Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2024
O ano dunha nova maioría absoluta do PP, a primeira de Alfonso Rueda, empezou cun ollo posto no mar pola chegada de pélets plásticos ás costas e despídese coa mirada cara ao interior, onde o proxecto de Altri en Palas de Rei esperta un intenso debate social e político mentres a Xunta ultima a tramitación do expediente ambiental do que depende a súa instalación.
O 2024 será tamén un ano que quedará inscrito na historia por dous procesos xudiciais. Un ano despois do final do xuízo, coñeceuse a sentenza da traxedia do Alvia con condena ao maquinista, Francisco Garzón, e ao exjefe de Seguridade de Adif Andrés Cortabitarte. Meses máis tarde, arrincou na Coruña o xuízo polo crime de Samuel Luiz, pechado con condenas para catro dos acusados e a absolución da única muller procesada.
No ano en que a violencia machista cobrouse cinco novas vítimas mortais, unha enquisa do Instituto Galego de Estatística revelou que, por primeira vez, o galego xa non é a lingua máis falada no país, unha caída de uso máis intensa entre os máis novos, dos que un terzo di saber pouco ou nada da lingua propia de Galicia.
QUINTA MAIORÍA ABSOLUTA PARA O PP
2024 arrincou cunha data no horizonte: o 18 de febreiro. E é que a poucos días de que os galegos comesen as uvas para dar a benvida ao novo ano e tras meses de especulacións, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocou eleccións autonómicas para o penúltimo domingo de febreiro.
Os primeiros compases do ano e, por tanto, da precampaña estiveron marcados pola chegada de pélets ás costas de Galicia. A vertedura de plásticos procedentes dun colector perdido polo cargueiro Toconao fronte ás costas portuguesas xerou un problema ambiental que, á súa vez, derivou en disputa política e institucional.
ELECCIÓNS
Galicia consumiu as primeiras semanas de 2024 entre reproches cruzados de Xunta, Goberno central e partidos mentres continuaban chegando ás praias as pequenas bólas plásticas. Así se achegaron as eleccións galegas, celebradas en pleno entroido e situadas no foco mediático a nivel estatal polas súas posibles implicacións na política madrileña.
Nunha xornada con marca de participación, o PP renovou con folgura o poder en San Caetano. Dous escanos por encima dos 38 necesarios, os populares galegos lograron encandenar a súa quinta maioría absoluta, a primeira con Alfonso Rueda como líder.
Todo nunhas eleccións nas que o BNG de Ana Pontón alcanzou o seu, ata o momento, teito electoral con 25 deputados e os socialistas de José Ramón Gómez Besteiro esborralláronse aos 9 escanos nun Parlamento no que irrompeu a Democracia Ourensá de Gonzalo Pérez Jácome, cumprindo as enquisas e gañándose un asento no Pazo do Hórreo.
CINCO VÍTIMAS MÁIS DA VIOLENCIA MACHISTA
A secuela da violencia machista continuou cobrándose vidas en Galicia. Cinco mulleres morreron a mans da súa parella ou exparella en crimes cometidos na Coruña, Ribeira, Baiona, Moaña e Viveiro.
Na páxina de sucesos, o achado do cadáver dunha muller nunha maleta localizada en Vigo iniciou unha investigación que finalizou coa detención de José Manuel Durán González, máis coñecido como 'O Chioleiro'; condenado en dúas ocasións por matar á súa avoa e, 15 anos despois, a Alicia Rey.
A cidade olívica viviu en agosto, durante as festas de barrio de Matamá, a traxedia da morte dun mozo de 36 anos ao desprenderse un brazo dunha atracción; mentres que a sociedade de Santiago sacudiuse no outono co crime dun coñecido carniceiro da cidade cando se dispuña a abrir o seu posto na Praza de Abastos.
UN ANO MARCADO POR DOUS XUÍZOS
A sentenza do xuízo do Alvia chegou o 26 de xullo, un ano despois de finalizar as comparecencias e dous días despois de cumprirse o undécimo aniversario da traxedia que deixou 80 mortos e máis dun centenar de feridos ás portas de Santiago, a do accidente do Alvia. Tres meses máis tarde da sentenza do Alvia arrincou na Coruña outro dos xuízos máis mediáticos dos últimos anos: o da malleira mortal ao mozo Samuel Luiz en xuño de 2021 no paseo marítimo da cidade herculina.
ALTRI E Os EÓLICOS
No plano económico, a incerteza continuou sobrevoando, un ano máis, sobre o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao, en venda desde a primavera. Dúbidas que tamén planean o desenvolvemento do sector eólico, que acumula 60 parques suspendidos de forma cautelar polo TSXG polo seu posible impacto ambiental.
O equilibrio entre industria e protección do patrimonio natural tamén ocupa o centro do debate con Altri. O proxecto para A Ulloa encara a fase final da súa tramitación ambiental dunha factoría para a que os seus promotores (a multinacional portuguesa e Greenalia) reclaman case 250 millóns de euros de fondos europeos de recuperación. Mentres tanto, sucédense as protestas cidadás contra a súa posta en marcha, a última, unha masiva manifestación que desbordou as rúas de Santiago a mediados de decembro con miles de persoas de persoas (100.000 segundo os convocantes, 40.000 para a Policía Local).
O GALEGO, A MÍNIMOS HISTÓRICOS
O ano no que a princesa Leonor iniciou a súa formación militar en Marín mentres Galicia recibía decenas de refuxiados que foxen da guerra de Mali, terminaron de acenderse as luces vermellas sobre a saúde do galego. Por primeira vez na historia, o galego deixou de ser a lingua máis usada, un descenso de falantes máis agudo entre os máis novos, dos cales, un terzo di non saber nada ou case nada da lingua propia de Galicia.
As alarmas sobre o galego apuntadas pola enquisa do IGE coincidiron cun ano máis de recoñecementos para a literatura e a cultura galega, que sumou outro tres premios nacionais --Bea Lema en banda deseñada, Chus Pato en poesía e Manuel Rivas en letras-- e o Goya á actriz revelación para Janet Novás polo seu papel na galardoada 'O Corno'.
LOUZÁN, PRESIDENTE DA RFEF
O ano en que faleceu José María Caneda, icónico expresidente da SD Compostela; o ata agora máximo responsable do fútbol galego e exbarón provincial do PP, Rafael Louzán, foi elixido novo presidente da Real Federación Español de Fútbol.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Catro dos momentos máis destacados do ano 2024 en Galicia: Alfonso Rueda celebra a maioría absoluta do PP, manifestación en Santiago contra Altri, vertido de pélets plásticos e Francisco Garzón e Andrés Cortabitarte no xuízo do Alvia / Europa Press