Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 08/12/2024
Calquera que coñeza ou teña pasado algunha vez en Nadal pola entrada a Vilagarcía de Arousa dende a N-550, saberá que no alto da urbanización San Roque de Carril hai unha casa que chama a atención dende ben lonxe. Decorada con milleiros e milleiros de luces LED, vese coma se fose un auténtico faro que guía aos coches na noite. E é que cada ano recibe tamén a centos de visitantes que se achegan ata ela para tomarse fotos e coñecer ao seu propietario. Tantos que xa nos din que van poñer un banco na porta a modo de 'photocall'. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, temos a oportunidade de falar co seu dono, que nos abre as portas dunha casa que aínda é máis espectacular por dentro, se cabe, que por fóra. Aínda que confesa que a súa familia comezou a facer isto por gusto, tamén recoñece que nunca lle nega a visita a ningunha das persoas (nin dos medios de comunicación) que toman parte do seu tempo en subir ver esta marabilla de decoración.
Como nos conta, leva poñendo luces de Nadal a tal magnitude xa dende o ano 2017, practicamente dende que se mudaron, hai agora xa case oito anos. Todo comezou porque a súa muller é colombiana e, en Colombia, ao igual que acontece nos Estados Unidos, o Nadal é unha festa que se vive ao grande, por todo o alto, con decoracións moi chamativas en todas as casas e mesmo con competicións por ver quen decora mellor entre veciños. Así que, ao ver que iso aquí non pasaba, propúxolle comezar a facelo eles, e a el pareceulle tan boa idea que non escatimou en detalles. De feito, asegura que xa comezan a montar todo a finais de outubro ou comezos de novembro, aínda que logo non acenda oficialmente ata o día ou a fin de semana anterior a que Abel Caballero anuncie o aceso de Vigo. "Sempre me adianto a el e grávolle un vídeo parodia", chancea este home, que nos ensina como certamente si que o fixo.
Aínda que resulta imposible contabilizar cantas luces hai ao longo e ancho de toda a casa, baseándose na información que traen as caixas nas que veñen as diferentes tiras LED, calcula que haberá arredor de 30.000, aínda que tamén confesa que poderían ser bastantes máis, pois este ano aínda lle meteu algunha decoración nova que non había o pasado, como a parte lateral da casa e as escaleiras. E é que cada ano aproveita para ir enchendo un pouco máis, de tal maneira que así sempre vai 'in crescendo', sumando aos adornos dos anos pasados novas cousiñas que atopa en mercados e que crea el mesmo inspirándose nas redes. Renos, bonecos de neve, árbores, estrelas, bastóns de caramelo... Na parte de fóra xa hai un feixe de cousas nas que deterse a observar, pero, por se isto non fose suficiente, convídanos a pasar ao interior, onde xa observamos que hai moitos máis elementos que poderían facernos botar todo o día mirando e aínda así non chegar a coñecelos todos ao detalle.
O que máis impresiona no interior, sen dúbidas, é a grande árbore que preside o salón-comedor, duns dous metros e medio de altura, e que está decorada integramente á man. Baixo ela, un feixe de agasallos envoltos de maneira uniforme, co mesmo papel e decoración. O dono da casa asegura que cada ano idean unha decoración diferente tamén para o envoltorio e vanos empaquetando un a un, nada de pedirlle ao da tenda que cho empaquete. Desta maneira, dá moita mágoa chegado o día rachar co papel. Ademais, nese mesmo salón comedor o centro de mesa tamén está personalizado completamente e, ao seu carón, noutro moble, observamos un belén con centos de figuriñas que representan todo o que é posible representar e máis. Do outro lado, xa na parte do salón como tal, recíbenos a gran televisión co lume prendido (audiovisualmente), baixo o que aparece unha estampa do Polo Norte. E, no sofá, varios coxíns con Papa Noel estampado e mantiñas con folerpas de neve.
Por se isto non fose suficiente, pasamos á cociña, onde este home nos asegura que a decoración se cambia practicamente ao completo chegada esta época do ano: tazas, pratos, estanterías... Todo temático e exclusivamente feito para o Nadal. Ata as magdalenas que se poñen para recibir ás visitas teñen decoración navideña. É un auténtico espectáculo ver como cada cousa que mercou esta familia ten despois o seu toque artesanal, pois personalizan todo de xeito manual, con moita paciencia, para que non haxa dúas decoracións iguais. Ata as cintas que se poñen no alto das ventás para dar máis ambientación están completadas con bólas e lazos que se pegaron un a un para facer unha tira única que non se pode atopar á venda en ningunha tenda. Este home xa chancea con que, cando chega o Nadal, a tenda 'dos chinos' na que sempre merca frota as mans ao velo entrar pola porta. Non en vano, e a pesar de contar xa con sete ou oito grandes árbores e algunha que outra máis de menor tamaño, cada ano aínda suman máis.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Casa de Nadal na urbanización San Roque, en Vilagarcía de Arousa / GC
Casa de Nadal na urbanización San Roque, en Vilagarcía de Arousa / GC
Casa de Nadal na urbanización San Roque, en Vilagarcía de Arousa / GC