A Universidade de Vigo busca talento emprendedor

A UVigo pon en marcha unha nova edición dos premios Incuvi-Emprende e o Premio Avanza.

Por GC Emprende | Vigo | 11/01/2016

A Área de Emprego da Universidade de Vigo busca inquilinos que lle dean a remuda aos promotores dos 12 proxectos emprendedores que ocupan os espazos de pre-incubación dos tres campus. Para iso vénse de poñer en marcha unha nova edición dos premios Incuvi-Emprende, co obxectivo de promover e premiar a elaboración dunha idea de negocio creativa baseada en calquera das ramas do coñecemento contidas nos plans de estudo desta universidade, informa o DUVI.

A convocatoria abrangue os tres campus e seleccionaranse catro proxectos que se incubarán en Ourense, dous en Pontevedra e seis en Vigo. Esta iniciativa, que vai xa pola súa quinta edición, trata de fomentar o espírito emprendedor tanto dos estudantes como dos titulados para que poidan converter nunha realidade empresarial unha idea de negocio. Os seleccionados e seleccionadas poderán ter a súa disposición durante un ano un espazo nas oficinas de Incuvi na Cidade Universitaria de Vigo, na pre-incubadora de AJE en Pontevedra ou na pre-incubadora da Tecnópole en Ourense.

Prazo da convocatoria

Os interesados en participar deben presentar as súas solicitudes antes do 19 de xaneiro, sempre e cando rematasen os seus estudos na Universidade de Vigo no curso 2012/13 ou posteriores ou sexan alumnado actual de calquera das titulacións oficiais.

Os participantes poden solicitar o campus da súa preferencia, independentemente de onde cursen estudos e, no caso de non ser seleccionados para o campus da súa elección, poderán ser tidos en conta para os outros espazos.

Os proxectos que se presenten á convocatoria poderán ser individuais ou en grupos dun máximo de catro persoas, sempre que a empresa non teña sido premiada nalgunha outra convocatoria ou certame.

Para a valoración dos traballos terase en conta o carácter innovador do proxecto, a súa viabilidade, o seu nivel de desenvolvemento, a empregabilidade, o potencial internacional, o aproveitamento dos recursos e a sostenibilidade, así como a incorporación de perspectiva de xénero ou o grao de responsabilidade social. As persoas ou equipos seleccionados terán un ano por diante para converter a súa idea emprendedora nunha realidade, nos espazos e cos medios postos ao seu dispor e coa axuda de asesores e profesionais que lles ofrecerán formación complementaria. 

Premio Avanza

A principal novidade desta convocatoria é a inclusión do Premio Avanza, unha aposta pola consolidación dos mellores proxectos que se presenten a Incuvi-Emprende. A esta convocatoria poderán presentarse os gañadores e gañadoras das anteriores catro edicións de Incuvi-Emprende en calquera dos campus.

A idea é seleccionar as dúas ideas con máis potencial para ofrecerlles un programa de mentorización, formación e acompañamento co obxectivo de consolidar o proxecto e constituílo como empresa, garantindo así a evolución dos proxectos viables nacidos ao abeiro da Universidade de Vigo. Por iso, para poder presentarse a esta convocatoria é preciso ter completado o período de pre-incubación, contar cun plan de empresa e asumir o compromiso de continuidade do proxecto e é preciso que o 50% dos membros actuais do equipo estean no proxecto dende que presentaron a súa solicitude a Incuvi-Emprende.

Igual que no caso da convocatoria xeral, para os Premios Avanza as solicitudes poden presentarse ata o 19 de xaneiro. Un dos proxectos seleccionados terá unha subvención dos custos da estadía por un período dun ano no parque de Porto do Molle e o outro nos espazos do CITI en Ourense.

Na pasada edición do Premios Incuvi-Emprende presentáronse 44 proxectos de 73 alumnos e alumnas de todos os ámbitos. Entre os gañadores, eidos ben diferentes como biomateriais, aplicacións para dispositivos móbiles, xestión do monte, consultorías, deseño gráfico ou alimentación. Algúns destes proxectos foron crecendo nestes meses e espertando o interese de potencias inversores e clientes, o que serviu para comezar a recibir os primeiros premios. Foi o caso de Biofast, un proxecto posto en marcha por investigadores e investigadoras do grupo de Novos Materiais, para revalorizar un subproduto pesqueiro como é o dente de quenlla e convertelo na base da fabricación dun produto sanitario capaz de rexenerar e reparar o tecido óseo. A súa iniciativa empresarial foi recoñecida o mes pasado co galardón ao mellor proxecto de emprendemento nos XX Premios Xove Empresario de AJE Pontevedra. Outros emprendedores da pasada edición tamén apostaron polo evento Pont-Up Store para dar a coñecer as súas iniciativas, como Robotilab, que se centra en facer chegar as novas tecnoloxías ao mundo infantil da forma máis lúdica posible, ou como Muuusy, accésit en Incuvi 2015 que tamén foi seleccionado como finalista do Think Big de Telefónica entre 800 participantes. Tamén os creadores de Meigalabs acadaron moito recoñecemento público co seu videoxogo Alcalde Corrupto e foron seleccionados entre os dez mellores Jóvenes Emprendedores Ourense 2015.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Gañadores da edición de 2015 dos Premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo / DUVI.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.