Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu continuidade este mércores ao seu compromiso encamiñado a converter as políticas de vivenda nun dos eixos de acción do seu Goberno nesta lexislatura co anuncio de dúas novas medidas: un 'bono emancipación' para mozas e a intención de fixar cotas de reserva de vivenda pública (tanto en aluguer como en venda) para menores de 36 anos.
Rueda, quen chegou algo máis de 15 minutos tarde á sesión de control ao verse afectado por un atasco por mor dunha árbore caída nunha vía de circulación da capital galega (polo que pediu desculpas), avanzouno en resposta a unha cuestión formulada polo líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen censurou a política de vivenda da Xunta. O presidente avanzou que os Orzamentos de 2025 incluirán unha "axuda directa" para favorecer a emancipación xuvenil e axudar aos mozos a afrontar os gastos derivados da mesma, á marxe da mensualidade do aluguer ou a cota da hipoteca que, remarcou, contan con outras achegas.
En concreto, o Executivo autonómico ten medidas en vigor como os avais do 20 % para mozos que queiran comprar vivenda ou os bonos para o aluguer que xa benefician a 4.300 galegos. "Será unha axuda directa con diñeiro para que os mozos poidan empezar con eses primeiros gastos que son tan fundamentais cando un empeza a vivir independentemente", remarcou, aínda que non concretou a contía do mesmo, á espera de que se aproben as contas autonómicas a semana próxima.
RESERVA DA VIVENDA PÚBLICA
Ademais, anunciou tamén que o 25 % das novas vivendas públicas que impulse o Executivo autonómico, estarán reservadas para a venda a menores de 36 anos, unha porcentaxe que se incrementará ata o 40 % nas promocións destinadas a aluguer. O obxectivo para o final de mandato é pasar dun parque público de 4.000 a 8.000 unidades, con 1.400 xa en marcha este ano. Na pasada xornada, o presidente xa revelara que a Xunta triplicará o orzamento destinado a chan residencial e á construción de vivendas públicas, ata chegar a 126 millóns. Tamén que a Xunta lanzará unha serie de medidas legais de choque para incrementar o máis rápido posible a oferta de vivenda e atallar a actual crise de prezos.
Así, o Goberno galego prevé reducir á metade os prazos de tramitación do novo chan residencial para vivendas protexidas (baixo o amparo da figura de proxecto de interese autonómico); facilitarase a conversión de locais comerciais en vivendas sen necesidade de modificar o plan xeral de ordenación municipal (PXOM) e outorgarase durante un prazo de tres anos a cobertura legal para recuperar os edificios inacabados durante a crise económica.
BESTEIRO: "PÍDOLLE DETERMINACIÓN"
En fronte, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou ao presidente galego un plan de vivenda pública que "non se privatice" e que "pare a especulación" para controlar os prezos. A tal fin, esixiulle que "deixe de torpedear" a aplicación da lei de vivenda e que facilite as declaracións de zonas tensionadas onde sexa necesario. Así mesmo, ademais de incidir en que gran parte dos fondos en materia de vivenda da Xunta chegan do Goberno central, afeou que no primeiro semestre do ano non se executou "nin un só euro" do programa de acceso á vivenda, e que, desde 2009, os gobernos do PP deixaron "sen gastar" 270 millóns desa partida orzamentaria.
Nunha intervención na que destacou tamén a "elevada" taxa de paro xuvenil, o dirixente socialista defendeu que se trata dunha xeración moi ben formada pero que se enfronta a un mercado laboral "inxusto", antes de criticar a referencia de Rueda a que en Galicia o futuro dos mozos dependía do seu "esforzo" e non da súa "capacidade económica". No polo oposto, Besteiro defendeu que "a realidade" é que "dúas de cada tres novos que nacen en familias de renda baixa pasarán toda a súa vida tendo rendas baixas", e que a esperanza de vida dunha persoa que nace en zonas de elevado poder adquisitivo é "practicamente dez anos maior" que a de quen nace nunha contorna desfavorecida.
