As cidades galegas tampouco crecen: teñen o dobre de defuncións que de nacementos en 2023

Galicia Confidencial analiza o datos de nacementos e falecementos nas grandes urbes do país. Ningunha delas tivo máis nacementos que defuncións entre 2000 e 2023. A lenta agonía pobacional tamén se instala nas urbes e non só no rural galego.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/10/2024

Se a situación poboacional no rural está complicada, debido, entre outras cousas, ao envellecemento da súa poboación, en contra do que podería pensarse, a situación nas sete grandes cidades galegas non é máis alentadora. A maior parte delas nos últimos cinco anos frearon a súa senda ascendente e comezaron a perder poboación (aínda que neste 2023 remontaron lixeiramente), algo que, innegablemente, se viu motivado tamén polo inferior número de nacementos en relación co importante número de mortes que se rexistra anualmente (a excepción de Ferrol, cuxa decadencia comezou xa a mediados do século pasado). Dende o Galicia Confidencial, aproveitando os últimos datos relativos ao saldo vexetativo dos concellos galegos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), facemos un repaso da situación actual de cada unha das nosas grandes cidades.

VIGO: A CIDADE CON PEOR SALDO VEXETATIVO, PERO TAMÉN A MÁIS GRANDE

Comezando pola máis poboada, Vigo (293.652 habitantes), o saldo vexetativo correspondente ao pasado ano foi negativo, -1.439, ao rexistrarse 1.564 nacementos e 3.003 defuncións, é dicir, case o dobre de mortes que de nacementos. Habería que remontarse ata o ano 2011 para atopar un saldo vexetativo positivo na cidade. Ademais, dende comezos de século, os nacementos non superan os 2.800 anuais, mentres que as mortes tampouco baixan das 2.200. Así as cousas, o ano con máis nacementos foi precisamente o primeiro do que o IGE garda rexistros, o de 1975 (+5.247). Nese ano o número de falecidos fora de unicamente 1.694, o que significa que o saldo vexetativo arroxou un resultado positivo (+3.563). Pola contra, o ano con máis mortes foi o pasado 2022, cando morreron 3.104 vigueses. Nese ano tamén se rexistrou o peor saldo vexetativo da urbe ata a data (-1.439). Por outra banda, entre os anos 2000 e 2023 rexistráronse en Vigo un total de 50.490 nacementos e 61.709 mortes, é dicir, faleceron 11.279 persoas máis das que naceron. No tocante ao número de habitantes, en 1981 (primeiro ano do que o IGE aporta datos), vivían na urbe olívica 261.331 persoas; no 2000, 285.526; no 2010, 297.124, e, a partires desa data, comezou o descenso; no 2020 había 296.692 habitantes; no 2022, 292.374; e o pasado 2023, 293.632 poboadores, remontando así un pouco a decadencia poboacional na que se atopaba sumida a cidade.

A CORUÑA: A CIDADE CON MAIOR DIFERENZA ENTRE NACEMENTOS E MORTES NO QUE VAI DE SÉCULO

Seguindo pola Coruña (247.376 habitantes), o saldo vexetativo correspondente ao pasado ano tamén foi negativo, -1.237, ao rexistrarse 1.374 nacementos e 2.611 defuncións, é dicir, prácticamene o dobre de mortes que de nacementos. Dende o 1989 non se rexistraba na cidade un saldo vexetativo positivo. Tamén cómpre salientar que dende o ano 2000 os nacementos non superan na urbe herculina os 2.200, mentres que as mortes tampouco lograron baixar da mesma cifra. De feito, o primeiro ano que rexistra datos o IGE (1975) foi tamén o ano con maior número de nacementos ata a data (+4.405). Nese ano morreron 1.642 coruñeses e rexistrou un saldo vexetativo positivo (+2.763). Así mesmo, o ano con máis falecementos foi o 2021, con 2.722 falecidos. Sen embargo, o ano con peor saldo vexetativo, curiosamente, non foi ese, foi o 2022 (-1.276). En conxunto, entre os anos 2000 e 2023, naceron na cidade herculina un total de 44.073 persoas e morreron 58.334, é dicir, faleceron 14.261 persoas máis das que naceron. Observando os datos de poboación, no ano 1981 había na Coruña 231.721 habitantes; no 2000, 231.769; no 2010, 246.047; no 2020, 247.604, e de ahí os rexistros foron caendo; no 2022 había 244.700 habitantes; e o pasado 2023 subiron lixeiramente de novo os rexistros ata un total de 247.376 coruñeses.

