Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2024
O acto de toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, no día previo a que este revele quenes lle acompañarán como conselleiros e conselleiras no novo mandato, foi escenario de todo tipo de círculos e quinielas, pero nin o protagonista nin ningún dos interesados deron pistas explícitas respecto diso.
É o caso de Valentín García, responsable de Política Lingüística na Xunta (unha área da que Rueda avanzou que gañará peso); ou do alcalde da Estrada, José López Campos, outro dos que nas últimas semanas entrou con forza nas quinielas de quenes comporán o primeiro Executivo 'propio' que deseñe o actual líder do PP.
E é que, tras suceder a Alberto Núñez Feijóo, Rueda tamén herdou sen apenas cambios o que fora o seu Executivo autonómico. Os que tivo que introducir 'a posteriori' coa entrada da ourensá Elena Rivo e de Alfonso Villares, exalcalde de Cervo, chegaron propiciados tamén por decisións do seu antecesor: levar ao Congreso a Francisco Conde e a Rosa Quintana.
Tanto Conde como Quintana, excompañeiros de Rueda no Goberno galego participaron estes días nos actos de investidura e toma de posesión, con discreción. Este mesmo sábado Conde declinaba dar a súa opinión sobre como debería o dirixente pontevedrés configurar o seu Executivo a preguntas dos medios.
Outros optaron por falar, entre sorrisos algo nerviosos. Así, a preguntas dos xornalistas sobre se se lle estaba pondo cara de conselleiro, López Campos chanceaba con que segue "tendo a mesma cara de alcalde de sempre". A continuación, destacou o "traballo coral" do partido para gañar o 18F, que facía moi bo tempo e que este sábado "é o día do presidente Rueda".
"CANTEIRA INCRIBLE"
Secundoulle, ao seu lado, a número dous do PPdeG, Paula Prado, cunha frase case idéntica: "É o día do presidente Rueda, temos que estar todos con el". "Levamos cinco tomas de posesión e son todas moi bonitas", dixo, antes de incidir en que "a grandeza do PPdeG" é a súa "incrible canteira" con "moitísimos perfís" que poderían acompañar a Rueda no Consello da Xunta.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, tamén se mostrou máis inclinado a comentar o tempo ("fai un día estupendo, menos mal que hai sombra), que a falar das quinielas. "Non é un día para iso é o día do presidente e hai que estar con el", esgrimiu, sen desvelar tampouco se Rueda compartiu os seus plans con el. "Comentou xa publicamente as ideas que ten na cabeza", manifestou, sen aclarar sequera se a el lle gustaría conservar as súas actuais competencias: "El decidirá con quen conta e para que".
"Xa falta pouco para coñecer o Goberno. El fala con todos e a decisión trasladaraa mañá", manifestou, pola súa banda, Julio García Comesaña, o titular de Sanidade; mentres que o responsable da Consellería do Medio Rural, José González, por exemplo, declinaba falar. E se ser os últimos en irse apuntase a tranquilidade os que case 'pecharon' o cóctel foron, precisamente, dous dos conselleiros que se sitúan nunha órbita máis próxima a Rueda: María Jesús Lorenzana, titular de Economía; e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta / ÁLVARO BALLESTEROS