Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2024
O PP erixiuse como defensor do rural galego nas institucións europeas fronte ao "ecoloxismo radical" do PSOE e BNG, aos que acusa de responsabilizar "aos gandeiros e agricultores como culpables de todo".
"Nós queremos mellorar a vida do sector e vimos directamente a escoitalos e a falar con eles. Mentres, Teresa Ribera seguro que está a acariñar algún lobo", aseverou o candidato popular nas eleccións europeas Adrián Vázquez durante unha visita ás instalacións da cooperativa láctea Clun, situadas no concello coruñés de Ames.
A comitiva do PP durante a visita estivo integrada pola secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o propio Vázquez, que incidiu na necesidade de levar a Bruxelas as demandas do sector agrogandeiro.
Para iso, os populares cren que son o partido que "ofrece solucións" porque ten en conta "o territorio" fronte a outras formacións que "pon trabas e problemas" e sitúan a gandeiros e agricultores "como culpables de todo", segundo remarcou Paula Prado.
"Os únicos que non respectan o medio ambiente son o PSOE e o BNG co seu ecoloxismo radical", aseverou o número dous do PP autonómico, que reivindicou que Galicia ordeña "catro de cada dez litros de toda España" e é a décima rexión de Europa con maior produción de leite. Nesta liña, apelou a lograr "unha Europa que se pareza máis a Galicia: moderada, sen extremismos, cumpridora, sen mentiras, igualitaria e sen discriminacións".
"Este fin de semana fomos o corazón de Europa e o vindeiro domingo esperamos ser o corazón da vitoria do Partido Popular", concluíu en referencia á xornada do sábabado na que a presidenta da Comisión Europa, Ursula Von der Leyen, participou en actos de campaña en Galicia.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Paula Prado e Adrián Vázquez visitan as instalacións da cooperativa láctea Clun, en Ames. PP / Europa Press