OURENSE: A CIDADE SEN SALDO VEXETATIVO POSITIVO DENDE O 2000

No caso de Ourense (104.250 habitantes), o saldo vexetativo segue a tendencia das outras dúas grandes cidades galegas, tamén en negativo, -679, ao rexistrarse 585 nacementos e 1.264 falecementos. Dende 1994 non se rexistraba un saldo vexetativo positivo. Ademais, dende comezos de século, os nacementos non lograron superar os 900, mentres as mortes non conseguiron baixar tampouco das 1.000. Así, o ano con máis nacementos rexistrados dende que o IGE ten datos (1975) foi 1978 (+1.691). Ese ano morreron na cidade 713 persoas e o saldo vexetativo foi positivo ese ano (+978). Pola contra, o ano con máis mortes rexistradas foi o pasado 2022 (-1.336). Tamén ese foi o ano con peor saldo vexetativo rexistrado (-795). Entre os anos 2000 e 2023 naceron en Ourense 18.821 persoas e morreron 27.594, de tal xeito que houbo 8.773 falecidos máis que nados. Pasando á análise das cifras de poboación, no 1981 había na cidade 94.346 habitantes; no 2000, 108.647; no 2010, 108.673, e a partir de aquí as cifras foron baixando; no 2020, 105.643; no 2022, 103.756; para remontar lixeiramente o pasado ano 2023 ata os 104.250 habitantes.

SANTIAGO: A CIDADE ONDE O MAIOR NÚMERO DE NACEMENTOS DATA DE 1976

Pasando á cuarta cidade máis poboada, Santiago de Compostela (82.404 habitantes), o saldo vexetativo tamén amosa un resultado negativo, se ben non tan acusado como noutras cidades, -349, ao rexistrarse o pasado ano 574 nacementos e 923 defuncións. Iso si, habería que retroceder no tempo ata o ano 2012 para atopar un saldo vexetativo positivo. Así mesmo, dende o ano 2000 os nacementos non soben de 900, mentres que as defuncións tampouco baixan das 700. Deste xeito, o ano con maior número de nacementos rexistrados foi 1976 (+1.757). Ese ano houbo 716 decesos e, polo tanto, rexistrouse un saldo vexetativo positivo (+1.041). Pola contra, o ano con máis mortes foi o 2022 (-1.031), que tamén foi o ano co peor saldo vexetativo dende que o IGE garda rexistros (-460). En total, dende comezos do século XXI ata o pasado ano naceron en Santiago de Compostela 18.161 nenos, pero morreron 20.511 persoas, é dicir, houbo 2.350 falecementos máis que nacementos. Analizando a evolución poboacional da cidade compostelá, obsérvase un crecemento paulatino que, a diferencia do que aconteceu noutras cidades, non cesou dende o século pasado. Así, no ano 1981 gozaba de 82.404 habitantes; no 2000, de 93.903; no 2010, de 94.824; no 2020, de 97.848; no 2022, de 98.179; e no 2023 contaba con 98.687 poboadores.

LUGO: A CIDADE QUE ESTÁ A POUCO MÁIS DE 400 PERSOAS DE CONVERTERSE NA CUARTA CIDADE GALEGA

Dende o pasado ano 2023 en quinto lugar atópase Lugo (98.214 habitantes), que se atopa a puntiño de superar a Compostela en número de habitantes, a pouco máis de catrocentas persoas de diferenza. O saldo vexetativo nesta cidade tamén amosou cifras negativas en 2023, -455, ao notificarse 631 nacementos e 1.086 defuncións. Dende o ano 2012 non se rexistra saldo vexetativo positivo. Ademais, dende o ano 2000 os nacementos non soben de 900, mentres que as defuncións tampouco son quen de baixar de 800. En concreto, o ano con maior número de nacementos rexistrados foi 1976 (+1.236). Ese ano houbo que lamentar 703 mortes, polo que o saldo vexetativo foi positivo (+533). Por outra banda, o ano con máis mortes foi o pasado 2022 (-1.103), tendencia que se repite case no conxunto de todas as urbes galegas, de maneira que ese ano tamén foi o que arroxou maior saldo positivo dende que o IGE ten rexistros (-473). Así mesmo, entre os anos 2000 e 2023, houbo en Lugo un total de 18.596 nacementos, fronte a 22.754 mortes, é dicir, 4.158 decesos máis que nacementos. Lugo foi outra das cidades que tras experimentar un anos de bonanza poboacional comezou a baixar lixeiramente as cifras nos últimos anos, pero que remontou neste pasado 2023, de tal maneira que en 1981 contaba con 72.574 habitantes; no 2000, con 88.235; no 2010, 97.635; no 2020, 98.519; no 2022, 97.211; e no 2023 remontou ata os 98.214.

