"Non podemos seguir agardando para avanzarmos no camiño da plena soberanía" e "na oposición hai que plasmar alternativas para as clases populares, de defender a lingua e o país e de impulsar as ferramentas de autogoberno a camiño da soberanía". Son documentos políticos case iguais. O primeiro do programa presentado polo BNG para as eleccións do pasado 18 de febreiro e o segundo un documento aprobado polo Secretariado Político da Unión do Pobo Galego (UPG), o maior partido dentro do Bloque, este pasado luns, 4 de marzo.
A palabra "soberanía" está no ADN político do BNG desde o momento mesmo da súa fundación. É unha forza soberanista como o é ERC, Junts ou Bildu e iso implica que, dalgún xeito, están a favor da independencia de Galicia. Con todo, soberanismo non é o mesmo que independendentismo e, por iso, o BNG, e a UPG, coidan moito nos seus textos en non caer en confusións lingüísticas.
Segundo a RAG, soberanía é a "calidade de soberano, de quen ten a autoridade suprema", por exemplo, a soberanía do pobo non se pode cuestionar. Tamén o "carácter dunha nación ou organismo que non está sometido a outro". Pola contra, independencia é "o carácter ou situación do que é independente" como a independencia dunha nación. E aínda que o seu significado non é exactamente o mesmo, o dicionario di que soberanía e independencia son palabras sinónimas.
O propio BNG aclara no seu programa electoral o que entende por soberanía. "É igual a máis capacidade para resolvermos nós os nosos problemas. Máis autogoberno é igual a máis democracia e máis benestar", indica. E segue, "os galegos e as galegas temos dereito a institucións democráticas propias, capaces de gobernaren o País sen necesidade de pedir permiso. Xa sufrimos durante tempo de máis as incoherencias do modelo actual, as discriminacións para Galiza que del resultan, e non podemos seguir agardando para avanzarmos no camiño da plena soberanía".
COMO ACADAR A SOBERANÍA?
E como quere exercer o BNG o exercio da "plena soberanía"?, pois con "outro marco constitucional que recoñeza a capacidade de Galiza para decidir amplamente desde as institucións do País nas cuestións que nos competen". E, para iso é fundamental "o recoñecemento da Galiza como nación con plenos dereitos". O xeito que o BNG ten para chegar a esa soberanía é un referendum, que é o que fixo xa Cataluña, aínda que considerado ilegal polo Estado, e tamén piden formacións como Bildu.
"O recoñecemento do dereito de autodeterminación de Galiza, consonte á súa condición de nación, que leve aparellado o exercicio libre e soberano do poder para atinxir os seus obxectivos de desenvolvemento económico sustentábel, benestar social e florecemento cultural nun modelo de articulación adecuado dos seus dereitos e intereses, con criterios democráticos de liberdade, paridade e reciprocidade. A nación galega asume a condición de suxeito político decisorio coa fórmula que corresponder", recolle o programa co que o BNG se presentou o pasado 18F.
E aínda que Ana Pontón tentou non falar de soberanía durante a campaña electoral o certo é que o programa co que o BNG se presentaba si recolle un apartado sobre o soberanismo e os xeitos de facer efectivo ese soberanismo. Por iso, a UPG insiste nese documento político aprobado este luns que o Bloque segue o mesmo camiño que é o que aprobou a súa militancia. "Neste contexto, a responsabilidade e os desafíos do Partido son inmensos. Resulta urxente reactivar o traballo político e ideolóxico , de formación, de proselitismo e de intervención social, para reforzar a perspectiva popular, soberanista e antiimperialista", sinala.
O QUE SI CAMBIOU NA CAMPAÑA
O que si cambiou durante a campaña electoral do BNG foi o xeito de facela, xa que combinou as mensaxes do programa e da liña política do BNG en numerosos actos e mítines cun elaborado traballo en redes sociais e tamén en boa parte dos medios de comunicación. Unha "apertura" do equipo de Ana Pontón que é certo que non gustou a toda a militancia, fundamentalmente, a máis doctrinaria desta formación.
O pasado 26 de xaneiro, o Comité Central da UPG aprobaba outro documento político cos puntos que este partido consideraba esencias durante a campaña electoral e, entre eles, apuntaban "organizar unha boa campaña, de contacto directo co maior número posíbel de persoas para sortear os bloqueos mediáticos, co contido político adecuado que potencie o perfil galego destas eleccións e a proposta nacionalista e transformadora do BNG é unha das chaves".
