Europa e España camiñan cara a un futuro negro ou, cando menos, ennegrecido. Os resultados das eleccións europeas amosan un ascenso da ultradereita no Estado e no conxunto da Unión Europea. Gañan en Francia, en Italia, en Austria e son segunda forza noutros estados europeos. De feito, a dereita, os populistas e a extrema dereita gañan forza na Eurocámara e suman máis de 210 eurodeputados.
Un escenario que tamén se repite en España, onde PP, Vox e unha nova forza nacida da nada, Se Acabó La Fiesta, aínda máis populista e facha que o partido de Abascal, gañan as eleccións. Entre as tres formacións suman 31 escanos fronte aos 30 de partidos da esquerda, soberanistas ou nacionalistas.
Estes comicios xa non son os do PP ou os do PSOE, os da dereita ou os da esquerda. Son as eleccións da ultradereita, que condicionarán, e moito as novas políticas en Europa. Vox sobe dous escanos e queda con seis, mentres que entra na Eurocamara, con tres escanos, o partido Se Acabó La Fiesta (SALF), que encabeza o axitador Alvise Pérez, un populista racista e antivacinas. Entre os dous suman case 2,5 millóns de votos e máis do 14% das papeletas.
SUMAR E PODEMOS
Enfronte, unha esquerda dividida. Agás o PSOE que, a pesar da baixada, salva os mobles e obtén case un empate técnico co PP, Sumar e Podemos saen moi tocados desta cita electoral. Os seis escanos conseguidos por Podemos hai cinco anos quedan en cinco, divididos entre os tres de Sumar e os dous da formación de Irene Montero. Entre as dúas formacións non chegan a 1,5 millóns de votos, o 8% do total.
Unha situación que tivo o seu reflexo en Galicia. De feito, Vox descabalgou a Podemos como cuarta forza política nestes comicios, que é superado tamén por Sumar e pola agrupación de electores de Luís 'Alvise' Pérez . En concreto, Vox recolle 48.204 votos, tras cultivar un aumento de 1,73 puntos, ata o 4,32% dos sufraxios.
Pola súa banda 22.648 galegos votaron por SALF o que representa o 2,03% dos votos emitidos este domingo. A forza política da galega Yolanda Díaz obtivo pouco mellor resultado: 23.151 votos, o que representa o 2,07% dos apoios, mentres que Podemos quedou con 21.856 sufraxios, que representan o 1,96% do total e supón unha caída de máis de seis puntos respecto a fai cinco anos.
SOBERANISMO
Soberanistas e independentistas tamén saen tocados desta cita electoral, especialmente, Junts que queda con só un dos tres escanos que tiña. Tanto Agora Repúblicas, a coalición de ERC, Bildu e o BNG, como CEUS, a liderada polo PNV, manteñen os mesmos resultados que en 2019, tres e un escanos, respectivamente, pero baixan en porcentaxe de votos.
EUROPA
O ascenso da ultradereita tamén causou un terremoto político noutros estados europeos. En Francia, o presidente Emmanuel Macron disolveu a Asemblea Nacional e convocou eleccións lexislativas. É a reacción tras o trompazo electoral: a dereita ultranacionalista de Marine Le Pen arrasou con máis do 32% dos votos.
Tamén en Alemaña, o ultradereitista AfD saltou á segunda posición, cun 16,5% dos votos, por diante dos socialdemócratas do chanceler Olaf Scholz e por detrás do CSD.