A CRTVG blinda os informativos con servizos mínimos na folga xeral convocada para o 14 de outubro

Son os programas informativos Bos Días, Galicia Noticias, Telexornal 1 e Telexornal 2 na TVG e o Galicia por Diante, A Crónica 1, A Crónica 2 e os boletíns horarios na RG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga prevista para os días 7, 9, 11 e 14 de outubro de 2024, e que adquirirá carácter indefinido a partir do día 16 de outubro en días alternos, luns, mércores e venres, cunha duración dunha hora e media na franxa comprendida entre as 11.30 e as 13.00 horas.

A orde sinala que se debe garantir a produción e emisión dos programas informativos que son considerados imprescindibles para o mantemento dos servizos públicos esenciais de información á comunidade. Así, tendo en conta que "a determinación dos servizos mínimos debe obedecer a un criterio de proporcionalidade, elixindo tan só o mínimo esencial para asegurar a emisión das canles de comunicación e a retransmisión da información de carácter esencial", o DOG recolle que esta proporcionalidade se pon de manifesto coa cuantificación destes efectivos mínimos.

En concreto, segundo se expón, o persoal con horario habitual de traballo na franxa horaria afectada nun día comparable de programación ordinaria está integrado por uns 520 efectivos e o persoal que atende ás tarefas cualificadas como servizos mínimos "só alcanza os 75".

INFORMATIVOS ESENCIAIS

Así, na redacción da Televisión de Galicia (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción) haberá 11 informadores de servizos mínimos en San Marcos e un por delegación (A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo). Neste sentido, considéranse servizos mínimos esenciais os programas informativos Bos Días, Galicia Noticias, Telexornal 1 e Telexornal 2. Do mesmo xeito, na redacción da Radio Galega fíxanse uns servizos mínimos que constan de tres informadores en San Marcos e un en cada unha das delegacións. No caso da RG, os programas que se consideran esenciais son o Galicia por Diante, A Crónica 1, A Crónica 2 e os boletíns horarios.

Por outra banda, nas canles dixitais disporase dun mínimo para actualizar a información de carácter esencial na xornada, mentres que os programas non informativos, directos ou gravados non se dotan de servizos mínimos, como tampouco están en servizos mínimos as informacións de deportes ou do tempo. Ademais, os informadores da TVG van acompañados para as coberturas por reporteiros gráficos que toman a imaxe e son co fin de elaborar as pezas informativas para alimentar estes programas. Para cubrir estas informacións, considérase que son necesarios seis reporteiros gráficos no centro de traballo de San Marcos e un en cada delegación.

Tamén haberá dous documentalistas en horario de mañá, un deseñador gráfico, un grafista-titulador, un maquillador/a, dúas persoas de produción, dous realizadores/as, catro axudantes/as de realización, operadores de vídeo, persoal de continuidade, de soporte e técnicos de control, entre outros. O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada polos empregadores e notificada ao persoal designado.

O COMITÉ INTERCENTROS IMPUGNARÁ UNS SERVIZOS MÍNIMOS "ABUSIVOS"

Así as cousas, o comité intercentros da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) avanzou que impugnará os "abusivos" servizos mínimos fixados para a folga indefinida que comeza o vindeiro luns 7 de outubro nos medios públicos galegos. Nun comunicado, o comité de folga censura que se obriga a dispor dun "número excesivo de efectivos" por ser "semellantes aos dunha folga de 24 horas cando se trata de paros parciais".

En concreto, están convocados paros parciais de 11,30 a 13,00 horas os luns, mércores e venres ata que se produzan avances que, no caso de non darse, levarán a unha folga indenfinida na CRTVG. Os servizos mínimos establecidos son, para o comité, "practicamente os mesmos que para unha folga de xornada completa", algo que, din, "recoñeceu" a propia dirección de recursos humanos na reunión mantida o xoves.

Lamentan a actitude da empresa, que marcou a produción e emisión dos programas informativos como imprescindibles para o mantemento dos servizos públicos esenciais de información á comunidade. Esta decisión "obvia a xurisprudencia" sobre o que se consideran informacións esenciais nun contexto de folga "para evitar que o esforzo e a reclamación das traballadoras folguistas teñan repercusión pública impactando na programación habitual", sinala a representación dos traballadores.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

Moine

Os servizos que non existen no rural: só un médico durante nove días ao mes para todo o Courel Os centros de saúde de Seoane e Folgoso do Courel só teran atención médica durante catro horas, pero só nove días dos 31 que ten o mes de outubro. Tenhem o que votam. Para chorar estám os cemitérios.


Arquivo - Varias persoas suxeitan unha pancarta durante unha protesta dos traballadores da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), fronte ao Senado, a 25 de abril de 2023, en Madrid (España). A protesta ocorre o día no que Sánchez e. Fernando Sánchez - Europa Press - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.