PONTEVEDRA: A CIDADE CON MENOR DIFERENZA ENTRE NACEMENTOS E DECESOS REXISTRADOS DO 2000 AO 2023

Seguindo coa situación da sexta cidade galega, Pontevedra (82.535 habitantes), observamos que igualmente rexistrou o pasado ano un saldo vexetativo negativo (-363), ao ter un total de 457 nacementos fronte a 820 decesos. Habería que remontarse ata o ano 2014 para atoparse cun saldo vexetativo na cidade. E dende comezos do século XXI os nacementos non superan os 900 e as mortes non baixan das 600. En concreto, o ano con maior número de nacementos foi o de 1976 (+1.409). Nesa data houbo 545 mortes, de tal maneira que o saldo vexetativo foi alentador (+864). Pola contra, o ano con máis mortes foi, como xa aconteceu nos casos anteriores, o pasado 2022 (-855). En conxunto, entre os anos 2000 e 2023 houbo na cidade do Lérez un total de 16.474 nacementos fronte a 16.658 mortes, é dicir, que houbo 184 decesos máis que nacementos. Visto o visto noutras cidades, está a cousa bastante parella na de Pontevedra. Agora ben, a urbe leva perdendo a poboación que gañara dende fai uns anos. De tal maneira que no ano 1981 contaba con 64.184 habitantes; no 2000, con 75.212; no 2010, con 81.981; no 2020, con 83.260; no 2022, xa baixara a 82.828 poboadores; e no 2023 caeu novamente ata os 82.535 habitantes.

FERROL: A CIDADE NUN DECLIVE CONTINUO ONDE A MORTALIDADE NON É O ÚNICO PROBLEMA E O SALDO VEXETATIVO NON É POSITIVO DENDE 1985

Finalmente, a última gran cidade galega, Ferrol (63.890), mantén a súa senda de decrecemento, aínda que esta non só se debe ao elevado número de falecementos en relación a nacementos que hai na cidade, senón tamén a que a xente marcha dela cara outros lugares, fundamentalmente A Coruña. Así, o pasado 2023 rexistrou tamén un saldo vexetativo negativo (-570), con 316 nacementos fronte a 886 decesos. Dende o 1985 non se rexistra un saldo vexetativo positivo na cidade. Ademais, dende o ano 2000 os nacementos non soben dos 500 e as defuncións non baixan das 800. En concreto, o ano con maior número de nacementos rexistrados foi o primeiro do que o IGE conta con datos, o 1975 (+1.841). Ese ano houbo 747 mortes, o que levou a un saldo vexetativo positivo (+1.094). Por outra banda, o ano con máis decesos foi, seguindo a tendencia, o de 2022 (-1.023), que foi tamén o ano con peor saldo vexetativo dende que hai datos (-709). Así, entre o 2000 e o 2023 rexistráronse na cidade naval un total de 10.933 nacementos fronte a 21.598 defuncións, é dicir, que houbo 10.665 mortes máis que nacementos, practicamente o dobre. O declive poboacional de Ferrol non é unha sorpresa para ninguén, pero ao contrario que aconteceu noutras cidades, neste caso non se estabiliza, senón que segue baixando ano tras ano. Así, no 1981 habitaban en Ferrol 87.691 persoas; no 2000, 81.255; no 2010, 73.638; no 2020, 65.560; no 2022, 64.158; e no pasado 2023, 63.890. E baixando.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

2 comentarios
2

Ferroviario

"Morrer na miseria" "esmorecendo na penuria". So falta dicir que os galegos seguen a ir a sega a Castela. O discurso de fai cen anos En case toda Europa a pobvoación está moi avellentada, e, xa que logo, tende a baixar. Galicia paga as emigracións moi fortes de outrrora, pero o de sair con que eiquí a xente morre de fame é voltar ao século XIX.


1

Moine

Viva o PP! Vivam os votantes do PP! Os galeg@s se nom querem morrer na miséria, tenhem que emigrar. É em fora de Galiza onde formam a família. Aqui, esmorecendo na penúria.


Ponte Vella, en Ourense / wikipedia

Turistas subindo á Torre de Hércules, na Coruña / Turismo de Galicia - Arquivo

O Concello de Vigo contratará un informe para estudar se hai zonas con aluguer tensionado na cidade / CONCELLO DE VIGO - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.