Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 10/04/2024
O compromiso de ampliar a rebaixa fiscal para a tributación en herdanzas entre parentes que ata agora non gozaban deste beneficio ou de impulsar a gratuidade das primeiras matrículas universitarias foron dous dos fitos no ámbito dos compromisos electorais que marcaron a campaña do PP galego, con Alfonso Rueda como candidato, á cita coas urnas do pasado 18 de febreiro.
Este martes, xa como candidato formal á Presidencia da Xunta, proposto polo xefe do Lexislativo, Miguel Ángel Santalices, despois de lograr consolidar a maioría absoluta o pasado 18F, Rueda reconverteu as súas promesas electorais en compromisos asumidos en sede parlamentaria. Por áreas, estes son algúns dos principais anuncios:
POLÍTICA FISCAL
- Rueda avanzou que "nas próximas semanas" aprobarase a nova rebaixa fiscal para a tributación de herdanzas entre os denominados parentes 'colaterais': irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados e xenros.
- Medidas para autónomos. Nesta lexislatura simplificaranse "e unificarán" as convocatorias de axudas destinadas a este colectivo. Ademais, lembrou que neste 2024 os galegos que se dean de alta como autónomos non deberán pagar nin un só euro de cota porque a asume "ao 100 %" a Xunta. Á convocatoria, aberta desde principios de ano, presentáronse xa máis de 5.000 emprendedores galegos.
EDUCACIÓN
- Compromiso de facer o ensino superior "cen por cen gratuíto" ao facilitar que as primeiras matrículas sexan gratis para os alumnos que "aproben a curso por ano".
- Aposta pola FP e reforzo con dous plans: FPGal350, dirixido a alcanzar o "abandono escolar cero"; e Conecta FP, centrado nas competencias dixitais.
- Ademais, Rueda prometeu pór a disposición dos fogares galegos unha medida "pioneira": axuda para que os nenos e nenas vaian a actividades extraescolares ou clases de reforzo.
VIVENDA
- Na liña cunha área de goberno que tamén prevé "reforzar" a vivenda, reiterou os compromisos para desenvolver solo residencial para 20.000 vivendas protexidas, das cales 2.000 serán de aluguer accesible; rebaixar ata o 3 % o imposto de transmisións patrimoniais para a compra de vivenda por parte das familias monoparentais; e "duplicar" o tamaño do parque público de vivenda: dos 3.800 domicilios de hoxe a 8.000 en 2028.
- As primeiras 375 destas novas vivendas de promoción pública, ratificou Rueda, empezaranse a construír nos cen primeiros días do novo Goberno.
SANIDADE
- A Xunta seguirá explorando nesta lexislatura fórmulas para favorecer ás persoas que queren ter fillos con medidas como a posibilidade de conxelar óvulos na sanidade pública e a ampliación a 45 anos no acceso á fecundación in vitro, eliminando o límite dun fillo para o acceso a esta fórmula.
- O Servizo Galego de Saúde (Sergas) habilitará psicólogos clínicos nos centros de saúde co obxectivo de apoiar ás persoas que necesitan reducir, na medida do posible, o consumo de psicofármacos.
- Ademais, Rueda fixo outros anuncios en materia de sanidade e asegurou que se permitirá elaborar en Galicia os chamados CART-T. "Os fármacos máis avanzados para a loita contra o cancro empezarán en moi pouco tempo a producirse e administrarse aquí, en Galicia", destacou e tamén reiterou o compromiso cos cribados.
ATENCIÓN AOS MAIORES
- Rueda reiterou o seu compromiso cos maiores e confirmou que a Xunta tratará de pór en marcha outro mil novas prazas, tanto de residencia como en centros de día. Así mesmo, dixo que a Xunta continuará co despregamento do bono universal de 5.000 euros para os galegos dependentes que prefiren permanecer na súa casa poidan ter axuda dun coidador.
- Tamén ratificou que esta lexislatura se porá en marcha a axuda, similar á do 'Bono Deporte' para nenos, para maiores que practican actividade física.
BENESTAR ANIMAL
- Concluíu que Galicia avanzará a próxima década "desde o respecto e o bo trato aos animais de compañía": coa gratuidade dos primeiros gastos veterinarios ás persoas que adopten, o impulso dun novo centro de acollida a nivel galego e apoiando aos concellos de máis de 20.000 habitantes para que instalen parques de lecer canino.
CULTURA?
- Non houbo ningún anuncio en relación á cultura: nin ao mundo da literatura, do audiovisual, do teatro, da pintura...
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Alfonso Rueda co discurso de investidura na man / Lavandeira Jr. - Efe