificou este luns con fortes críticas entre dous partidos condenados a entenderse se, algún día, queren gobernar novamente este país. Curiosamente, é unha guerra que lle interesa ao Partido Popular. Algúns dos seus dirixentes xa se aproveitaron dela e as súas canles mediaticas insisten en que a suba do BNG é pola caída do PSdeG. 

PODE O BNG ENTRAR NO ELECTORADO DO PPdeG?

No fondo, a idea que trasladan os populares é que nin nacionalistas nin socialistas son quen de meterlle o dente ao seu electorado, nun momento no que a líder nacionalista, Ana Pontón, insiste na necesidade de "ensanchar a base social" do Bloque, nunha clara intención de tentar pescar no electorado "galeguista" do Partido Popular. Unha estratexia semellante á que no seu día puxo en marcha Anxo Quintana cando era líder do BNG e vicepresidente da Xunta.

Esta estratexia choca coa idea de que os votantes que gañou o BNG son os que perdeu o PSdeG. Distintos dirixentes do BNG tentaron xa desacreditar esta teoría apuntando que "o PSdeG baixou 46.000 votos e o BNG subiu 150.000", e que os nacionalistas gañáronlle dous deputados ao PP na Coruña e Pontevedra.

Esta cuestión, que non é menor para os nacionalista, xa foi avaliada no Consello Nacional que o BNG celebrou esta fin de semana coa firme idea de insistir en que eses votos son do Bloque que, ademais, pode apañar máis no caladeiro do PPdeG. Por iso, este mesmo luns, o deputado Luís Bará cargaba directamente contra os socialistas por falar de "voto prestado" e atacaba directamente aos socialistas galegos dicindo que que os seus malos resultados son consecuencia da súa "traxectoria errática" debido á súa "falta de proxecto propio de país".

Unhas declaracións que inician unha nova fronte de guerra contra os socialistas galegos nun momento delicado na relación entre ambas as dúas forzas que cogobernan en numerosos concellos e en dúas deputacións. De feito, a terminoloxía "voto prestado" foi usada o día 19 de febreiro pola ministra de Hacienda e vicepresidenta primeira de Pedro Sánchez, María Jesús Montero para avaliar os resultados. É dicir, era a analise que se fixo desde Madrid, pero non de Galicia.

A idea foi repetida por determinados medios de comunicación e, sobre todo, por dirixentes do PPdeG pero non pola dirección actual do PSdeG. O Secretario de Organización deste partido, José Manuel Lage Tuñas; o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, e o propio candidato Besteiro evitaron nos últimos días enfocar o problema do socialismo galego neste trasvase de votos e apuntaron, sobre todo, a cuestións internas e tamén externas, entre elas, a "polarización mediatica entre Rueda e Ana Pontón".

A PANTASMA DO GOBERNO CONXUNTO

O gran reto que teñen tanto o BNG, como o PSdeG é volver ao goberno da Xunta, máis alá de se os votos que uns gañan son do outro, sen que esa sexa, por outra banda, unha cuestión menor. Só en dúas ocasións desde que xurdiu a autonomía, o Partido Popular --antes Alianza Popular-, non estivo ao fronte da Xunta. A primeira vez foi tras unha moción de censura en 1987 que fixo presidente ao socialista Fernando González-Laxe. Unha moción que entón foi apoiada por Coalición Galega, o Partido Nacionalista Galego (PNG)  e o Partido Socialista Galego - Unidade Galega (PSG - UG), de Camilo Nogueira. Mingún deses partidos existe xa. A maior parte dos "coagas" acabaron no PP e o PNG e o PSG,  no BNG.

A segunda ocasión foi en 2005 que deu lugar a un bipartito entre PSdG, con Emilio Pérez Touriño de presidente, e o BNG, con Anxo Quintana de vicepresidente. Dous dirixentes que foron quen de entenderse, asinar un pacto de goberno conxunto, e logo, no 2007 outro novo pacto para gobernos de coalición de socialistas e nacionalistas en 90 concellos e en dúas deputacións.

Non son poucos os dirixentes dos dous partidos que non falan ben da experiencia do bipartito pola dificultade que houbo para tentar facer un goberno cohesionado e os problemas internos entre as dúas formacións. Algo que pesou para a volta da dereita en 2009. Con todo, e a pesar deses problemas, tanto Touriño como Quintana apostaron decididamente por estes gobernos de coalición.

Pero hai certas élites dirixentes de ambos os dous partidos que non queren repetir esa experiencia, aínda que, agora, coas tornas cambiadas. Hai socialistas que presionarían para non estar nun goberno presidido por nacionalistas e nacionalistas que non quererían partillalo con socialistas. E todo, baixo a atenta mirada e complacencia do PPdeG e do seu entramado mediatico.

Hai catro anos para ver se estas opinións seguen sendo minoritarias ou acaban impoñendose na forma de facer política das direccións do BNG e do PSdeG. En xogo, entón, xa non estaría só a Xunta, senón deputacións e gobernos municipais. Organismos e entidades que, aínda que menores, son ferramentas imprescindibles para amosar que hai unha alternativa de poder diferente ao PPdeG en Galicia, sexa da man do Bloque, ou sexa da man do PSdeG.

E, como diría Celso Emilio, quizais as dúas formacións teñan que aprender "leucións" do pasado:

As cousas son así: imos e vimos,
sin enterarnos nunca do que pasa.
Pra saber a leución dámoslle voltas,
cando acaso mellor era non darllas.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

Gamela

Cando falas de "entramado mediático" estás a referirte ao "entramado dende Ferraz" porque daí saiu esta nova mentira dos "votos prestados" coma se os galegas foran parvos e non tiveran criterio propio. A esquerda segue dividida mesmo cando "gaña un Goberno" e esa é a Leución que xamáis aprenderán. Hoxe en Vigo botaron abaixo unha Moción do BNG por cuestións técnicas, pero o Tirano disque vai convocar un Pleno Extraordinario para tratar o "importante asunto" dunha lectoras ás que non se lle vai renovar o "contrato-bolo-feminista" ? Asisitir a ese Pleno Pantasma será darlle voz á que nunca abriu a boca para explicar o Caso Orúe ~ Caso Cuñada pero se o BNG asiste a ese Pleno a convertirá na mártir do Feminismo de Salón que dende o Senado + Concello quere seguir a gobernar a Deputación Perdida... O BNG non debera Blanquear á Marquesa de Toralla pero igual eses son os Pactos de Ana Pontón... Ao mellor así é como pensa Devolver os Votos Prestados ?


A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta, Ana Pontón e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro saúdanse á súa chegada ao último debate electoral de TVE para as eleccións galegas / Agostime - Europa Press

Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito / cecubo Group

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.