Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2024
Varios incendios provocaron a morte dunha anciá e o desaloxo de máis de 30 persoas en varios lumes que tiveron lugar en Galicia nas últimas horas. Unha muller de avanzada idade morreu onte á noite nun incendio rexistrado na súa vivenda en Ourense e que, de acordo coa información do 112 Galicia, iniciouse por materiais acumulados no domicilio.
Ocorreu no cuarto piso dun edificio da rúa O Bierzo. Foi un vecinio quen deu o aviso ao 112 sobre as 23.45 horas do martes, día de Noiteboa, e que estaban a tentar abrir a porta sen éxito. Seguidamente, a central de emerxencias solicitou a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos bombeiros, da Policía Local de Ourense e da Policía Nacional.
Os bombeiros conseguiron extinguir o lume pouco despois, tras o cal ventilaron as estancias afectadas polo lume, que calcinou materiais acumulados no interior do piso. Con todo, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da muller.
MÁIS LUMES
Ademais, cinco persoas tiveron que ser trasladadas en Noiteboa ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) pola mala combustión dun quentador, que funcionaba cunha bombona de butano.
Nas últimas horas, houbo máis lumes en Galicia. Un incendio rexistrado na mañá deste mércores, día de Nadal, nun edificio en Sada obrigou ao desaloxo dunhas 30 persoas. Varias delas tiveron que ser atendidas por crise de ansiedade e inhalación de fume, e unha veciña foi trasladada ao hospital.
Na Coruña, pouco antes de medianoite os veciños dun edificio da rúa María Luisa Durán Marquina tiveron que desaloxalo tras saltar a alarma por unha tixola ao lume.
O martes tamén se rexistrou un incendio nunha vivenda en Cerceda (A Coruña) que queimou por complexo un anexo da cociña. Sucedeu pouco antes das 20.00 horas no lugar de Vilar de Queixas.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Bombeiros da Coruña / Facebook Bombeiros da Coruña