Agora Repúblicas, a coalición do BNG con ERC, Bildu e Ara Més para as eleccións europeas

Os nacionalistas insisten en que o electorado galego "votará con papeleta e candidaturas plenamente do BNG" cunha "campaña 100% galega"

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/03/2024

O BNG repetirá fórmula electoral para concorrer ós comicios europeos do 9 de xuño baixo a coalición instrumental Agora Repúblicas, xunto con ERC (Catalunya) e EH-Bildu (Euskadi) igual que fixo fai cinco anos, formacións ás que nesta cita coas urnas tamén se suma Ara Més (Baleares). A formación nacionalista volve optar por esta fórmula de coalición instrumental como vén facendo desde hai dúas décadas, ao seren estes uns comicios de circunscrición única en todo o Estado. A sinatura do acordo farase este xoves en Barcelona, onde o BNG estará representado por Rubén Cela, membro da Executiva Nacional e responsable de relacións internacionais.
 
Nesta ocasión o BNG ocupa o terceiro lugar dentro da coalición fronte ao quinto posto que lle correspondeu nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo, un cambio significativo que se produce despois do histórico resultado acadado nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro, nas que o Bloque obtivo case 500.000 votos. Ademais das forzas xa mencionadas, a coalición Agora Repúblicas tamén conta co apoio de formacións políticas doutros territorios como Canarias ou Asturias que van pedir o voto para a coalición aínda que non estarán integradas formalmente na mesma.
 
"Máis alá da coalición técnica instrumental, o electorado galego votará coa papeleta do BNG e a unha candidatura propia, co obxectivo de que Galiza conte con voz propia en Bruxelas para defender os seus intereses", indica o Bloque nun comunicado. A candidatura será elixida pola militancia nacionalista en asembleas comarcais durante o mes de abril e o proceso rematará coa súa aprobación definitiva por parte do Consello Nacional.
 
Igualmente, o BNG anuncia que desenvolverá unha campaña netamente galega ao longo e ancho do País para trasladar tanto o traballo feito na Eurocámara en defensa de Galicia ao longo desta lexislatura, como as principais liñas de traballo e propostas de futuro en defensa dos intereses dos e das galegas, en particular en sectores como pesca e agricultura, onde as decisións que se adoptan en Bruxelas teñen un gran impacto.
 
REACCIÓN DE RUEDA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, censurou a alianza europea do BNG, que concorrerá en "coalición técnica" con Bildu, ERC e Ara Més nas eleccións europeas --que son de circunscrición única estatal--. Nesta mesma liña, na que o tamén líder do PPdeG advertiu de que é o BNG "de sempre", a secretaria xeral do partido en Galicia viu aos nacionalistas "máis preto do terrorismo e do independentismo" que da defensa dos interes dos galegos.

"Coalición técnica chámanlle eles, pero é o de sempre, é o que querían ocultar en campaña. Non lles interesa falar deste tema e cada vez que llo lembrabamos nós, cambiaban de tema. Está claro que era por algo, porque ten un rexeitamento moi amplo en Galicia pero ao final vano a facer", manifestou Alfonso Rueda, a preguntas dos medios, en Vilanova de Arousa.
 
YOLANDA DÍAZ
A vicepresidenta segunda do Goberno e líder de Sumar, Yolanda Díaz, evitou pronunciarse sobre a alianza alcanzada polos seus socios en Mallorca Ara Més de face ás eleccións europeas para concorrer xunto a BNG, EH-Bildu e ERC e limitouse a defender que a cabeza de lista de Sumar, Estrella Galán, é "a mellor candidata no conxunto do país".

A preguntas dos medios antes de participar este mércores a inauguración da Festa do Encaixe de Camariñas (A Coruña), Díaz subliñou que Sumar "está preparada" para as eleccións europeas de xuño e "nos próximos días" presentará o seu programa.

Na xornada na que se coñeceu a candidatura conxunta entre as forzas soberanistas EH-Bildu, BNG e ERC na que participará tamén Ara Més, socios no Congreso de Sumar; Díaz defendeu que o seu partido ten "unha candidata extraordinaria" que representa "a cara da mellor" Europa "sen fronteiras", "de non levantar muros" e "democrática".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Acordo entre BNG, ERC e Bildu para as eleccións europeas / eitb

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.