Por Ángela Precedo | LUGO | 29/12/2024
Nun intre no que gran parte da sociedade galega se atopa en loita contra a instalación da planta de celulosa de Altri no corazón de Galicia, cómpre lembrar que a sociedade unida tamén foi quen de frear no pasado a implantación doutros proxectos de diverso tipo, entre eles moitos macroproxectos eólicos que comprometerían gravemente os ecosistemas onde se instalasen. Con todo, hoxe o Galicia Confidencial bota a vista atrás para falar dalgo xa por moitos esquecidos: o proxecto de central nuclear que se plantexou na década dos 80 do século pasado no concello de Xove. Despois dunha grande oposición por parte do tecido asociativo galego e doutros múltiples factores, tanto económicos como políticos, a central nuclear de Regodola nunca chegou a ser posta en funcionamento. En 1976 concedéuselle a licenza de instalación, pero a chegada do PSOE ao Goberno central en 1982 e a conseguinte moratoria nuclear en 1984 paralizaron de maneira definitiva ditas obras. No que caso de que tivese chegado a existir, tería unha potencia de 1000 MW. Lembramos a cronoloxía dos acontecementos.
A partir da década de 1950 esperta en España un grande interese pola enerxía nuclear, tanto que, na década de 1960, créase a primeira lei de enerxía nuclear e a primeira central deste tipo en Zorita (Guadalajara). A esta seguíronlle Garoña (Burgos), Vandellós I (Tarragona) e Ascó (tamén en Tarragona); propiedades todas elas das grandes eléctricas do país (Unión Fenosa, Iberdrola e Endesa). Trala chegada do PSOE ao poder en España, no ano 1982, suspendéronse os ambiciosos programas de enerxía nuclear, xa que a presión social fixera incluír esta suspensión no programa electoral do partido. Así, dende 1983-1984 comezou a realizarse a reestruturación dos proxectos nucleares, paralizándose as obras de tres novas centrais que se estaban construíndo por aquel entón: Lemóniz (Biscaia), Sayago (Zamora) e Valdecaballeros (Badaxoz). En 1991 tamén se paralizaron, sendo posteriormente suspendidas, as obras de 7 reactores nucleares proxectados: Lemóniz I e II (Biscaia), Valdecaballeros I e II (Badaxoz), Trillo II (Guadalajara), Sayago I (Zamora) e, precisamente, Regordola I (no lucense concello de Xove, en Galicia).
COMEZO DAS PROTESTAS CONTRA UN PROXECTO POUCO TRANSPARENTE QUE AMEAZABA CON EXPROPIAR TERRAS E CASAS
Como consecuencia do proxecto de construción da central nuclear de Regodela na parroquia de Portocelo, no concello de Xove, tivo lugar a primeira manifestación do movemento antinuclear galego, entre os anos de 1973 e 1982. O proxecto, como tantos outros naquela mesma época, derivaba dos Plans Enerxéticos Nacionais da década de 1970. Fenosa, a empresa que dominaba o panorama enerxético galego, poría o 60 % do capital, mentres que Eléctrica del Viesgo e Hidroeléctrica del Cantábrico ían aportar o 40 % restante para sufragar unha instalación nuclear de catro grupos de 1.000 megawatios, o primeiro dos cales pretendíase poñer en marcha en 1982. Durante estes anos, como contan Raúl López Romo e Daniel Lanero Táboas nun traballo sobre a conflitividade socioambiental da enerxía nuclear no País Vasco e na Galicia rurais, a comarca da Mariña convertiuse en obxecto dun intenso programa de explotación industrial, cuxo máximo expoñente sería a ubicación, a finais da década de 1970, dunha factoría de produción de aluminio (Alúmina-Aluminio) no propio concello de Xove.
