Detido no hospital o condutor que caeu ao mar en Moaña pola morte da muller que viaxaba con el

O condutor do coche que caeu ao mar en Moaña, cuxa acompañante apareceu morta, acelerou "notablemente". O subdelegado do Goberno apunta a "indicios preocupantes" e confirma que ten antecedentes por violencia de xénero.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 05/10/2024

A Garda Civil detivo ao home de 47 anos de idade, A.C.T., veciño de Moaña, que conducía o vehículo que se precipitou ao mar á primeira hora da mañá desde o paseo de Domaio, como presunto autor dun delito de homicidio, pola morte da muller que ía con el no vehículo. Segundo confirmaron fontes da Comandancia, os axentes procederon á súa detención por un suposto homicidio "no ámbito da violencia de xénero" no hospital Povisa de Vigo, onde foi trasladado con síntomas de hipotermia e perda de consciencia despois de ser rescatado, cando se atopaba subido ao teito do vehículo accidentado.

ACELEROU "NOTABLEMENTE" ANTES DE CAER AO MAR

Supostamente, este home "acelerou notablemente" antes de que o vehículo se precipitase ao mar (de onde foi rescatado o cadáver da muller que o acompañaba), segundo señalaron algunhas testemuñas, e o subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, recoñeceu que, neste suceso, ocorrido sobre as 5.00 horas deste sábado, "hai indicios preocupantes", xa que o condutor ten antecedentes por violencia de xénero, aínda que apelou á prudencia mentres se desenvolve a investigación por parte da Garda Civil.

Nunhas declaracións remitidas aos medios, Abel Losada subliñou que os investigadores non descartan ningunha hipótese acerca da morte da muller, Fadwa A., de 41 anos de idade, marroquí e veciña de Pontevedra, cuxo cadáver (que presentaba polo menos un golpe preto da boca) foi sacado da auga cando levaban a cabo os traballos de retirada do coche afundido. O condutor, A.C.T., de 47 anos de idade e veciño de Moaña, foi rescatado coa axuda dun barco 'bateeiro' tras porse a salvo no teito do vehículo, e trasladado nunha ambulancia medicalizada co equipo da PAC de Cangas ao hospital Povisa de Vigo. O home presentaba signos de hipotermia e perda de consciencia. Precisamente, ao retirar o vehículo da auga, localizouse flotando no mar o cadáver da muller, que ía de copiloto.

"Hai que ser moi prudente, porque a investigación está en marcha, pero o certo é que unha muller perdeu a vida ao precipitarse á auga un coche conducido por un home. E hai testemuñas que indican que o vehículo acelerou notablemente e penetrou nunha zona peonil antes de caer á auga", afirmou Abel Losada. Tras expresar as súas condolencias a familiares e achegados da muller, "e por extensión a todas as mulleres, porque cada vez que falece unha muller en circunstancias terribles dóennos a todos como sociedade", o subdelegado sinalou que o condutor do coche ten antecedentes e figura no sistema VIOGEN.

ANTECEDENTES DO CONDUTOR

O home estivo en prisión e foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra por uns "feitos violentos" no ámbito da violencia de xénero ocorridos en 2012. De feito, tivo en vigor ata 2020 unha orde de afastamento con respecto a aquela vítima. Losada tamén confirmou que a muller falecida este sábado e que ía con el no coche, non estaba no sistema VIOGEN e, por tanto, "non había ningunha medida de protección ao redor dela".

"Se se confirma a orixe machista desta morte, romperiamos unha serie positiva de 15 meses", lamentou o subdelegado, tras lembrar que a última morte por violencia de xénero na provincia produciuse en xuño de 2023 (o asasinato dunha muller nas inmediacións dun cámping de Oia, a mans da súa exparella, que logo se suicidou). Finalmente, Abel Losada insistiu en apelar á "prudencia" e esperar a que avance a investigación policial porque, aínda que hai "indicios preocupantes" no caso de Moaña, "é necesario que conclúan as dilixencias".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Un axente da Garda Civil / Juan Moreno - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.