Por Europa Press / Redacción | VIGO | 31/05/2024
O BNG trasladou este venres desde Tui o seu compromiso de impulsar desde o Parlamento Europeo as infraestruturas e comunicacións na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en especial do AVE entre Vigo e O Porto. Así o manifestaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, nun acto na localidade fronteiriza, no que puxeron en valor a importancia desta eurorrexión, unha das máis importantes da UE pola súa poboación (uns 6 millóns de habitantes).
Ana Pontón subliñou que o impulso deste territorio transfronteirizo "para xerar máis dinamismo económico e social" será unha das prioridades do "escano galego" en Bruxelas fronte ao centralismo de Madrid, e destacou os intereses comúns de Galicia e o Norte de Portugal, con miles de traballadores que cada día cruzan a fronteira e que "deben ter garantidos os seus dereitos".
Precisamente por iso, explicou que as infraestruturas e comunicacións serán un dos principais obxectivos do BNG e proclamou a necesidade de ter o AVE Vigo-O Porto "canto antes", unha conexión por transporte público "rápida e sustentable" entre Galicia e Portugal, fronte á actual conexión ferroviaria que tarda dúas horas e media nun percorrido que, por estrada, faise en 90 minutos, e con frecuencias "totalmente incompatibles coa xornada laboral".
Pontón tamén avogou por mellorar as conexións da eurorrexión co resto de Europa, avanzando na rede europea de transporte de mercadorías e dando prioridade aos investimentos no corredor ferroviario atlántico de pasaxeiros. Igualmente, incidiu na importancia de optimizar a rede de portos e aeroportos, para que este territorio poida ser unha "plataforma loxística que sirva de ponte cara a Latinoamérica".
Tras referirse a a necesidade de impulsar tamén o intercambio de coñecementos entre universidades e centros de investigación, a líder do BNG convidou aos galegos a acudir ás urnas o 9 de xuño coa papeleta que encabeza Ana Miranda, a do "equipo de casa". "Estas eleccións non van nin de Feijóo nin de Sánchez, nin de que nos impoñan as súas leas e a crispación madrileña", insistiu, e engadiu que a cita do 9X vai "de galegos e galegas" e dos seus sectores produtivos, de infraestruturas, de reforzar servizos públicos, ou "de dar un futuro á xente nova" en Galicia para que non teña que "emigrar por falta de oportunidades".
PRIORIZAR A COOPERACIÓN LOCAL
Pola súa banda, a candidata reclamou que os fondos de cohesión da UE vaian a "onde realmente son eficaces", que é nos proxectos que se desenvolven a nivel local, coa implicación de actores públicos e privados. Ana Miranda lamentou que aínda existen "moitas barreiras" nos territorios transfronteirizos, expuxo, entre outras propostas, priorizar as convocatorias de fondos de cooperación dirixidos precisamente á cooperación de proximidade e incrementar o financiamento dos programas Interreg.
Igualmente, defendeu a creación dun estatuto da cidadanía transfronteiriza, que ademais dos traballadores inclúa ao resto de persoas que viven e traballan a ambos os dous lados da fronteira, de maneira que se faciliten os movementos da vida cotiá, os intercambios de estudantes ou a asistencia sanitaria. No caso concreto do tramo internacional do río Miño, avogou por crear unha autoridade gobernamental conxunta para que poidan tomarse decisións de protección e mellora ambiental, agora dificultadas polo seu carácter transfronteirizo.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás europeas, Ana Miranda, nun acto en Tui, no marco da campaña das eleccións do 9 de xuño de 2024 / ADRIAN IRAGO