Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 17/12/2024
Luís Álvarez Pousa recolleu este martes, nun acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o XXXIII Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, pola súa longa e intensa traxectoria profesional co "xornalismo como servizo público" e como "formador das primeiras promocións de xornalistas galegos", así como "o seu compromiso co xornalismo cultural e a súa capacidade para xerar pensamento e debate na sociedade desde revístaa Tempos Novos, con 329 números consecutivos desde 1997", tal e como destacou o xurado deste galardón na súa acta.
O presidente da Deputación, Luís Menor, celebrou que este galardón continúe premiando destacadas traxectorias na profesión xornalística e glosou a figura do premiado, Luís Álvarez Pousa: "Foi un adiantado, un pioneiro para o xornalismo galego e ourensán entre as décadas dos 70 e dos 80. Contribuíu a abrir xanelas nos últimos anos do franquismo e nos primeiros da Transición".
Menor lembrou tamén as claves da carreira profesional do Premio Carracedo 2024, con diferentes postos de responsabilidade dentro do Grupo Voz, sendo tamén o primeiro cronista político de Galicia, ademais de mestre de xornalistas da Facultade de Xornalismo da USC e investigador académico. Ademais de reflexionar acerca da situación actual do Xornalismo, coas "fake news" na era da "postverdade", Luís Menor fixo unha alegación en favor da profesión xornalística, que "garante da información veraz, contrastada e de calidade que precisa toda sociedade sá e madura".
XORNALISMO, "SERVIZO PÚBLICO"
Luís Álvarez Pousa dixo recibir este premio con "sorpresa, gratitude, satisfacción e conexión emocional", vinculando esta última ao recordo de Xosé Aurelio Carracedo, "referente ético do Xornalismo" e ao seu reencontro con Ourense, "cidade na que madurei en conciencia crítica".
Na súa intervención, Álvarez Pousa sinalou ao "servizo público como a razón de ser do Xornalismo", e por iso fixo un chamamento a reivindicalo como profesión "e aos xornalistas como intermediarios necesarios da información". A información xornalística, engadiu, "debería xogar un papel como ben público que é, pois todos e cada un de nós somos os seus propietarios".
Aínda que denominou a súa situación actual como "administrativamente xubilado", Luís Álvarez Pousa defendeu o seu activismo a favor "do dereito da cidadanía a unha información veraz" e manifestou a necesidade de "provocar a reflexión e o pensamento crítico".
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, preside ou acto de entrega do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo a Luis Álvarez Pousa/ ALBERTE PAZ - Europa Press