Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/12/2024
"Atercado de orde público". Esa foi a explicación que deu Renfe na mañán deste luns a través dos dispositivos móbiles para explicar o atraso dalgúns dos seus trens. O motivo, que un deles, o rexional con saída ás 6.12 horas de Santiago e chegada a Vigo ás 07.47, tivo que realizar dúas paradas extras para expulsar a dous pasaxeiros. O primeiro deles, un mozo, en Arcade, a segunda, outra usuaria habitual, en Redondela.
En ambos os dous casos tiveron que intervir as forzas de orde pública para "escoltar" aos dous expulsados. Por iso, o tren estivo detido nas dúas estacións ata a chegada da Policía Local ante a falta de persoal de seguridade neste tren. O motivo da expulsión semella estar na falta de control das prazas dispoñibles neste tren e a imposibilidade de facer reservas na aplicación de Renfe.
Segundo puido saber Galicia Confidencial, o primeiro mozo expulsado entrou no tren sen billete, a pesar de dispoñer do bono de Renfe. Unha vez que chegou a interventora, o rapaz alegou que a aplicación non lle deixara retirar o billete e que na estación lle dixeron que montara no tren e que, se había prazas, solventara a situación coa revisora. Pero esta díxolle que, se non tiña billete, que tiña que pagalo.
"O rapaz alegou que tiña bono e que non ía pagar por un billete tendo un bono que non lle deixa reservar ese billete porque non hai un control de prazas no tren, habendo prazas libres", apunta unha fonte consultada que ía nese tren. A interventora decidiu, entón, expulsar a este pasaxeiro na estación de Arcade.
CRÍTICA DO RESTO DE PASAXEIROS
Esta situación provocou a indignación doutro grupo de pasaxeiros que protestaron por esta situación, alegando, sobre todo, que non se levara un control exhaustivo das prazas libres deste tren para poder reservalas na aplicación. Nese momento, houbo un tira e puxa entre a interventora e outra pasaxeira. "Eu díxenlle que non se leva unha revisión das prazas libres que hai. Que era un tren que collía moita xente para ir a traballar e que, de cinco días desta semana, só mirara o revisor hoxe", destaca.
"Ela díxome que non tiña a culpa, que ela non estaba alí para solventar eses problemas e que o seu deber era comprobar que a xente vaia con billete. Eu respondínlle que os pasaxeiros lle transmitimos a queixa a ela porque é a representante da empresa no tren. Entón chamoume tonta e díxome se me levantara co pé esquerdo", apunta a segunda das expulsadas a Galicia Confidencial.
A tensión foi a máis e entón a interventora díxolle que se preparara que ela tamén ía ser expulsada e que ía baixar na seguinte estación. E así foi, o tren parou en Redondela e agardou a chegada da Garda Civil para expulsar a esta segunda pasaxeira. "E expulsoume tendo o meu billete mercado e por protestar", dixo.
TIVO QUE COLLER UN TAXI
"Quedei alí sen saber que facer. Se non é pola Garda Civil que me levou a unha parada de taxi, quedaba tirada", asegura. Esta moza critica que por esta "arbitraria" decisión chegou tarde ao seu posto de traballo en Vigo e, ademais, tivo que pagar 20 euros a maiores por un taxi para chegar a el. Anuncia que presentará unha reclamación.
A plataforma de usuarios de media distancia de Renfe critica esta situación. "É un feito insólito", apunta unha das súas voceiras, Iria Méndez. "É unha constante que non haxa interventores nos trens rexionais. E non hoxe porque houbo un altercado, senón porque houbo cuestións médicas nalgúns trens nas que non hai xeito de avisar se non hai un interventor porque o seu papel neste tipo de casos é moi relevante", asegura.
PRECARIEDADE
En todo caso, esta plataforma tamén entende que este tipo de situacións tensas teñen que ver coa "precariedade" de moitos dos traballadores de Renfe e Adif, especialmente, nos útimos días, con erros na aplicación da empresa, obras na estación da Coruña ou atrasos continuados. "Teñen sobrecarga e non poden solucionar esta situación e é normal que tamén reciban a presión dos usuarios", afirma en declaracións a Galicia Confidencial.
Por iso, reclama un reforzo de persoal e material porque esta situación "está a ter unha afectación directa no servizo". "E nos solidarizamos co persoal de Renfe, igual que aconteceu co persoal de Adif ou de seguridade cos problemas do escáneres", sinala Iria Méndez.
Galicia Confidencial púxose en contacto con Renfe para coñecer a súa versión dos feitos. Desde a empresa ferroviaria confirman as dúas expulsións. Din que no primeiro caso se tratou duha decisión "lóxica", xa que o pasaxeiro entrou sen billete e negouse a a pagalo unha vez dentro do tren. No segundo caso, apuntan que foi cun caso de "orde público" e que a pasaxeira "tampouco tiña billete". "O persoal de abordo dcidiu adoptar estas decisións para manter a orde no tren", suliñan as fontes de Renfe.
Consultada a pasaxeira sobre esta constestación, asegura que ela tiña o seu billete e que a decisión foi arbitraria e insiste en que interporá unha reclamación.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
A interventora de Renfe é unha Autoridade Pública ? Quen é Renfe para establecer a Orde Pública ? En calquera caso é o colmo que Renfe minta dicindo que unha pasaxeira non tiña billete cando o tiña... O primeiro de xaneiro case mellor subirse todos ao tren sin billete nin bono nin ostias... Ao mellor así recuperamos a Orde Pública dun Carallo dunha Vez... Esta interventora parece que non entende o mundo no que vive (todo indica exceso de celo) e abuso de autoridade ! Ogallá a reclamación se faga no xulgado para solicitar danos e perxuizos e indemización a Renfe por facer o tren un Cristo Permanente ! ¿Non hai ningún avogado gratuíto na sala?
Viaxeiros nunha estación de tren / RENFE