O PSdeG en horas baixas, pode Besteiro e o novo efecto Sánchez cambiar a tendencia descendente?

A decisión do presidente español de non dimitir supón un alivio para a familia socialista galega. Aínda que non todos están de acordo co final desta minicrise, boa parte da militancia do PSdeG considera que, polo menos, arrefría a crise do partido en Galicia e é un balón de osíxeno para Besteiro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/05/2024

"Ou saca algo de debaixo da manga ou imos ter meses complicados". "Polo menos fixo algo positivo que é sacar á xente do PSOE á rúa, volvelos a activar". "Logo do que fixo volve a inestabilidade á política". Son tres opinións diferentes de distintos dirixentes socialistas sobre o anuncio do presidente Pedro Sánchez, que paralizou durante cinco días toda a política española. Unha reflexión que, ademais, coincidiu, coa renovación da Executiva do PSdeG, unha nova dirección socialista en Galicia que, despois do acontecido en Madrid, pasou sen pena nin gloria.

E é que o anuncio de Pedro Sánchez de parar e reflexionar colleu a toda a clase e partidos políticos a contrapé, comezando pola súa propia formación. E mentres os partidos da dereita e ultradereita falaban de estratexia política, toda a familia socialista galega e española mobilizouse ante o que considerou un ataque sen precedentes contra a privacidade e o círculo familiar do seu líder. "Saimos a rúa e fomos a Madrid porque cremos que non todo vale en política e que o PP e Vox están convertendo as institucións nun estercoleiro", asegura un veterano militante.

E é que tanto este militante como a inmesa maioría dos seus colegas socialistas estaban convencida de que Pedro Sánchez ía dimitir. "Eu estaba convendido de que ía marchar para casa", asegura un alcalde do PSdeG consultado. "Normal que nos mobilizaramos porque todas pensamos que, novamente, a dereita ía rematar co PSOE dándolle o ventilador", apunta outra edil consultada por GC.

"CHUTE DE ENERXÍA"

Todos eles están convencidos de que a mobilización da militancia mereceu a pena e que activou a engranaxe dun partido que está en horas baixas, especialmente, en Galicia. "A verdade é que ver a milleiros de persoas en Madrid berrando e apoiando ao presidente e ao partido foi un chute de enerxía", comenta un dos militantes. Iso foi o mellor de toda esta minicrise, a unidade do PSOE, porque sobre o desenlace non hai tanto consenso.

Algúns non quedaron convencidos coas explicacións de Sánchez para continuar no cargo e outros aseguran que é a súa decisión é un "respiro" para España e para o PSOE. "Non sei se foi estratexia ou non pero axudou a emocionarnos outra vez", indican as fontes consultadas.  "O pensar que marchaba fixo que agora veña con máis forza. O PSOE estaba nas catacumbas e este feito semella que volveu resucitar ao partido", asegura un veterano militante. Outros, os que menos, pensan que a súa "marcha atrás" vai traer novas inestabilidades ao goberno de España e ao partido.

En todo caso, todos e todas as fontes coinciden en que este novo episodio opacou o congreso socialista desta fin de semana así como á nova Executiva elixida por José Ramón Besteiro. "Que Sánchez sae máis reforzado internamente é un feito, outra cousa é o que pasa aquí en Galicia", asegura o alcalde consultado. "Aquí volvemos ter máis do mesmo", asegura en alusión aos cargos elixidos. E é que a pesar de que a renovación dos nomes deste órgano é do 40%, as fontes consultadas cren que a nova dirección de Besteiro adoece de algo fundamental; motivación, ideas e proxecto

UN PSdeG EN TRANSICIÓN

"Non se trata xa de persoas, senón de proxecto político", aseguran. As fontes consultadas cren que Besteiro pode ser o líder de transición que o PSdeG precisa tras o batacazo do 18F pero cren que durante estes anos "hai que ir construindo partido e buscando canteira". De feito, tamén cren que esta Executiva "é de transición" ata o congreso nacional socialista que terá lugar en outubro do 2025. "Quizais entón haxa novos cambios, xente nova e proxectos novos", indica o edil consultado.

No que si coinciden as fontes consultadas e en que a "non dimisión" de Sánchez tamén é un balón de osíxeno para o PSdeG e Besteiro xa que a marcha do presidente español podería acabar co PP na Moncloa e o PSOE, novamente, dividido. Entón, quizais, ese congreso de dentro de ano e medio sería, novamente, o da división da división do PSdeG. "Polo momento semella que iso non vai pasar e é un respiro para tentar coser feridas e volver armar un partido  galeguista con proxectos e ideas propias", aseguran.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



O presidente español, Pedro Sánchez e Gómez Besteiro./ Alberto Ortega - Europa Press - Arquivo

O secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez (e) e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro (d), durante o peche da campaña electoral do PSdeG-PSOE, no Pavillón Fontiñas / Álvaro Ballesteros - Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.