Ata entón, a economía da zona estivera sempre baseada nunha agricultura de policultivo gandeiro e, moi especialmente, na pesca. Tamén nun incipiente turismo estival. Co paso do tempo e a incorporación ás protestas de grupos alleos á comunidade rural local, irían sumándose novos argumentos en contra da construción da central. A inicial oposición dos veciños tivo que ver coa ameaza dunha alteración significativa do seu tradicional xeito de subsistencia. En primeiro lugar, "reaccionaron contra un proxecto pouco transparente que ameazaba con levarse por diante (expropiadas) as súas terras de labor e as súas casas", como recollen estes autores. Pronto se engadiu a iso o "temor a un empobrecemento da riqueza piscícola e marisqueira da zona a consecuencia da instalación da central". "A forza temos que loitar contra ese proxecto (de central nuclear) porque, se chega a facerse, teremos que irnos todos de aquí. Esta é unha terra que nos deu sempre para vivir a gusto, case ninguén tivo que emigrar", dicía un veciño nun dos números da revista 'Teima', correspondente ao 14 de abril de 1977.
Unha das maiores preocupacións a este respecto era que a auga empregada para a refrixeración dos reactores nucleares, que sería posteriormente botada ao mar, aumentaría de xeito significativo a temperatura deste nas proximidades da costa. A aparición posterior no descurso da comunidade local de novos elementos en contra da instalación da central foi produto da interacción dos veciños afectados con diferentes sectores de orixe urbana, sensibilizados coa problemática ambiental e que actuarían como "aliados externos", lembran Raúl López Romo e Daniel Lanero Táboas. Ás alteracións produtivas engadíronse entón argumentos como "a baixa calidade da tecnoloxía a empregar (central nuclear de auga lixeira), a falta de protocolos de seguridade axeitados e, de maneira moi destacada, a presumible existencia de efectos negativos para a saúde da poboación da zona como consecuencia da exposición a radiacións: cancro, leucemia, incremento do número de abortos e das estatísticas de nenos nados con alteracións xenéticas (como síndrome de Down ou outras)".
DO ENVÍO DE CARTAS E RECOLLIDA DE SINATURAS Á ORGANIZACIÓN DE MESAS DE DEBATE E GRANDES MANIFESTACIÓNS
Así foi como comezou un movemento de protesta no que a comunidade local das parroquias máis afectadas (Portocelo e Xuances) puxo en práctica maneiras de protesta habituais noutros conflitos acontecidos no mundo rural galego durante o franquismo, e tamén nalgúns casos en etapas anteriores: o envío de cartas colectivas ás autoridades, neste caso a varios ministros e ao xa rei Juan Carlos I; a recollida de máis dun milleiro de sinaturas entre os veciños, as cales despois foron presentadas aos alcaldes de Xove, Cervo e Viveiro solicitando unha moratoria de 10 anos para a construción da central; a composición de coplas reivindicativas ou a concentración das mulleres da parroquia afectada baixo o berro: 'Non queremos a nuclear!'. Un grupo duns 20 campesiños das parroquias de Xove afectadas pola instalación da central, como recolle Alba Díaz Geada na súa memoria de investigación 'O campo en movemento', constituíron unha comisión que viaxou por toda Galicia presentando as súas reivindicacións e recabando apoios. Aínda con todo, a maior parte das accións tiveron lugar a finais de 1976 e a comezos de 1977, lonxe aínda dunha situación de normalidade democrática, máis aínda na esfera local, onde as corporacións municipais franquistas non se renovarían ata abril de 1979.
Así, "nun contexto político bastante diferente ao duns anos atrás, caracterizado polas crecentes expectativas de apertura nunha dirección democratizadora, sumáronse novas formas de protesta que os labregos e pescadores das aldeas máis afectadas tomaron dos 'aliados externos' cos que foron contando segundo avanzaba o conflito e a súa repercusión na opinión pública aumentaba de escala", explican Raúl López Romo e Daniel Lanero Táboas no seu traballo. Entre estes aliados destacan ás Asociacións Culturais Valle Inclán (Lugo) e Sementeira (Viveiro), expertos (economistas, biólogos, profesores universitarios...), axentes de economía doméstica, determinados medios de comunicación escrita e, finalmente, toda unha serie de organizacións políticas e sindicais da oposición, de tendencias ideolóxicas nacionalistas e de esquerdas, aínda nunha situación de semiclandestinidade, e entre as que cómpre destacar a activa presenza do sindicato nacionalista Comisións Labregas (CCLL).
