Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/12/2024
Existía o Nadal antes de Cristo ou é unha celebración vinculada ao cristianismo? Antropólogos como Lidia Mariño (@lidia_marino_ventoso) téñeno claro: o Nadal chegou a nós dende a Prehistoria e moi diversas culturas ao redor de todo o mundo o celebraban antes de que se vencellase á figura de Deus. De feito, hai símbolos e construcións que así o demostran: dende as mámoas ata as propias figuras que se representan nesta época do ano. Hoxe, o Galicia Confidencial debulla da man desta experta na materia todos os rituais que aínda repetimos cada ano sen ser conscientes de onde veñen, e os segredos que se agochan detrás desta festividade que, lonxe de decaer, colleu aínda máis forza nos últimos tempos, nos que tamén se foron recuperando as figuras tradicionais e nos que en moitos lugares se foxe do 'mainstream'.
"Efectivamente Nadal é unha palabra que provén do latín e que significa nacemento", afirma Lidia, pero apunta a que "ese nacemento non ten por que ser, necesariamente, o de Cristo". Deste xeito, "o que antigamente se celebraba no Nadal era o nacemento do Sol, polo que esta celebración, antes da súa adopción por parte do cristianismo, estaba ligada ao solsticio de inverno, que se produce o 21 de decembro". Nesta afirmación tamén hai outra cousa que chama poderosamente a atención: por que se o solsticio de inverno é o 21 de decembro, nós celebramos o Nadal actualmente tres días despois (algo que tamén acontece no caso do San Xoán, por exemplo)? Porque, como explica a antropóloga, "solsticio significa 'sol quieto', e a partir do 21 de decembro, durante 3 días, o sol mantense quieto a simple vista". "Antes a xente observaba as postas de sol e os amenceres a simple vista, sen instrumentos de medición, e ao mirar cara o sol despois do 21 de decembro, durante 3 días, parecía que este se mantiña quieto, sendo o terceiro día cando o sol se volve mover", apunta Lidia, que destaca que "por iso o que nós realmente celebramos hoxe por hoxe é o momento no que o sol se volve mover despois do solsticio". De aí a lóxica.
"O NADAL ANTES DE CRISTO É UNHA IDEA DE RENACEMENTO, MORTE E RESURRECCIÓN: NO SOLSTICIO DE INVERNO O SOL MORRE, PERO TAMÉN RENACE"
No caso concreto de Galicia, ademais, existen moitas probas de que efectivamente ese día se celebra o nacemento do Sol, sendo a máis evidente delas as mámoas e os dólmenes. "As mámoas, se nos fixamos, sempre están orientadas cara o solsticio de inverno", apunta a antropóloga. Que significa isto? Que "o día 21 de decembro, no amencer, pódese observar como na inmensa maioría das mámoas galegas o Sol entra polo corredor da mámoa e bate dentro, sendo ese o único día do ano no que no amencer se ilumina o interior da cámara". Isto vén a ser unha proba máis de que o Nadal é unha celebración anterior ao cristianismo, e que "xa no Neolítico os antigos fixeron esas construcións a propósito, para representar ese renacemento do Sol despois do solsticio de inverno". Deste xeito, aínda que evidentemente as mámoas eran lugares de enterramento para as persoas, "ao mesmo tempo tamén representaba o útero da terra". "A simple vista, ao ser túmulos cubertos con terra, semellan ser coma unha barriga, dentro da cal se atopa a cámara, que sería o útero, e o corredor da mesma, que viría representar a canle do parto", explica Lidia, que evidencia así "esa idea de rexeneración, de reencarnación".
As mámoas son os lugares nos que se enterraba aos mortos, pero tamén de onde volverán á vida dalgún xeito, ao igual que o Sol despois do solsticio de inverno, ese día 21 de decembro, a noite máis longa do ano. A partir desa noite os días van medrando e facéndose cada vez máis e máis longos, ata culminar no San Xoán, no solsticio de verán, data a partir da cal volverán decaer. É por iso que Lidia insiste en que "o Nadal antes de Cristo é unha idea de renacemento, morte e resurrección: morre o Sol, pero, á súa vez, renace". Ademais, isto non é algo exclusivo dun pobo en concreto, senón que "en todas as culturas e mitoloxías do mundo se celebra durante o solsticio de inverno o nacemento dun espírito, dunha divindade, dun ser mítico que representa as virtudes asociadas ao propio Sol". Así as cousas, para a antropóloga non hai dúbida de que "as orixes do Nadal atópanse, de seguro, na Prehistoria, aínda que non haxa documentos escritos que así o certifiquen". O que si existen para acreditalo son esas mámoas que se remontan ao Neolítico e que xa estaban orientadas cara o sol, o que "demostra un culto ao sol por parte dos moradores do Neolítico vencellado ao solsticio de inverno".
