A metade dos fogares galegos chegan con dificultade a fin de mes

A enquisa do IGE a peche de 2024 recolle que un de cada cinco fogares de Galicia (o 21,33 %) non se permitiu ningún gasto extra nos últimos tres meses, considerando como tales as viaxes, os imprevistos, as grandes compras, o poder aforrar e saír a cear, entre outros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2025

A porcentaxe de fogares galegos que chegan con dificultade ou moita dificultade a fin de mes situouse, a peche de 2024, no 52,12 %. Son case catro puntos menos que ao concluír 2023, cando este valor se situaba no 56 %, e é o máis baixo desde o terceiro trimestre de 2022. Do mesmo xeito, descendeu ata o 47,88 % a porcentaxe de familias que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, segundo a 'Enquisa coxuntural a fogares' correspondente ao cuarto trimestre de 2024, que este venres publica o Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, entre outubro e decembro do ano que acaba de concluír, os fogares enquisados que recoñeceron que chegan con moita dificultade a fin de mes situáronse no 8,6 % (-1,33 nun ano), mentres que os que aseguraron ter dificultade son o 43,52 % (-2,58). Con todo, se se compara o dato con respecto ao trimestre inmediatamente anterior (xullo-setembro), obsérvase unha disparidade. Así, mentres que os fogares que ven con moita dificultade a fin de mes aumentaron en 1,02 puntos, os que o fixeron con dificultade baixaron en 1,12.

HÁBITOS DE CONSUMO E COMPRAS

En paralelo a estes datos, a enquisa do IGE a peche de 2024 recolle que un de cada cinco fogares de Galicia (o 21,33 %) non se permitiu ningún gasto extra nos últimos tres meses, considerando como tales as viaxes, os imprevistos, as grandes compras, o poder aforrar e saír a cear, entre outros. Ademais, a medida económica máis habitual empregada polos galegos (o 25,82 %) para reducir gastos foi cambiar os seus hábitos de consumo e empezar a adquirir produtos de marcas brancas ou en oferta, aínda que se sitúa como a porcentaxe máis baixa do último ano.

O 21,19 % dos fogares enquisados tamén recoñece que diminuíu outros gastos comúns como roupa, calzado, transporte, gas ou electricidade, fóra da alimentación. Así mesmo, os datos do IGE reflicten como o 37,12 % dos galegos ten pensado aforrar algo de diñeiro nos próximos tres meses; o 60,56 % facer algún gasto extra en alimentación; o 66,54 % saír a cear, a cafetarías e ir ao cinema e ao teatro; e o 25,34 % facer fronte a imprevistos ou grandes compras.

Mentres tanto, o 13,61 % dos fogares de Galicia está a pagar a vivenda principal que ten en propiedade (2,38 puntos menos que hai un ano), o 8,51 % está a pagar o coche e un 3,08 % unha segunda residencia. Por outra banda, o índice de confianza do consumidor (ICC) cae dous puntos e medio a peche de 2024, ata o valor de -16,46. Aínda que mellorou con respecto ao terceiro trimestre a situación financeira persoal e a súa perspectiva de evolución, ata os -5,25 puntos, empeoraron os outros tres valores restantes: capacidade futura de aforro (-29,17), perspectiva da evolución económica de Galicia (-16,48 %) e perspectiva do desemprego (-14,95).

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Miles de persoas pasean polo centro da cidade de Vigo en Nadal / Gustavo de la Paz - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.