Entre as novidades do repertorio habería que citar os intentos de organizar mesas redondas de debate entre representantes de Fenosa e aqueles expertos que estaban asesorando aos veciños, así como a pretensión de realizar unha manifestación, iniciativas que non foron autorizadas polo goberno de Lugo e que resultaron obstaculizadas polo propio alcalde de Xove. E é que "ante o proxecto nuclear de Xove as autoridades locais e provinciais nunca intentaron lexitimarse a través dunha intermediación en defensa dos intereses dos veciños, senón que se foron decantando cada vez máis cara a posición das empresas promotoras, o que resulta indicativo do forte respaldo político co que contaban estas en Galicia", expoñen os autores. Entre os argumentos a favor da instalación atopábanse: a necesidade de industrializar a zona (e Galicia, en xeral) e a creación de postos de traballo, en especial durante a fase de construción da instalación.
MARCHA DE 12 QUILÓMETROS ENTRE VIVEIRO E XOVE DE 1977 E PICO DE CONFLITIVIDADE ARREDOR DO PROXECTO EN 1979
Con todo, a acción máis espectacular non partiu dunha iniciativa dos veciños, senón de dúas organizacións nacionalistas, o sindicato CCLL e a Asamblea Nacional Popular Galega, e consistiu na realización dunha marcha de protesta de 12 quilómetros entre Viveiro e Xove, o día 10 de abril de 1977, protesta que rematou cun enfrontamento aberto, ao bordo da violencia física, entre nacionalistas da UPG e simpatizantes doutras tendencias políticas, como os comunistas do Partido Comunista de Galicia (PCG), os maoístas do Movemento Comunista de Galicia (MCG), os trotskistas da Liga Comunista Revolucionaria (LCR) ou os marxistas-leninistas do Partido dos Traballadores-Partido Comunista de Unificación (PT-PCU), entre outras organizacións da oposición de esquerdas. Os participantes nesta manifestación proferiron consignas en contra da instalación da central nuclear e da empresa Fenosa do tipo 'Non á nuclear' ou 'Non á colonización'. A escalada do conflito redimensionouse ao longo dos anos seguintes, en relación directa coa apertura gradual do sistema político e, sobre todo, co desenvolvemento e a madurez que foi adquirindo a sociedade civil galega.
A primavera de 1979 representou un novo pico na evolución da conflitividade arredor do proxecto de construción da central de Xove. A mobilización social viuse reforzada pola repercusión que tivo entre a opinión pública española o grave accidente acontecido na central nuclear de Three Mile Island, en Harrisburg (Estados Unidos) en marzo dese mesmo ano. A finais da década de 1970, a protesta antinuclear estaba acadando en Galicia un nivel de articulación moi superior ao duns poucos anos atrás. As mobilizacións proliferaron durante aqueles meses por todas as cidades galegas, o repertorio de protesta diversificouse aínda máis, de maneira que ás manifestacións en contra do 'Xove nuclear' ou á recollida de sinaturas engadíronse festivais de contido cultural, ciclos de conferencias, proxeccións de audiovisuais e mesmo un desfile de modelos antinucleares ou a simbólica queima en público dunha maqueta que representaba o edificio da futura central.