"A ÁRBORE DO NADAL REPRESENTA Á QUE SE CRE QUE EXISTE NO CENTRO DO MUNDO; E NA NOITE DE NADAL HABÍA QUE LIMPAR POR COMPLETO A LAREIRA"
Ademais diso, tamén hai toda outra serie de elementos que se incorporaron ao Nadal actual, o que asociamos ao cristianismo, e que realmente son anteriores ao mesmo. "Realmente a maioría dos símbolos que empregamos no Nadal son anteriores ao cristianismo", asegura Lidia, que lamenta que "tendemos a crer que todo o que nos rodea é católico pero, sen embargo, a maioría das cousas que facemos teñen orixe precristiá". Pon como o exemplo máis emblemático a árbore de Nadal. Algunha vez te detiveches a pensar en por que poñemos esta árbore nas nosas casas e vilas? A antropóloga explica que "a árbore do Nadal representa á árbore do mundo ou á árbore da vida, porque en case todas as mitoloxías, tamén na galega, crese que no centro do mundo existe unha árbore que representa o eixo do mundo: na súa copa estarían as estrelas e os planetas e nas súas raíces estaría o mundo dos mortos, estando o mundo que nos coñecemos e palpamos no medio, coma se fose o tronco da árbore". "Esa árbore non é exclusiva do Nadal, aparece tamén en moitas outras festas do ciclo do ano: é a mesma que se representa nos Maios, no Entroido, en Ramos, en San Xoán... En practicamente todas as festas do ciclo do ano", apunta.
Pero, por que durante o Nadal se decora en maior medida e se penduran dela todo tipo de adornos? Lidia explica que "xeralmente adornábase co que se quería que trouxese ao ano seguinte, por exemplo, antes era moi común adornala con comida, dende rosquillas ata chourizos, pasando por lacóns, porque a xente pasaba fame e quería que lles trouxese prosperidade e alimento para o seguinte ano". Aínda que tamén se adornaba con outras cousas como lazos de cores, xa máis propio do que se fai actualmente. Sexa como fose, o certo é que "iso de decorar a árbore é algo totalmente precristiá, e vencellado co espírito da vexetación e coa fertilidade e prosperidade da terra". Así mesmo, dentro das tradicións propiamente galegas, o Nadal tamén está moi vencellado ao ritual do lume novo. Isto era algo que se facía nas casas antigamente durante esta época do ano e que consistía en "limpar a lareira por completo de toda a borralla que se acumulara nela ao longo do ano, para logo prender un lume novo". "Non podían quedar restos do lume anterior, porque a cada ciclo e a cada ano lle correspondía un lume, e ese era o único día que a lareira se limpaba de todo e no que non se usaban os restos de días anteriores para acendela", explica a antropóloga.
"EN PRACTICAMENTE TODAS AS CULTURAS DO MUNDO, A FIGURA QUE TRAE AGASALLOS AOS NENOS SEMPRE É UN VELLO, POIS REPRESENTA AO INVERNO"
Outro dos símbolos que aínda chegou ata os nosos días foi o da figura que trae agasallos aos nenos, presente en practicamente todas as culturas do mundo, xa sexa que lle chamen Apalpador, como en moitos lugares de Galicia, ou Papá Noel, na cultura nórdica, o certo é que "sempre é un vello". Aínda que Lidia apunta a que "antigamente eran unha parella de vellos, un vello e unha vella, representando o aspecto masculino e feminino", porque "eses vellos representaban ao inverno". "O ciclo do ano asimílase ao ciclo da vida humana e, polo tanto, os seres míticos presentes en cada momento do ano teñen idades correspondentes ao seu avance: no San Xoán aparecen as mouras, guapas e novas, porque estamos no verán; e, no inverno, os seres míticos que predominan sempre son vellos, representando ese inverno, esa vida que se vai", apunta a antropóloga. Deste xeito, "os vellos tráenlle agasallos aos nenos nesta data porque rematan o seu ciclo e dan comezo a un novo". En Galicia, aínda que a personaxe máis coñecida é a do Apalpador, tamén no interior da provincia de Pontevedra se fala doutra figura: Xán Fiz; e noutros lugares mesmo dos Trubincos, trasnos relacionados co Nadal. Cóllase cal se colla o certo é que "todas teñen a mesma función: representar a ese espírito do inverno que vai avellentado e que trae agasallos aos nenos".
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Nadal / Commons
Imaxe do Apalpador / Leandro Lamas - Arquivo
Lidia Mariño, antropóloga / Instagram @lidia_marino_ventoso - Arquivo