"Falta de publicidade" nos contratos da Xunta durante a crise da covid, concentrados o 66 % en catro empresas no 2021

Así o recolle o seu informe de fiscalización sobre a xestión económica-financeira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2024

O Consello de Contas de Galicia alerta de "falta de publicidade" por parte da Xunta en "unha parte das adxudicacións dos contratos" pola crise da covid-19, segundo recolle no seu informe de fiscalización sobre a aplicación dos ingresos do fondo extraordinario e a xestión económica-financeira na comunidade autónoma galega correspondente a 2021. De cara a futuras crises, demanda unha "información máis ampla".

No que se refire aos contratos de emerxencia, abarcando o período 2020-2021, incide, rexeitando as alegacións expostas pola Xunta, en "deficiencias nalgunhas das memorias xustificadas e falta de constancia nalgúns expedientes dos antecedentes que soportan as adxudicacións", así como "falta dun mínimo de concorrencia e comprobación de capacidade do adxudicatario".

A iso, suma "falta de publicidade dunha parte das adxudicacións dos contratos no perfil do contrato" e "incumprimento, nalgúns casos, do prazo de inicio da execución das prestacións dun mes". No seu informe, explica que a contratación de emerxencia pasou de representar en 2019 un 0,09 % do volume de adxudicación anual a representar o 4,43 % en 2020 (80,5 millóns de euros adxudicados en 863 contratos). En 2021, segundo ano da crise sociosanitaria, diminuíu ata o 1,32 %, "para regresar ao seu carácter residual en 2022".

CONTRATACIÓNS

A maior parte desta contratación realizada nos exercicios 2020-2021 correspóndenlle ao Sergas, con 669 contratos por un importe de adxudicación de 70,8 millóns de euros, e á Consellería de Sanidade, con 38 contratos por un valor de 16,2 millóns de euros. Se en 2020 once empresas concentraron o 49,1 por cento do volume de adxudicación de emerxencia de todo o ano, a través da realización do 29,1 por cento do número de contratos, en 2021, experimentou unha "significativa redución tanto en volume de adxudicación como en contratos xestionados, cunha maior concentración de adxudicatarios".

"Catro empresas concentran o 66,6 % do volume de adxudicación a través da realización do 30,3 % do número total de contratos", recolle o informe. Nel se espeficia tamén que, a 31 de decembro de 2021, o impacto orzamentario da pandemia sobre o gasto da comunidade autónoma galega foi de 1.085,4 millóns de euros, "incluíndo, ademais dos 918,4 millóns de euros de gasto covid-19 consolidado que se deduce da Conta Xeral, os gastos do 'Plan de Rescate IV' financiados con fondos propios". O Consello de Contas explica tamén que Galicia ocupou o sexto lugar nas comunidades autónomas en relación á asignación dos fondos extraordinarios relacionados coa Covid-19 e distribuídos entre as comunidades autónomas no período 2020-2021, cun total de 1.563 millóns, un 5,3 % por cento do total.

IMPACTO NA ACTIVIDADE

Xa en relación do impacto da pandemia sobre o volume de licitación da Administración galega, sinala que en 2020 supuxo unha minoración do 23,9 por cento, uns 600 millóns respecto de 2019. "Aínda que no exercicio 2021, cun incremento do 30,4 %, recupérase un nivel de licitación próximo ao de prepandemia, a cifra correspondente ao exercicio 2022 mantense por baixo do 2021, cunha diminución do 4,5 %, polo que o volume de licitación pública deixado de xestionar pola covid-19 non se recupera".

O informe tamén detalla o gasto orzamentario debido á crise sanitaria en 2021 por áreas: 442,9 millóns corresponden a gasto sanitario e sociosanitario, representando o 48,2 % do total, gastos en educación e cultura, 158,8 millóns, representando o 17,3 % do total e o realizado no resto das funcións dos orzamentos, o 34,5 %, un total de 316,7 millóns de euros. No exercicio 2021, "correspondéronlle 828 millóns do fondo extraordinario, que representan o 6,1 por cento do seu importe total e sitúan á comunidade autónoma no quinto lugar do conxunto de comunidades autónomas polo seu volume de participación".

Por outra banda, conclúe que a información facilitada nas memorias das contas autonómicas rendidas correspondentes ao exercicio 2021 foi "limitada, dado que non se acompaña de información detallada nin de análise específica sobre o impacto económico-financeiro da crise sociosanitaria sobre as contas".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Cribado poboacional de Covid-19 en Marín / ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.