NOVA MARCHA MULTITUDINARIA EN 1979 CON POLÍTICOS E SINDICATOS NACIONALISTAS E ECOLOXISTAS IMPLICADOS
Pero, unha vez máis, a acción que acadou maior repercusión social e informativa foi a realización, o 20 de maio de 1979, dunha nova marcha entre Viveiro e Xove organizada pola UPG e as súas estruturas afíns (CCLL, AN-PG ou a organización estudantil ERGA). Nesta reedición da marcha de 1977 terían participado, dependendo das fontes que se consulten, entre 7.000 e 10.000 persoas. Ademais, tamén o grupo de 'aliados externos' das comunidades rurais das parroquias afectadas pola instalación da nuclear se ampliou e se diversificou significativamente. A práctica totalidade dos partidos políticos e sindicatos nacionalistas e de esquerdas apoiaron a mobilización antinuclear e implicáronse nela en maior ou menor grao. A participación nos actos de protesta que por aquel entón se organizaron dalgúns dos primeiros alcaldes e concelleiros elixidos democraticamente na comarca da Mariña nas eleccións municipais de abril de 1979 contribuíu tamén a reforzar a lexitimidade do movemento.
A eles habería que sumar a incorporación de novos aliados procedentes do ámbito urbano: asociacións de veciños e de estudantes de ensinanza secundaria e universitaria, colectivos feministas, movementos cristiáns de base... e, sobre todo, as primeiras organizacións ecoloxistas e antinucleares, que fixeron a súa aparición en Galicia na segunda metade dos anos 70. Entre elas, os autores do traballo destacan o Comité Antinuclear Galego e, especialmente, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), próxima aos círculos intelectuais nacionalistas, que adquirirían dende entón un papel predominante tanto na orientación da mobilización social contra a execución do proxecto de Xove como na dirección do movemento antinuclear na Galicia da época. Foi en xuño de 1979 cando Adega celebrou o Día Mundial do Medio Ambiente coa convocatoria a nivel galego dunha xornada antinuclear centrada na oposición popular á central de Xove que serviu como culminación a todas as mobilizacións precedentes.
POR QUE NON SAIU ADIANTE FINALMENTE A CENTRAL NUCLEAR DE REGODELA? UNHA FALLA, MALAS PREVISIÓNS DE CONSUMO OU OPOSICIÓN SOCIOAMBIENTAL
Os propios autores do traballo sobre a conflitividade nuclear en Galicia recoñecen que "non é sinxelo determinar por que motivos Fenosa abandonou definitivamente nos primeiros anos da década de 1980 a súa pretensión de instalar a central nuclear de Regodela, un proxecto para o que contara cun firme apoio das autoridades políticas locais e provinciais nos anos finais do franquismo e das institucións preautonómicas ao longo da Transición". Así, Raúl López Romo e Daniel Lanero sinalan que algunhas fontes invocan motivos de tipo técnico (xeolóxicos), como a existencia dunha falla activa na zona, pero aseguran que tampouco debe esquecerse que a comezos da década de 1980, as previsións de consumo eléctrico feitas nos estertores da ditadura polo I Plan Enerxético Nacional (PEN) de 1975 e reforzadas coa aprobación polo goberno da UCD dun segundo PEN en 1979, "demostraríanse, máis que erróneas, disparatadas". Nun intento por reducir de maneira drástica a dependencia do petróleo, o PEN de 1975 prevía que para 1985 a metade da produción eléctrica española sería xerada polas centrais nucleares xa existentes e pola posta en marcha doutros 24 novos grupos.
Sexa como fose, o certo é que a aposta pola enerxía nuclear, que tivo unha importante dimensión especulativa, da que participaron empresas eléctricas, bancos e construtoras, finalizou nun gran fracaso, colocando ao sector eléctrico español ao bordo da bancarrota. E este contexto de crise do sector probablemente influíu tamén sobre a decisión de Fenosa de abandonar o proxecto de Xove. Máis aló destas posibles causas, é evidente, como recoñecen os propios autores, que a conflitividade socioambiental xogou tamén un papel moi importante na paralización da construción da central. E, "pese a que a mobilización social contra a instalación da central nuclear de Xove foi bastante heteroxénea e cada vez máis aberta e inclusiva desde o punto de vista da procedencia social e da filiación político-ideolóxica dos participantes, un determinado sector do nacionalismo galego, articulado arredor da UPG, conseguiu patrimonializala como un logro propio", afirman no seu estudo.
