Pontón denuncia a "discriminación" de Lugo en transportes: "É a única cidade que non ten conexión directa coa capital"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén reivindicou este xoves en Lugo a "modernización" das infraestruturas ferroviarias da provincia para pór fin a unha "discriminación histórica evidente" que trata á cidadanía de Lugo como "unha cidadanía de segunda".

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 04/04/2024

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este xoves en Lugo a "modernización" das infraestruturas ferroviarias da provincia para pór fin a unha "discriminación histórica evidente" que trata á cidadanía de Lugo como "unha cidadanía de segunda". Así se expresou a líder nacionalista ao termo dunha reunión mantida con representantes económicos, sociais e sindicais da cidade nas instalacións do hotel Méndez Núñez da capital, na que estivo acompañada polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e as deputadas Olalla Rodil e Montserrat Valcárcel, entre outros membros do partido.

Pontón, que subliñou que para Lugo "perder o tren significa perder oportunidades no económico e no social", anunciou o inicio dunha "ofensiva social e institucional" por parte do BNG "ante o Parlamento galego, o Congreso dos Deputados, o Senado e as institucións europeas" para modernizar as infraestruturas ferroviarias.

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG adiantou que as principais demandas do partido estarán centradas en esixir a "modernización e electrificación" da vía Lugo-A Coruña para "recortar os tempos de viaxe"; e a realización do estudo de viabilidade, recollido no acordo de investidura co Goberno central, para establecer unha conexión directa entre Lugo e Santiago. "Lugo é a única cidade galega que non ten unha conexión directa coa capital de Galicia. E non estamos a falar, ademais, de ningunha proeza ferroviaria. Estamos a falar de que cunha obra de 27 quilómetros de vía poderíase conectar", puntualizou.

Tamén chamou a atención Ana Pontón na súa comparecencia ante os medios sobre a urxencia de "recuperar todos os horarios suprimidos con motivo da pandemia" en materia ferroviaria, de "ampliar os servizos, horarios e frecuencias" dos mesmos, así como de completar, xa en materia viaria, as autovías Lugo-Santiago e Lugo-Monforte na presente lexislatura.

ALCOA E ALTRI

A portavoz nacional do BNG tamén se referiu este xoves en Lugo a dúas das materias de actualidade en clave industrial e empresarial que afectan á provincia: a situación da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao, en Cervo, e o proxecto da factoría de fibras téxtiles que a multinacional portuguesa Altri pretende acometer en Palas de Rei.

En relación ao primeiro dos asuntos, e no mesmo día da celebración no Ministerio de Industria dunha nova reunión da mesa de seguimento do acordo de viabilidade da planta, Ana Pontón cualificou a intervención pública da factoría como a "medida legal e a única garantía de que a fábrica de aluminio primario siga funcionando".

"Deixemos de perder tempo e que se poña en marcha esa intervención pública, que non só depende da SEPI, senón tamén dun paso adiante da Xunta", proclamou respecto diso, para acto seguido acusar a PP e PSOE de "bailar máis ao son que marcaba Alcoa e menos ao que demandaban os traballadores e traballadoras" da planta.

Igualmente tallante mostrouse a líder nacionalista á mantenta da postura do seu partido en relación á fábrica de fibras téxtiles que a empresa Altri pretende pór en marcha en Palas de Rei. "Non podemos permitir baixo ningunha circunstancia que no corazón do rural galego se poña en marcha unha bomba ambiental como Altri, que en vista da documentación que presentou non deixa de ser unha macrocelulosa que vai ter un impacto contaminante moi importante", denunciou.

A declaración da multinacional lusa asegurando que a extracción de celulosa da madeira usarase "exclusivamente" para a "produción de fibras téxtiles" e que o proxecto non terá "ningún impacto na flora e a fauna local" non convence á líder nacionalista. "A nosa posición é moi clara: cremos que as empresas que non queren en Portugal porque son contaminantes e supoñen graves problemas para esas zonas, non deben instalarse en Galicia", finalizou Ana Pontón.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (no centro da imaxe), durante a reunión mantida este xoves en compañía doutros membros do partido con axentes sociais e económicos da cidade de Lugo. En Lugo, a 4 de abril de 2024 / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.