A Celso Cancela, politólogo con sentido común
Na soberbia novela Guerra e Paz, o xeneral Kutuzov, antes dunha batalla, di ao seu estado maior: “Imos perder esta batalla. E mañá todos terán unha explicación”. Por veces, todos (non só os economistas) podemos parecer un pouco profetas do pasado. A ver se non é así desta vez.
O resultado das eleccións pasadas non foi moi sorprendente. Certo que “aquí pasou o que pasou”, pero o que moitos supoñiamos era máis ou menos como o que pasou. Máis unha vez, os grandes medios saben pouco de nós e xúlgannos como xulgarían a Segovia ou Murcia. Nada raro: un dos efectos do centralismo é a invertebración de España: as súas diversas partes descoñécense; eu, lamentablemente, sei ben pouco de Murcia.
Innegable victoria do PP. É o partido de aquí: hoxe non é un partido de toda España; de aquí, de momento, si. Ten moita inercia, xente, maquinaria, medios, implantación territorial, capacidade de chegar a case toda a poboación… Agás smundo sindical e cultural, poucas asociacións e entidades de peso lle son alleas. Ningún dos outros se lle compara nisto, que é herdanza de don Manuel. Ignoramos canto tardará en acabar de dilapidala, pero aínda que dilapide, mentres non teña rival serio, as cousas non cambiarán moito: Feijóo revalidaba doadamente as maiorías porque nunca tivo inimigo. Agora non hai Fragas, liderado nin ideas e os vellos votantes van morrendo, pero a sociedade galega non escora moito cara o contrario; de feito, os votantes populares novos —non poucos— amosan a capacidade de rexeneración do PP.
Esa victoria é innegable pero se aplicamos os lóxicos coeficientes correctores, como debería facerse sempre, tan grande non foi. O PP xogou sucio, non como Churchill cando perdeu no 1945, senón como todos os que concorren a unha elección dende o poder en España a partires, polo menos, da UCD. En boa teoría constitucional, dende o intre de convocarse unhas eleccións xa non hai goberno máis que en funcións, e debería limitarse a manter o motor a ralentí sen gobernar (de aí a frase “estar sen goberno”, como Bélxica hai pouco). O PP fixo descaradamente campaña electoral desde o poder. Non foi unha carreira xusta, aberta nin imparcial. A verdade: nin se pretendeu. Os corredores non saían da mesma raia; velaí a TVG, a Radio Galega, a administración instrumentalizada e por último as subvencións poucos días antes do 18, versión moderna do clásico tirar moedas á xente, en Roma. Ningún dos outros partidos tiña posibilidades en ningún deses campos. ¿Que deportista participaría nunha carreira con tal abuso de posición dominante? Resposta máis frecuente: "Home, é o que hai, España é así; iso está aceptado; aínda foi peor o que fixo Pedro Sánchez no 2023". O curioso é que os partidos rivais non denunciaron moito esta anticonstitucional corruptela, durísima para eles. Dobremente curioso, porque só un partido da oposición pode realísticamente dicir: “cala, que mañá fareino eu”. Agás o PSOE, ningún poderá nunca construír o terreo de xogo nin ditar as regras do xogo do envite electoral. Outra vez, a primeira servidume é interior e voluntaria.
O que vimos de dicir, cuestiona a lexitimidade de Rueda? En algunha medida imposible de precisar, sí. Non a anula pero a diminúe. Non tanto como Pedro Sánchez —que semella descoñecer o que é o fair play e nin gañou as eleccións—, pero algo, sí.
Así que para poder xulgar con sentidiño, os correctivos hai que os aplicar. Por caso. Un imaxinario PP sen TVG, sen cartos para gastar e repartir, obrigado a facer campaña dende a oposición, sen apoio dos grandes medios españois, e que cada escano lle custara tantos votos como lle custaron ao segundo partido, por non dicir ao terceiro; un PP que saíra da raia como os demais atletas, cantos escanos tería obtido? Varios menos, que irían aos outros.
Por outra banda, a campaña do PP foi errática: ¿era a campaña de Rueda, de Feijóo ou do PP de Madrid? A artillería foi desproporcionada e ao final, cando se puxeron nerviosos, mobilizaron polo medo; nada novo, pero neste caso, case como no covid. Semellaba que o 18 F decidiamos aquí non só o goberno de Madrid e a unidade de España senón o futuro do mundo. Nunha intelixente viñeta, ao día seguinte, un vello congratulábase: “impedimos que gañase ETA, que nos goberne o Puigdemont e que nos impoñan o galego”.
De resto, o PP (xa pouco "de G") amosouse como ultimamente é: centralista, pero polo sen cabeza, sen liderado, sen liñas políticas sólidas, submiso (e colaborador) coa UE aínda que arrase coas nosas vacas, a nosa caña e a nosa pesca; en temas morais e de xénero é como o PSOE con dez anos de retraso (Bastos); sen unha idea sobre Galicia, España nin Europa, nin de baixar os impostos ou suprimir as estúpidas subvencións que fan mentecata (de “mens capta”) á sociedade. Idéntico elitismo que o PSOE, o mesmo gobernar contra a xente, contra autónomos, contra familias, contra a moralidade social básica, contra a educación clásica, contra o agro e o mar, contra a augardente, as pitas, os ovos e os enxamios; en certo modo, mesmo contra Galicia, tapándonos a seguido as bocas con transporte gratis e outros “engañachiquillos a maravedí”, que dicía unha miña avoa.