A MORATORIA NUCLEAR SUPUXO QUE OS CONSUMIDORES TIVESEN QUE PAGAR UN EXTRA NA FACTURA DA ELECTRICIDADE DENDE 1994 ATA O 2015
Foi en 1991 cando se paralizou de maneira definitiva o proxecto, case unha década despois da moratoria nuclear establecida polo Goberno do PSOE cando acadou o poder en 1982. Pero, en que consistiu concretamente esa moratoria? Denominouse así á suspensión temporal do desenvolvemento de políticas de construción e posta en marcha de centrais enerxéticas de fisión atómica (centrais nucleares). Nas décadas dos 70 e 80 de século XX, a raíz dalgúns accidentes en diversas centrais de Estados Unidos e doutros países, un sector da comunidade científica e o incipiente movemento ecoloxista comezaron a defender que as actividades que implicaban a fisión atómica supoñían un risco para a poboación e o medio ambiente en xeral, polos riscos de fugas radioactivas ou a complexa xestión dos refugallos. Isto levou a varios gobernos a plantexarse a detención, e ás veces a finalización, dos programas nucleares en curso. Á parada temporal dos programas denominóuselle en España moratoria nuclear, xa que non implicaba o peche das instalacións activas, senón unicamente a paralización 'sine die' de novas construcións.
As perdas totais acadaron os 729.000 millóns de pesetas (4359 millóns de euros), dadas as tremendas inversións que tiveran que realizar as eléctricas, e que agora non poderían recuperar ao terse anulado os permisos. A moratoria consolidouse finalmente en 1994, coa Lei de Ordenación do Sistema Eléctrico (Lei 40/1994, do 30 de decembro). Para compensar a estas eléctricas, o Estado español aprobou en 1996 unha disposición que permitía ás compañías cobrar unha porcentaxe para recuperar as inversións que permitiu o goberno comezar e posteriormente detivo (340.054 millóns de pesetas para a central nuclear de Valdecaballeros, 378.238 millóns de pesetas para a central nuclear de Lemóniz e 11.017 millóns de pesetas para a unidade II da central nuclear de Trillo). Esta porcentaxe é dun 0,02 % sobre a cantidade total a facturar antes de impostos. O prazo durante o que esa moratoria debía permitir recuperar as inversións realizadas era de 25 anos a partir de 1995 (isto é, ata o ano 2020).
A normativa da moratoria contemplaba a posibilidade de que as centrais paralizadas cedesen o dereito de compensación a terceiros, creando o Fondo de Titulación de Activos resultantes da Moratoria Nuclear o 4 de xullo de 1996, de maneira que as empresas afectadas puideron recibir dunha soa vez a compensación e sanear así nos seus balances a débeda. As condicións de dito fondo de compensación foron cambiando ao longo do tempo, sufrindo mesmo unha reestruturación en 2006. Debido á diminución dos tipos de interese e ao forte aumento da demanda eléctrica, en 2006 modifícanse os criterios da moratoria, ao amortizarse máis rapidamente do previsto a débeda contraída. Por iso diminuíu a porcentaxe pagada na factura eléctrica, pasando dun 1,72 % a un 0,33 %, diminuíndo á súa vez o prazo de amortización ata o ano 2015, rematando de pagarse finalmente o 26 de outubro de 2015.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Protesta contra a central nuclear de Xove / Arquivo El Progreso
Protesta contra a central nuclear de Xove / Fundación Galiza Sempre
Protesta contra a central nuclear de Xove / Arquivo El Progreso