Uxía, a galega que se fixo viral parodiando ás 'influencers' con vida e corpo 'perfectos' que se amosan nas redes

"Chega un punto no que o mundo das 'influencers' están a crear expectativas que son irrealistas para gran parte das novas xeracións, trasladándolles mundos de fantasía e de consumismo nos que semella que xa non importa quen somos, senon máis ben o que temos, o que mercamos, o que podemos adquirir... E iso xa me estaba a irritar un pouco", cóntanos esta tudense.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 07/12/2024

Dentro dun barullo de perfís en redes sociais baleiros de contido e cuxo único fin é conseguir 'likes' e visualizacións, facendo unha boa escolla, aínda se poden atopar algunhas contas de grande interese que, a pesares de crear vídeos que buscan entreter ao espectador, tamén teñen outro obxectivo: concienciar sobre problemáticas sociais e dar mensaxes positivos ás novas xeracións. Entre estes perfís o Galicia Confidencial atopouse co de Uxía, unha galega de Tui afincada en Portugal dende hai 8 anos que parodia a imaxe de vida e corpo 'perfectos' que as 'influencers' queren transmitir nas súas redes e que tanto dano fai á visión que os nosos novos crean sobre o mundo real, fomentando o consumismo e a idea de que hai que acumular moitas cousas materiais para ser feliz na vida, á vez que falan de dietas non avaladas por nutricionistas que poden chegar a facer máis mal que ben entre as rapazas. Hoxe entrevistamos a esta cómica que nos conta os seus comezos neste mundiño das redes e da comedia e que nos fala do que trata de transmitir cos seus vídeos.

"Eu sempre fun moi pallasa, sempre quixen ser actriz e sempre me gustou estar diante do público, non teño ningún problema por facer pallasadas diante de milleiros de persoas", confesa Uxía. O seu contido como tal comezou a crealo no 2019, con vídeos que trataban da vida de mulleres de barrio, ao estilo de Paquita Salas, porque "eu quería ser unha 'influencer de barrio'". Así se mantivo creando contido durante toda a pandemia, comezando no 2020 os seus vídeos parodiando a grandes 'influencers'. Logo tivo un parón na súa actividade durante un ou dous anos, a partir do 2021, e xa no 2023 retomou as redes e foi cando verdadeiramente os seus vídeos despegaron e se fixeron virais. "Os vídeos comezaron a facerse virais fará dous ou tres meses, non máis, foi unha sorpresa", asegura Uxía, que explica que "non é nada que non fixese xa no 2020: parodiar a 'influencers' cun corpo normativo". Pero, sen dúbida, o vídeo que máis o 'petou' foi o de María Pombo (incluído no noso vídeo recopilación). "Iso foi un 'boom'", afirma, aínda sorprendida.

"O MUNDO DAS 'INFLUENCERS' ESTÁ A CREAR EXPECTATIVAS IRREAIS ÁS NOVAS XERACIÓNS, DICÍNDOLLES QUE NON IMPORTA QUEN SON, SENÓN O QUE TEÑEN"

E como decidiu Uxía comezar a crear este tipo de contido e non outro? Pois, como ela mesma confesa, todo foi por unha boa causa. "Chega un punto no que o mundo das 'influencers' está a crear expectativas irreais para gran parte das novas xeracións, trasladándolles mundos de fantasía e de consumismo nos que semella que xa non importa quen somos, senon máis ben o que temos, o que mercamos, o que podemos adquirir... E iso xa me estaba a irritar un pouco", explica, e apunta que no mundo actual "xa non vale ter 2 bolsos, tes que ter 10, nin 3 pantalóns, tes que ter 20, acumulando e acumulando roupa no armario", algo no que "penso que as 'influencers' teñen moita culpa, porque crean esa necesidade de consumir e de mercar máis e máis, de facer viaxes imposibles, de asistir a festas de luxo...". "E iso non é nada positivo para as novas xeracións", asevera. Por outra banda, tamén confesa que, ademais de facer reflexionar á xente que ve os seus vídeos sobre o consumismo extremo, tamén buscaba denunciar "os corpos 'perfectos', case imposibles, destas mulleres, porque eu son unha muller 'curvy' e quería reivindicar os corpos con curvas e reais, mentres elas proclaman dietas e máis dietas e xaxúns intermitentes que poden non ser bos cando non hai un especialista nutricional detrás".

Con este tipo de exposición, e contra o que poida pensarse, lonxe de colleitar un certo 'hate', por iso de que as redes sociais están contaminadas de contas de persoas (e non persoas) que buscan sembrar odio, Uxía non recibiu apenas comentarios negativos. Máis ben todo o contrario, algo que agradece pois "eu tiña medo a iso, porque tamén son moi insegura e ás veces non sei ben como encaixaría os comentarios negativos". Sen embargo, asegura que "de 300 comentarios que podo ter agora nun vídeo, só un ou dous son 'hate', meténdose co meu corpo ou cousas polo estilo". Pero, todos os demais, son mensaxes de apoio e agradecemento, nos que "a xente me di que se sente moi identificada comigo e co meu contido", algo que a leva a crer que verdadeiramente "hai unha parte da sociedade que precisa desintoxicarse desa imaxe de 'influencer' perfecta, porque isto é a vida real, e esas mulleres non representan a case ninguén, como me adoitan dicir, semellan ser de plástico, mentres que eu chego á miña casa coas bolsas do Mercadona, en lugar de coas bolsas de Louis Vuitton". Son cousas da vida cotiá nas que os seguidores e as seguidoras de Uxía se recoñecen e se ven representados, lonxe do mundo ideal que se trata de vender nas redes, moitas veces falso.

PROXECTOS DE FUTURO: UN PÓDCAST E O SEU PROPIO  'SHOW' DE COMEDIA

Uxía traballa en Oporto como educadora social axudando a persoas sen fogar e o seu día a día pasa por ir traballar, facer deporte e gravar contido para as redes. E esa labor reivindicativa, como podemos ver, xa lle vén de serie, tamén imbuída polo seu traballo: "Eu adoro o meu traballo porque me encanta estar con persoas e poder axudalas e darlle apoio social". Por iso, de cara ao futuro, ademais de seguir gravando vídeos como os que está a facer agora, "porque creo que estou a facer unha boa acción social", tamén lle gustaría ter o seu propio pódcast. "Un pódcast no que poder rachar con esas ideas e mensaxes negativas sobre o corpo e o consumismo que crean as 'influencers', e abrir debates con outras persoas que estean na mesma postura ca min", desexa Uxía, que tamén se amosa aberta a ter o seu propio 'show' de comedia e "fantaseo cada día con encher grandes teatros cos meus monólogos". Polo de agora, nesta última faceta, xa deu os seus primeiros pasiños, facendo algunha actuación en Vigo no 'Open Mic Comedy', e tamén agora en Oporto, noutros pequenos 'opens'.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Uxía parodiando a Cristina Pedroche / Instagram @uxiacomx

Uxía parodiando a Rosalía / Instagram @uxiacomx

Uxía parodiando a Kourtney Kardashian / Instagram @uxiacomx

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.