E advertía, precisamente, en non caer en campañas de marketing. "Fente á idea de que as campañas son só marketing, nós sabemos que as mensaxes son fundamentais. O nacionalismo ten que manter un perfil propio e explicar por que a mudanza política á que apelamos é posíbel e necesaria, para que queremos mudar o Goberno galego", apuntaba un documento que tamén insistía que un dos principais obxectivos do nacionalismo galego "e consolidalo na sociedade galega e situalo en condicións de conquistar a hexemonía social e avanzar para o obxectivo final estratéxico da soberanía".
Para a UPG o principal mecanismo de mobilización e atración de electorado non pasa pola candidata do BNG, Ana Pontón, senón polo conxunto da militancia. Dicíao antes das eleccións e insiste tamén agora tamén co texto aprobado este pasado luns. E isto non quere dicir que non valore a importancia que Ana Pontón tivo nestes comicios para o BNG xa que era "a mellor líder para encabezar un Goberno diferente" e "benficiouse da concentración de votos pro-mudanza á que apelou reiteradamente durante a campaña".
Pero, para o partido que marca os roteiros do BNG, Pontón é outra militante máis que está ao servizo dunha causa, que é que o nacionalismo galego goberne na Xunta para camiñar cara o "obxectivo final estratéxico da soberanía". E isto é algo que sempre foi así. Tamén está no ADN da UPG e, agora, do BNG; a persoa ao servizo dunha causa e non unha causa ao servizo dunha persoa, moi no estilo da vella ortodoxia comunista. Polo tanto, Ana Pontón e o seu equipo sabían isto e os medios de comunicación e o resto de partidos tamén deberían sabelo. Non é algo novo e ficou ben clara esta mesma ortodoxia no conxunto do BNG, da súa dirección e da súa militancia, cando Anxo Quintana quixo facer o mesmo que Ana Pontón fixo nesta campaña; centrar a mensaxe na súa persoa.
Por iso, a UPG recoñeceu nese documento aprobado hai uns días que "no contexto en que se produciu, unha campaña cun alto grao de presidencialismo funcionou adecuadamente como estratexia de captación de voto". Pero, tamén mandou un aviso importante cara dentro da organización. "No entanto, o debate político debe esclarecer que iso non pode supor nin relaxar os procedementos internos colectivos na toma de decisións, nin renunciar a trasladar unha imaxe pública cada vez máis coral e plural, nin moito menos (como xa están a aconsellar os inimigos e adversarios tradicionais do nacionalismo) abandonar os postulados políticos do nacionalismo popular para sermos “máis transversais”.
AUMENTAR A MASA DE VOTANTES
No que si coincide a actual dirección do BNG e da UPG é en que para conseguir os seus obxectivos, sin abandonar eses postulados, é necesario "anchear" a base simpatizante. Algo que tamén quixo facer no seu día Anxo Quintana, aproveitando a Vicepresidencia da Xunta, pero que, naquel momento, non foi ben visto pola dirección política da UPG.
Por iso, a UPG está convencida de que a suba do BNG nestes comicios "sexa consecuencia de ‘votos emprestados’", senón de votos 'estruturais’, máis identificados politicamente co nacionalism e outros ‘conxunturais’. "Estamos a falar de votos derivados do comportamento dual (galegas/xerais) ou dunha escolla determinada polas circunstancias políticas -por nos consideraren determinados sectores, incluído mediáticos, o instrumento mellor para combater o PP e tentar que perdese o goberno da Xunta que, sen dúbida, nos foron favorábeis", recoñece.
"De calquera maneira, se é evidente que o BNG recolleu votos de persoas que non eran votantes habituais, isto lévanos á necesidade de estabelecer estratexias adecuadas de consolidación e ‘fidelización’ (quer dicir, de politización e ideoloxización) do voto", engade. De feito, recoñece que "o esfarelamento do que no seu día foron as mareas e o corremento de parte dese ‘espazo’ para o BNG pode xerar novas posibilidades de fortalecemento político e electoral".
A POLO VOTO GALEGUISTA
E dentro desta nova estratexia, a dirección da UPG ábrese tamén a tentar captar votos "galeguistas", nomeadamente do PSOE. De feito, consideran que o esmoronamento electoral do PSdeG vén dado, en parte, por perder o seu proxecto propio e galeguista, a súa referencia "piñeirista" que foi a que no seu día tamén abandeiraron o avogado coruñés Xosé Luís Rodríguez Pardo, Fernando González Laxe, Ceferino Díaz, Xaime Barreiro, Bonifacio Barreiros ou Xerardo Estévez. Por iso, recoñece que "os resultados da esquerda española (un PSOE á baixa e un Sumar marxinalizado e sen presenza institucional) abren un espazo para o nacionalismo naqueles ámbitos que nos resultan máis difíciles, se soubermos axir adecuadamente".