Imos có Bloque. Foi Ana Pontón, máis que o BNG, a vencedora moral destas eleccións. É o outro partido de aquí; non hai máis. Fixo unha campaña boa —a mellor, posibelmente—, de tipo presidencialista e personalista. Pero para chegar a gobernar precisaba unha baixada maior no PP e que non lle fallara a outra pata do banco, o PSOE, pero esa pata non loitou, e, asemade, pouco ten de galeguista. Se o BNG defínese polo nacionalismo, por que pacta en concellos e deputacións sempre có menos galego dos dous grandes? Agora, consolidado como primeiro partido da oposición, o BNG debería asumir o papel de partido de Galicia, non só da esquerda (que xa non existe, sexamos claros): partido realmente nacional, algo así como o PNV de Galicia (en tempos, Fraga facía algo de iso, como o PSOE no sur). Un partido con plans para toda a sociedade e todo o territorio, que loite por máis autogoberno e financiación propia; que combata o abafante centralismo, un partido que artelle e publicite unha maneira galega de ver España e a UE; por exemplo, evitando guerras, porque nós somos pacíficos, e criticando a Axenda 2030 e as microidentidades delirantes, que disolverán todo o que de comunidade quede na Galicia. Fraga foi quen de ser o presidente de (case) toda Galicia; Paco Vázquez, o mesmo na Coruña; Caballero, en Vigo. Velaí o reto do BNG: facerse o partido de Galicia, con ideas para todo o que importa, comezando por unha relación propia con Bruxelas nas materias de competencia autonómica. E todo dende a maneira nosa de ver a política, a sociedade, a xente ou o cambio climático; polo pronto, máis desconfiada de todo poder, e canto máis arriba estea, máis desconfianza. Haberá que facer reservas nacionais de retranca e sorna raposeiro-realista.
Ata agora o BNG foi máis de esquerdas que nacionalista; loitaba contra o ensino relixioso moito máis que contra o centralismo e a despoboación. Agora ten que se facer nacionalista e catch all polo menos até que deamos acadado un autogoberno substancial, até que Galicia teña unha esquerda (se tal cousa segue a existir) e unha dereita, pero as duas de aquí. "Galicia tiene que pensar en España", Madrid dixit. As elites do PPdeG dimitiron do compromiso sui generis con Galicia que tiña Fraga, botando así todo esa tarefa sobre Ana Pontón. Non son eu quen para leccionar ao BNG, agora máis aberto e menos espiñento, pero, por favor, que non exclúa ningún grupo social, que non lle falle a Galicia. Máis grave sería fallarlle a Galicia que fallarlle ás esquerdas galegas, con todo respecto polos meus amigos de ese signo. Galicia precisa un partido.
O PSOE comportouse como un partido “hidropónico” (Carrodeguas) que sobrevoa toda España e aterra aquí case sen raigaños, como a rastras, porque hai eleccións; ao inicio, sen candidato e, ao final, cun político sen xeito e descoñecido fora da súa zona local. Case un partido dixital, de redes e marketing (Cancela). A pretensión do PSOE de ser o único partido realmente nacional-español, na Galicia non se cumpre; pola contra, vai camiño de aquilo de “nin está nin se lle espera”, limitándose a certos sectores sociais maioritariamente urbanos, clase media e profesionais xacobinos que créense europeos, modernos e ilustrados, sendo o resto deplorables ou fachosféricos. Tampouco ten un plan territorial serio para Galicia (non o ten para toda España). Nunca dende 1978 amosou interese xenuino por este país. Vivo exemplo e ao mesmo tempo axente da dimisión da esquerda: especializado en guerras culturais, enxeñería social, cambio antropolóxico, submisión ao gran capitalismo financeiro e ao belicismo occidental. Como Macron: metendo o dedo no ollo a Rusia e constitucionalizando simultáneamente o aborto.
No que di respecto a Podemos, Vox e Sumar, pouca sorpresa houbo para os que vivimos aquí. Deberían ter estados nos debates televisivos, carecendo como carecen de representatividade aquí? Os grandes medios e redes sociais infláranlle as expectativas pero ao falar coa xente, poucos lles ían votar. Os tres foron tamén hidropónicos, mesmo os de Yolanda.
Democracia Ourensana é interesante porque amosa que unha cidade que non se sinte representada, reacciona. Ben, pero aparte do localismo, que dirán os da Galicia e a España aínda máis baleiradas e infra-representadas? Pouca semella proxección ter: tanto localismo fai improbable que artelle unha posible defensa da Galicia interior fronte da atlántica. Polo demais, que xurda un David (un tanto folklórico, iso si) capaz de lle meter un gol a un Goliat, en sí mesmo é cousa positiva.
Poderíanse comentar outras cousas: fracaso da pretensión bipartidista; descarado presidencialismo (fálase claramente de candidatos á presidencia da Xunta e debates entre eles), adeus ao parlamentarismo ata nas formas, partitocracia sen disimulo, diminución do xa diminuído rol do deputado, sistema electoral inxusto e desproporcional; os deputados representan a quen os nomea e non a nós, que só validamos as listas elaboradas polos xefes dos partidos... Subliñemos tamén o comportamento do noso electorado: moderado, bastante resistente ás pesadas campañas de captura mental; sen alporizarse demasiado polos alarmismos (España rachábase aquí, nos dicían) intelixente, discriminando o voto segundo en que eleccións... Pero, como xa non é a primeira confrontación electoral no que isto se ve, aquí rematamos hoxe.