A Axencia Galega da Industria Forestal "impulsa" a frondosa caducifolia na construción e nega a eucaliptización

O director, Jacobo Aboal, preferiu non facer declaracións sobre o impacto da celulosa de Altri.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 09/04/2024

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, destacou este martes en Lugo a aposta da Xunta de Galicia por "impulsar" o uso de frondosa caducifolia como parte da súa estratexia de construción e da "política de descarbonización" e de "loita contra o abandono e os incendios forestais" implementada pola Consellería do Medio Rural.

Aboal, que visitou este martes as instalacións do laboratorio da Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) do Campus de Lugo, co que a Xunta ten un convenio de colaboración, explicou ao termo do percorrido que a estratexia está centrada en fomentar o uso de madeira de frondosa caducifolia --fundamentalmente de castiñeiro-- tanto en procesos de "rehabilitación" como en "sistemas mixtos", combinando a madeira co formigón.

"A idea é incorporala en edificación pública e a través de axudas a propietarios e empresas privadas de face á introdución da madeira en estrutura", precisou o director da XERA en declaracións a Europa Press. Consultado sobre a existencia dun proceso de eucaliptización masiva do territorio en Galicia, Jacobo Aboal destacou o "empeño" da Axencia Galega da Industria Forestal por "pór en valor toda a madeira derivada dos bosques de Galicia".

"Xa dispomos por fin de información sobre canta superficie temos de eucalipto en Galicia, 410.000 hectáreas, pero hai 420.000 hectáreas de piñeiro e hai 620.000 hectáreas de frondosa caducifolia. E estamos a pór todo o empeño na frondosa caducifolia", asegurou, para acto seguido lembrar que a Xunta "fixo hai anos unha moratoria" prohibindo a plantación de eucalipto en Galicia.

"Hai un proxecto de industrialización ligado a un produto endóxeno, que neste caso é o eucalipto, unha estratexia que temos de construción en madeira de piñeiro e estamos a abrir novas liñas coa frondosa caducifolia", sintetizou.

En relación á viabilidade e o impacto ambiental do proxecto de fibras téxtiles que a multinacional Altri pretende pór en marcha en Palas de Rei e que a Sociedade Galega de Historia Natural cualificaba recentemente como "unha nova arma de eucaliptización masiva", Jacobo Aboal preferiu non facer declaracións indicando que é a Consellería de Economía e Industria a encargada de monitorear dita actuación.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, durante a súa visita este martes ao laboratorio da Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade). / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.