Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2024
PPdeG e BNG utilizaron a comemoración este venres, 6 de decembro, de xeito ben diferente. Mentres os populares aproveitaron a ocasión para cargar duramente contra o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, os nacionalistas decidiron lembrar este día o legado do Partido Galeguista e reclamar unha nova Carta Magna que recoñeza o dereito á soberanía de Galicia. Pola súa banda, os socialistas destacan que a Constitución "segue servindo" a españois e galego.
Así, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avogou por defender a Constitución "os 365 días do ano" e "moito máis" ante a existencia dun Goberno central que "cuestiona as institucións" e enfróntase a "gravísimas" denuncias por "casos de corrupción que pon en dúbida case a súa lexitimidade".
En declaracións aos medios antes de participar este venres a recepción oficial no Congreso dos Deputados con motivo do Día da Constitución, o mandatario galego dixo que "está moi ben" celebrar o 6 de decembro pero a Carta Magna "hai que mantela vixente os 365 días do ano". "E moito máis cando vemos que desde o Goberno central se cuestionan as as institucións, que aparecen casos de corrupción que pon en dúbida case a súa lexitimidade e que vemos como está as expensas de decisións de socios que non cren na Constitución", aseverou Rueda.
Neste sentido, remarcou que esta "defensa" da Constitución "todos os días" e "máis que nunca" se fai "moito máis" desde unha nacionalidade histórica como Galicia, que conta cunha "entidade propia moi forte" pero que se atopa "cómoda" dentro do marco constitucional.
BNG
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou un "novo status" para Galicia fronte a unha Constitución española que "nega" e "limita" os seus "dereitos", "pon obstáculos ao desenvolvemento e benestar dos galegos" e "consolida" unha "institución tan anacrónica e antidemocrática como a monarquía".
"Non podemos celebrar unha Constitución que nos nega", aseverou Pontón, apoiada pola recentemente renovada dirección do Bloque, no acto celebrado no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres no que a formación frontista conmemorou a fundación o 6 de decembro de 1931 do Partido Galeguista.
Durante a súa intervención, a líder nacionalista reivindicou o legado de Castelao, de cuxo "ideario" o BGN di ser "herdeiro". "Temos a certeza de que chegará o momento en que se recoñeza o dereito soberano das nosas nacións", subliñou Pontón en alusión á declaración fundacional do Consello de Galicia, o goberno no exilio impulsado por Castelao desde Arxentina.
"Galicia é un pobo con historia propia, por iso este 6 de decembro lembramos de onde vimos, lembramos o camiño que iniciaron os homes e mulleres do Partido Galeguista", sinalou Pontón, que incidiu en que o BNG reclama cada 6 de decembro "democracia plena e o recoñecemento de Galicia como unha nación que ten dereito a un autogoberno real".
Fronte a isto, contrapuxo a celebración do Día da Constitución, un texto que "tentou deixar todo atado e ben atado" que, segundo Pontón, apontoa á monarquía e "consolida un modelo de espolio que se pode aplicar tamén para explicar a desaparición das caixas, o déficit de infraestruturas, o boom eólico depredador ou a ameaza de proxectos como a macrocelulosa de ALTRI ou a mina de Touro".
PSOE
Pola contra, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, enxalzou este 6 de decembro a "vixencia" da Constitución, que constitúe "desde hai 46 anos" o "texto fundamental de unión entre todos os españois". En declaracións aos medios este venres en Lugo no acto organizado pola Subdelegación do Goberno na provincia, o máximo responsable do Partido Socialista en Galicia sinalou que é posible falar de reformar a Constitución pero "sempre desde o compromiso da defensa do texto como pedra angular da democracia".
Así, apelou a dar resposta aos "retos" que España ten "por diante como sociedade democrática", entre os que situou a vivenda, a igualdade e a loita contra a violencia machista para, desta forma, "avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e xusta".
"A Constitución leva 46 anos servindo a España e a Galicia, garantindo dereitos e liberdades, pero agora é o momento de pensar nos retos que temos por diante como sociedade democrática", remarcou Besteiro, que cre que "o marco configurado pola Constitución segue vixente, garantindo un sistema institucional que debe fortalecerse e manterse activo para o futuro".
ACTO NO CONGRESO
Por outra banda, a recepción institucional organizada no Congreso con motivo do cuadraxésimosexto aniversario da Constitución de 1978 reuniu este venres a cinco presidentes autonómicos do PP co presidente da Generalitat, Salvador Illa, ao que acusan de romper o modelo de financiamento territorial tras o seu pacto con ERC, e á presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, co fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, investigado no Supremo pola suposta filtración de datos fiscais do noivo da dirixente do PP.
Como cada 6 de decembro, o Congreso acolleu o acto principal do Día da Constitución, tendo como anfitrións aos presidentes do Congreso, a socialista Francia Armengol, e do Senado, o 'popular' Pedro Rollán. Á recepción convidouse a deputados, senadores e eurodeputados de todos os partidos, aínda que, como en anos anteriores, borráronse os independentistas e nacionalistas que habitualmente apoian ao Goberno de coalición (ERC, Junts, PNV, Bildu e BNG), pois séntense alleos á norma fundamental de España, e tampouco estivo os de Vox, que ve "hipócrita" esta celebración porque sosteñen que o Goberno "traizoa" a Carta Magna.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Ata onde sabemos, a Constitución serve para "dar de comer" a unha boa pandilla de políticos tanto en Madrid, coma en Galicia coma no Resto do Estado das Autonomías dende 1978. Outra cousa distinta é que algúns teñan en vista outras fontes de ingresos máis ambiciosas... Pero sería boa cousa ver que todos os que non recoñecen as bondades desta Constitución, devolveran os ingresos íntegros e seguiran falando do que lles pete... Diso seica non temos ?
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. SERGIO PEREZ / XUNTA / Europa Press