O temporal deixa máis de 200 incidencias: coches arrastrados, casas alagadas, rescates e accidentes

Santiago e a súa comarca son as zonas máis afectadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2025

O temporal que afecta a Galicia deixou un total de 213 incidencias entre a medianoite do martes e as 11.00 horas deste mércores, unha xornada con varias alertas activas laranxas e amarelas por fortes ventos e choivas, segundo informa o 112 Galicia. Segundo informan fontes de Renfe a Europa Press, a circulación de trens entre A Coruña e Ferrol atópase interrompida, polo que leva a cabo un plan alternativo por estrada ata novo aviso por prevención.

Mentres, Naturgy traballa para liquidar problemas de subministración de luz en Vigo e Chapela, que chegaron a afectar a 2.500 persoas. Tamén se produciron diversos atrasos nos aeroportos galegos. Na terminal de Peinador, un voo procedente de Madrid e con destino Vigo non puido aterrar esta mañá, polo que tivo que regresar á capital española á primeira hora.

SANTIAGO E VIGO SOFREN O MAIOR NÚMERO

A Coruña é a provincia con maior número de actuacións, cun total de 130. Séguenlle Pontevedra (65), Lugo (14) e Ourense (4). As incidencias máis repetidas tiveron que ver coa presenza de árbores e ramas nas vías de circulación (66), así como outros obstáculos na calzada (27). A choiva provocou o alagamento de vivendas e garaxes (28), estradas (22), rúas (9) e bolsas de auga (10). Por outra banda, destacaron as intervencións dos servizos de emerxencias para previr riscos maiores (como retirar vexetación ou asegurar fachadas), con 22 casos.

Por municipios, Santiago e Vigo rexistran o maior número de incidencias, con 37 e 21 respectivamente. Na provincia da Coruña destacan tamén Ames e A Coruña, con sete cada un, así como Boiro, Brión e Ribeira, con cinco. Na de Pontevedra, A Estrada e Vilagarcía (4) e Gondomar, Pontevedra e Redondela (3). Precisamente, en Santiago houbo inundacións en diversos puntos como na vía Edison, onde diversos particulares explicaron sobre as 7.45 horas que estaban enriba dos seus vehículos porque a altura da auga era considerable, o que obrigou a intervir aos bombeiros municipais. Tamén houbo alagamentos na rotonda do Vieiro, en Fontiñas, así como na contorna da estación intermodal e a parte baixa do centro escolar compostelán Divino Mestre, na rúa de Blanco Nájera, polo que os nenos tiveron que volver a casa.

O Concello de Santiago informa de que traballa para resolver os problemas, xa que hai ao redor de 50 puntos de luz que non funcionan correctamente en zonas de Castiñeiriño, Conxo e Laraño. Houbo alagamentos de vivendas en Trinidade, Brañas de Sar, Castrón Douro, Castiñeiriño, Pelamios e Hortas. Os Bombeiros realizaron un total de 25 intervencións. Os parques da cidade reabriron ás 14.00 horas. Aínda que o 112 Galicia non rexistrou incidencias de consideración, produciuse o rescate dunha muller que quedou atrapada no seu coche pola auga na ponte de Laraniño, en Laraño, pouco antes das 9.30 horas da mañá. Os bombeiros municipais tiveron que intervir para sacar do vehículo á implicada, que se atopaba en bo estado. Tamén participou a Garda Civil de Tráfico. O GES de Brión explica a Europa Press que se produciron varias inundacións de vivendas na zona do Cabo pouco antes das 8.00 horas, en lugares onde hai problemas recorrentes polo desborde de ríos, aínda que ao redor dunha hora e media despois achicouse gran parte da auga.

Por outra banda, en Lousame, unha muller tivo que ser rescatada do seu vehículo polo GES de Boiro: un río desbordado provocou que o coche fose arrastrado pola corrente ao longo dunha pista forestal do lugar de Cernande, en Tállara. A implicada atópase en bo estado. En Vigo, un particular alertaba dez minutos antes das 9.00 horas de que se atopaba atrapado pola auga dentro do seu portal, na rúa Areal. Era incapaz de saír ao exterior pola forza da corrente, que estaba a empezar a alagar o interior do edificio. Desde o 112 Galicia alertouse aos Bombeiros de Vigo. Mentres, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que se produciron "bastantes incidencias na cidade", con fallos de subministración eléctrica en diferentes zonas e inundacións, aínda que "nada de gravidade reseñable".

En canto a accidentes de tráfico, un coche chocou contra unha árbore que se atopaba na estrada na AG-55 ao seu paso por Gándara, municipio de Zas, e acabou dando varias voltas de campá. Ocorreu minutos antes das 8.00 horas. Neste operativo participan 061 e a Garda Civil de Tráfico, así como os servizos de mantemento da estrada. No municipio coruñés de Ames, fontes municipais explican a Europa Press que ao redor de 90 vivendas na urbanización de Agro do Muíño sufriron o corte das vías principais entre as 7.50 e as 9.35 horas, momento no que quedou totalmente restablecido o tráfico. Así mesmo, o colexio do lugar tivo que atrasar o comezo das clases.

O Consorcio Contra Incendios e de Salvamento A Coruña informa de que foi necesario evacuar a unha familia do seu domicilio na Pobra do Caramiñal polo desbordamento do río Lérez. Os bombeiros de Ribeira traballaron nun operativo no cal as inundacións deste afluente do río Barbanza causaron danos materiais no exterior e o interior do domicilio. Pola súa banda, a Deputación de Lugo informa de que atendeu nas últimas horas un centenar de incidencias en estradas provinciais polas intensas choivas e ventos.

MÁXIMAS DE CHOIVAS E VENTO

Durante esta mañá de mércores, Galicia rexistrou ventos de máis de 150 quilómetros por hora. En concreto, o valor máximo, segundo Meteogalicia, contabilizouse en Penedo do Galo, en Viveiro, con 152,1 km/h ás 7.20 horas deste mércores. Tamén na Gándara, en Vimianzo, rexistráronse refachos de vendo de 141 quilómetros por hora ás 6,30 horas e na cidade da Coruña, de case 130 km/h. En Cuntis e en Oia superáronse os 120 km/h.

Pola súa banda, en Rois acumuláronse ata 71,6 litros de choiva por metro cadrado; seguido de Lousame (67,3 litros por m2). Destaca tamén o episodio duns minutos de tromba de choiva que caeu pouco antes das 8.00 horas en Santiago. Meteogalicia espera un mediodía e unha tarde "algo máis tranquila" tras o paso da fronte, aínda que os refachos de vento seguirán sendo fortes no norte das provincias da Coruña e de Lugo e en zonas altas. Haberá chuvascos illados e intermitentes, por momentos intenso, ocasionalmente con raios e sarabia.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Cosnecuencias do temporal Kirk en Galicia / remitida

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.