Por iso, ademais de afear que se o PP "fixese o seu traballo nos últimos anos" agora habería "unha vivenda máis accesible", acusou a Rueda de ser "soberbio" e de estar "desconectado da realidade". Finalmente, en referencia a que é habitual que o presidente aluda a cuestións vinculadas coa política catalá, Besteiro remarcou que este mércores sería el quen falase de Cataluña e aludiu ao anuncio do Goberno que dirixe o socialista Salvador Illa de destinar 1.100 millóns anuais para construír vivenda pública. "Non son 125 millóns, e aínda así tampouco lle pedimos que invista 1.100. Pero tamén é verdade que Cataluña non ten dez veces máis orzamento que a Xunta. O que lle pido non é esa cifra, o que lle pido é determinación", resolveu o socialista.
DEFENDE A "CULTURA DO ESFORZO" DE NOVO
"Está ben que non me pida as cifras que acaban de anunciar en Cataluña. Mire, aquí somos realistas, porque está moi ben dicir que se van a facer moitísimas cousas e despois ser a comunidade máis endebedada", contraatacou Rueda, quen considerou "curioso" que Besteiro saliente que os fondos para vivenda proceden do Goberno central. "Entón, os impostos que pagamos os galegos e que despois nos chegan a través de transferencias do Goberno central, ese diñeiro non é dos galegos, é de Pedro Sánchez?", esgrimiu o presidente galego, quen asegurou que a execución varía e en ocasións é baixa pola "tardanza" do Executivo estatal en transferir os fondos para determinados programas.
Máis aló, aludiu a outras medidas para mozas xa adoptadas ou comprometidas polo Goberno galego, como "a educación pública e gratuíta en todas as etapas formativas" (desde a escola infantil ás primelas matrículas universitarias), ou o transporte público gratuíto. E incidiu en que el reivindica de forma continua a "cultura do esforzo" porque "cre" nela. Nesta liña, o titular do Executivo autonómico reiterou que o obxectivo é fomentar a "cultura do esforzo", a excelencia e a igualdade de oportunidades a través da formación, tratar de que sexa acorde ao mercado laboral e potenciar o talento da mocidade na súa desempeño profesional. En palabras do presidente, a Xunta aposta por acompañar aos mozos para que "estuden, fórmense, traballen e vivan en Galicia".
AXUDAS PARA A LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Pola súa banda, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, apostou este mércores por "redobrar esforzos e recursos" en materia de loita contra violencia de xénero, á vez que avanzou que os Orzamentos da Xunta para o próximo ano aumentarán as partidas neste ámbito. Así o dixo a conselleira no Pleno do Parlamento en resposta a unha interpelación formulada pola deputada nacionalista Noa Presas e que arrincou (tanto por parte da nacionalisca como da conselleira) cun recordo á última vítima de violencia de xénero en Galicia, a muller asasinada o pasado fin de semana en Moaña. Na súa intervención, Fabiola García destacou a "aposta incuestionable da Xunta" pola proteccion das vítimas, que se ve reflectida nos orzamentos, que "se multiplicaron por catro desde 2009". Nesta liña, avanzou que as partidas destinadas á loita contra a violencia de xénero serán reforzadan nas contas de 2025. O obxectivo será, dixo, non só manter os recursos, servizos e prestacións que xa hai a disposición das vítimas, senón tamén reforzalos e amplialos. Na súa intervención, a conselleira detallou que a actuación do Goberno galego fronte á violencia de xénero céntrase en dous eixos principais.
O primeiro deles é a prevención e sensibilización, especialmente entre a mocidade, mentres que o segundo pasa pola atención integral ás vítimas, un campo no que Galicia conta cun dos servizos de tratamento psicolóxico as vítimas "máis completos de España", que ofrece atención xurídica gratuíta e pon a disposición das vítimas unha axuda económica mensual ininterrompida, sendo a primeira comunidade en facelo. Na súa resposta, Fabiola García detallou que os datos estatísticos sitúan a Galicia como a segunda comunidade coa taxa de violencia de xénero máis baixa de toda España, quedando case trinta puntos por baixo da media estatal. Ademais, destacou que o incremento no número de denuncias constata que cada vez máis mulleres "cren no sistema e denuncian aquelas situacións machistas que sofren no seu día a día". Con todo, Fabiola García lembrou que "queda aínda moito camiño por percorrer" e, entre os retos de futuro, puxo o foco na posta en marcha nas próximas semanas dos cinco primeiros centros de crises 24 horas, que contarán cun equipo multidisciplinar de atención ás vítimas.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Rueda, no hemiciclo galego, durante a comparecencia na Cámara.. Xunta de Galicia / Europa Press