Ángel, o 'youtuber' galego que percorre aldeas abandonadas: "Hai máis casas que xente, pero non están onde se demandan"

O 'youtuber' Explorando Angel (131.000 suscriptores) ensina nos seus vídeos varios destes lugares abandonados que hai en Galicia para que todo o mundo poida velos e coñecer da súa existencia, impedindo así que queden no esquecemento. O GC charla con el sobre a situación presente e futura destes espazos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/12/2024

A despoboación en Galicia é un mal co que semella que aprendemos a convivir, pero que, lonxe de reverter, se vai acrecentando ano tras ano. Para ninguén resulta xa unha sorpresa ir percorrendo unha estrada e ver como, ao seu carón, aparecen ducias e ducias de pequenas aldeas que están completamente abandonadas ou nas que quedan apenas uns cantos veciños de avanzada idade; ou ir facendo unha camiñata polo monte e descubrir o que no seu día foron núcleos de poboación completamente derruídos. Sen embargo, tamén é certo que moitas persoas, aínda sabendo que existe, nunca puideron ver cara a cara o fantasma da despoboación. O 'youtuber' Explorando Angel (131.000 suscriptores) ensina nos seus vídeos varios destes lugares abandonados que hai en Galicia para que todo o mundo poida velos e coñecer da súa existencia, impedindo así que queden no esquecemento. Hoxe, o Galicia Confidencial charla con el sobre a situación presente e futura destes espazos.

Poderíase dicir que Ángel é 'youtuber' por accidente. "A min dende sempre me gustou explorar lugares abandonados, eu ía pola estrada e vía un sitio abandonado e tiña que parar, polo que camiños que a outros lle levarían unha hora, a min levábanme tres", confesa entre chances. Así, "non é que empezase a explorar sitios abandonados a raíz de abrir o canal, senón que este mundo me gustou dende sempre". Foi durante a pandemia, cando viu que tiña máis tempo libre e empezou a consumir algo de YouTube. "Eu antes non consumía YouTube, pero durante a covid comecei a seguir canais que consistían en explorar lugares abandonados, así que decidín crearme un e probar", conta. O primeiro vídeo que subiu lembra que foi gravado nunha nave abandonada. "É un vídeo bastante malo, por certo, porque graveino coa cámara dun móbil malísimo e vese a golpes e ten mal son; todo foi mellorando dende esa, tamén a miña soltura", chancea.

Cal foi a súa sorpresa cando o que el facía por 'hobby' viu que á xente lle gustaba, polos comentarios que recibía, e do primeiro suscriptor pasou aos 10 e de aí aos 100 ata chegar a ter hoxe en día 131.000 e a poder vivir, se quixese, unicamente da creación de contido en YouTube. Con todo, Ángel nunca deixou o seu outro traballo, axente inmobiliario, porque é unha profesión que tamén lle encanta. En tres anos este home foi quen de labrarse unha canle de Youtube con máis de 200 vídeos de gran calidade, tanto no contido como na forma. E, aínda así, asegura que "nunca lle din moita importancia ás métricas". "Hai vídeos que funcionan mellor e vídeos que funcionan peor, pero dáme igual, porque eu fago isto porque me gusta, vou aos sitios que ía antes, coa diferenza de que agora levo comigo unha cámara", explica.

"MOITAS VECES ENTRAS NUNHA ALDEA DE 30 CASAS E MOITAS SON INHABITABLES, PERO PODE HABER 15 QUE SI SE PODERÍAN HABITAR CUNHA PEQUENA REFORMA"

Hoxe por hoxe a canle de Ángel está máis enfocada á exploración de aldeas abandonadas en Galicia. Aldeas que asegura que vai atopando sen moita dificultade, porque "Galicia é unha terra de emigrantes e hai moita xente que marchou para fóra (Brasil, Arxentina, Cuba, México, Venezuela...) que deixou aquí a súa casa". Ademais, dende que comezou a crecer en seguidores, "tamén recibo moitas suxerencias de xente que me escribe dicíndome vilas e aldeas que lles gustaría que visitase". E non só de xente de Galicia, senón tamén de fillos e netos de emigrantes que lle piden que faga unha visita á que foi a aldea dos seus pais ou avós. De feito, fai tan só unhas semanas que foi gravar un vídeo á aldea dun matrimonio de galegos 97 e 96 anos que leva 70 anos vivindo en Uruguai. "Puideron volver a ver a súa aldea, onde se criaran, grazas ao meu vídeo", afirma Ángel, que considera que este tipo de cousas "dan un valor engadido" á súa paixón. "É realmente emocionante", confesa.

Como emocionante tamén lle resulta a el pisar lugares nos que fai tempo que ninguén pisa, e ver aldeas nas que, sen dúbida, tivo que haber moita vida no pasado, pero nas que agora non se escoita practicamente nada. "Iso é algo polo que tamén me gusta facer estas cousas", asegura. E reflexiona sobre o feito de que "moitas veces entras nunha aldea de 20 ou 30 casas na que moitas xa son inhabitables, pero na que tamén hai unhas 15 que si se poderían habitar cunha pequena reforma". Tamén asegura que "nalgunhas aldeas mesmo atopas casas coas portas abertas e con todo o mobiliario e pertenzas dos donos aínda dentro, coma se quedasen paralizadas no tempo, deixando os seus donos atrás toda unha vida no momento de marchar". Ángel asegura que é unha sensación indescriptible, o "atoparse alí só, percorrendo as rúas en silencio absoluto, escoitando o canto dos paxaros, o ladrido dalgún can ao lonxe...". Aínda que tamén chega a lugares nos que, aínda sendo poucos, algún veciño queda, e asegura que "sempre me recibiron moi ben".

