(ANÁLISE) Galicia 2024: manual de instruccións

Galicia Confidencial comeza a publicación dunha serie de artigos de sociólogos, politólogos, ex políticos e profesores universitarios, entre outros, nos que tenta analizar o que acontece en Galicia desde o punto de vista electoral. Unhas reflexións que tentan afondar na socioloxía do pobo galego e nas estratéxias políticas para tentar entender o que, elección tras elección, acontece neste país. O primeiro artigo é de Juan Jesús González, catedrático de Socioloxía e autor de “Las razones del voto en la España democrática (1977-2023)”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/03/2024

O hábitat como estabilizador electoral
 
Por máis que a batalla mediática quixo introducir suspense nas pasadas eleccións galegas, o certo e verdade é que os votantes responderon unha vez máis facendo gala dunha abraiante regularidade, coma se as maiorías absolutas do PP formasen xa parte da paisaxe de Galicia. No que segue vou apartarme das crónicas ao uso e voume a centrar en dous aspectos que adoitan pasarse por alto: un de carácter estrutural, a influencia do hábitat, e outro estratéxico: o chamado bibloquismo.
 
En contra de quen adoitan atribuír este carácter previsible do electorado galego a cuestións idiosincrásicas, déixenme dicirlles para empezar que tamén Andalucía tivo durante moito tempo esta característica, debido a que ambas as CCAA (Galicia e Andalucía) compartiron un sistema político de "partido predominante", denominación coa que nos referimos a un sistema de partidos no que un deles foi capaz de obter maiorías absolutas repetidamente (o PSOE en Andalucía e o PP en Galicia). Pois ben, en ambos os casos atopámonos un mesmo fenómeno: o partido predominante obtén os seus mellores resultados no hábitat rural, até o punto de sacar máis dun 50% de votos por encima do que obtén nas capitais. Así ocorreu en ambas as CCAA durante moito tempo, de tal maneira que os votantes do rural mostraron unha maior preferencia polo partido gobernante, ao que apoian en maior medida que os votantes urbanos. Unha explicación habitual é a diferente composición sociodemográfica do medio rural (en particular, a que afecta o envellecemento dos seus votantes), tendo en conta que a idade é unha variable explicativa do apoio aos partidos políticos, segundo que se trate de partidos tradicionais (PP-PSOE) ou novos partidos. 
 
Agora ben, unha vez descontado o efecto do envellecemento, queda aínda outro tanto por explicar, posto que a idade só explica a metade das diferenzas observadas entre o medio rural e as cidades. Neste punto, o sociólogo Luís Barreiro atopou un procedemento para demostrar a incidencia do noso sospeitoso habitual: basta comparar os resultados das eleccións non municipais (xerais, autonómicas) segundo o partido que ostente as alcaldías dos municipios estudados para comprobar a eficacia das redes clientelares, tendo en conta que ditas redes, promovidas polo xeral desde os gobernos autonómicos e as deputacións, articúlanse a través de nódulos onde os alcaldes xogan un papel fundamental. Tomando como referencia o caso paradigmático da provincia de Ourense, o control das alcaldías arroxa un plus electoral que rolda o 20% nas aldeas e o 10% nas vilas ou concellos intermedios, á vez que este efecto desaparece nas cidades e capitais ('O hábitat rural como medio facilitador do clientelismo. O caso da provincia de Ourense (2000-2020)', Barreiro 2022). Esa é, a día de hoxe, a mellor estimación que temos da capacidade de mobilización electoral das redes clientelares no caso que nos ocupa. De aí, por tanto, que a consecución de maiorías de goberno en Galicia dependa, como é ben sabido, da sobrerrepresentación das provincias interiores no sistema electoral, pero dependa tamén do plus clientelar asociado ao hábitat. 
 
En consecuencia, unha cousa é o peso demográfico das aldeas e vilas da Galicia interior e outra distinta a representación que obteñen no Parlamento autonómico. De acordo coa estimación que presento a continuación (á espera dos datos oficiais que proporciona o Ministerio do Interior a partir do Censo de Residentes), o Rural Interior (aldeas e vilas de menos de 10000 habitantes de Lugo e Ourense) representa o 13,2% dos votantes pero consegue o 21,3% da  representación no Parlamento. Isto fai que os partidos teñan ganancias e perdas de representación segundo a provincia e o tipo de hábitat, tal como se pode observar na táboa adxunta. Agora ben, o único partido que obtén un balance positivo no conxunto de Galicia é o PP (4,3 puntos), en tanto que o PSdG perde representación por importe de 3,4 puntos. No primeiro caso, a práctica totalidade da ganancia do PP procede do rural interior (Lugo e Ourense), en tanto que a perda do PSdG está localizada nas cidades atlánticas. Entre medias, o BNG compensa parte das perdas que rexistra nestas mesmas cidades atlánticas con ganancias nas provincias interiores. 
 
Noutras palabras, tres do corenta deputados populares elixidos en febreiro proceden da sobrerrepresentación do Rural Interior, á vez que o PSdG (2) e o BNG (1) perden outros tantos como consecuencia de que o voto das cidades atlánticas perde peso cando chega ao Parlamento.
 
O fracaso do bibloquismo
 
A segunda consideración que convén facer refírese á estratexia seguida polos socialistas, tendo en conta a traxectoria declinante que lles precede, tras a perda da Xunta en 2009. En principio, a estratexia bibloquista (bloque contra bloque) seguida por Pedro Sánchez deu bos resultados ao PSOE alí onde este era hexemónico dentro do seu bloque. É verdade que o teórico inicial do bibloquismo foi Pablo Iglesias, pero non o é menos que foi precisamente esa estratexia a que acabou con el, á vez que serviu a Pedro Sánchez para absorber o voto de Unidas Podemos, primeiro, e dos independentistas, máis recentemente. En suma, o bibloquismo reforza ao partido hexemónico da esquerda, pero isto mesmo fai que sexa contraindicada no caso de Galicia, unha vez que o BNG conseguira o sorpasso nas eleccións de fai catro anos e podía servirse, por tanto, do voto útil. 
 
En tanto que, doutra banda, a estratexia do bibloquismo a nivel nacional serviu para xerar tensións no bloque de centro-dereita, agudizando a división do voto entre PP e Vox, pero isto mesmo a fai ineficaz no caso de Galicia, por canto só serve para reforzar o peche de filas do centro-dereita en torno ao PP e taponar calquera fuga electoral a Vox, que segue sendo irrelevante. En consecuencia, a estratexia dos socialistas en Galicia tivo efectos asimétricos, reforzando, por unha banda, ao PP fronte a Vox, en tanto que debilitando ao PSOE fronte ao BNG.   

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

Sentidiño

O falar é parola...


O candidato Popular á Xunta, Alfonso Rueda, xunto á secretaria xeral do partido en Galicia, Paula Prado, celebra a vitoria durante o seguimento da xornada electoral dos comicios autonómicos de Galicia, no hotel Eurostars de San Láza. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Evolución do voto dos galegos nas zonas rurais e urbanas de Galicia

Juan Jesús González, catedrático de socioloxía e profesor na UNED / UNED

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.