"HAI MOITAS PEQUENAS ALDEAS EN GALICIA CON DOUS OU TRES VECIÑOS XA MOI MAIORES QUE NUNS ANOS TAMÉN QUEDARÁN TOTALMENTE DESPOBOADAS"

No caso concreto destes lugares, pequenas aldeas da Galicia rural nas que quedan dous ou tres veciños, Ángel tamén reflexiona sobre o futuro: "Realmente ves que xa se trata de xente moi maior, polo que daste conta de que nuns poucos anos son aldeas que tamén quedarán totalmente despoboadas". Así as cousas, asegura que "eu a día de hoxe véxolles un futuro bastante complexo, porque os fillos destas persoas que quedan xa se buscaron a vida na cidade e abandonaron o rural, mercando a súa vivenda noutros lugares, polo que cando falezan esas persoas maiores, as súas casas probablemente queden pechadas para non volver reabrirse". Con todo, o 'youtuber' tamén fai unha diferenciación entre dous tipos de aldeas deshabitadas ben distintas: "no rural das provincias costeiras da Coruña e Pontevedra hai casas deshabitadas porque son practicamente imposibles de mercar cos prezos desorbitados que piden por elas, precisando moita reforma; pero no rural das provincias de Lugo e Ourense atopas casas case regaladas, a un prezo moi baixo, pero que ninguén quere porque non hai tanta industria como no litoral".

Neste contexto, Ángel considera que "non é que en Galicia falta vivenda, porque en verdade hai un montón de vivendas baleiras", senón que "o problema está en que as vivendas baleiras que hai non están na zona na que a xente as demanda", reflexiona, moi acertadamente. Sobre o prezo das vivendas no rural de Lugo e Ourense, asegura que mesmo se poden atopar gangas por 10.000 euros ou menos. "Para min ese é un prezo moi económico, case regalado, porque a día de hoxe ti por 10.000 euros non mercas un terreo e fas a estrutura dunha casa", plantexa, e engade que "aínda que a xente que che di que arranxar esas vivendas pode custar uns 100.000 euros, facer unha casa nova actualmente pode custarche 300.000". Aínda así, segue habendo moita xente que non se sente atraída por estos prezos, pois hai que ter en conta que moitas destas aldeas non contan con boas comunicacións e carecen de servizos próximos.

"DESPOIS DE VER OS MEUS VÍDEOS MOITA XENTE NAMOROUSE DE GALICIA E, AÍNDA SEN TER RAÍCES GALEGAS, DECIDIU VIR VIVIR AQUÍ"

Con todo, Ángel amósase orgulloso de que, a raíz de ver os seus vídeos, moita xente que non contaba con raíces galegas, e moita outra que naceu fóra pero cuxos pais e avós eran galegos, namorouse de Galicia e veu vivir aquí. "E iso que eu nos meus vídeos non ensino os sitios máis bonitos que digamos, polo que sei que cando cheguen a pisar Galicia e vexan que hai moito máis e máis bonito, realmente non se van sentir desilusionados coa súa elección", afirma. Ademais, por ter nacido nunha pequena aldea do concello de Padrón na que "ata non hai moito non tiñamos instalados nin colectores para o lixo" e por ter ido de pequeno "á herba co carro das vacas", este 'youtuber' aprendeu a valorar e a amar o rural: "Para min non ten prezo o abrir a ventá pola mañá e ver as árbores e o río, non a fachada do veciño de enfronte", pero tamén di que "respecto as eleccións e os gustos de cada quen". Aínda así, considera que "a xente debería aprender a valorar máis certas cousas, as pequenas cousas".

E aínda que agora percorre aldeas, non sempre foi así, senón que tamén ten visitado lugares de complicado acceso. Lembra que o máis desafiante foi "unha mina na que me adentrei a 150 metros baixo a terra, eu só, coa miña cámara e a miña lanterna". Confesa que "foi extremadamente perigoso", pero que nunca sentiu dúbidas, porque "tanto á min como á xente que lle gusta explorar estes lugares encántanos a adrenalina que nos dán os sitios que imos investigar, o pensar que haberá neles". Con todo, reflexionando tempo despois, tamén se amosa consciente de que "era moi perigoso". A día de hoxe, pensa que "non creo que o volvese facer", pero confesa que "tampouco estou seguro", deixando así a porta aberta a un novo futuro desafío.

APARICIÓN NO RETO DO CAMIÑO DE SANTIAGO DOS 'YOUTUBERS' IBAI E XOCAS

Explorando Ángel, a pesares de contar xa con moita sona en YouTube de antes, fíxose aínda máis coñecido dunhas semanas cara esta parte pola súa aparición no reto do Camiño de Santiago que fixeron os 'youtubers' de talle mundial Ibai e Xocas (este último tamén galego). Ángel puido ensinarlles unha das aldeas abandonadas que hai en Galicia durante unha das súas paradas no Camiño. "Un dos seus editores escribiume dicíndome que ían facer o Camiño e que lles gustaría coincidir comigo nunha das súas etapas", conta. E, despois de que lle facilitasen o plano do Camiño que ían percorrer, "púxenme a buscar a que aldea os podía levar que non se desviase moito da súa ruta". Algo que tampouco foi doado, pois "precisamente as aldeas polas que pasa o Camiño non están despoboadas e teñen negocios vinculados ao mesmo". Así decantouse por unha que quedaba bastante preto da ruta entre Palas de Rei e Castañeda, unha aldea cunha casona do ano 1779 cuxo dono empregaba a moita xente da zona, porque tiña gando e varios aserradoiros.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Explorando Ángel con Ibai e Xocas / Instagram @explorandoangel

Foto tomada por Ángel no mirador de Pena do Castelo / Instagram @explorandoangel

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.